Saltar navegación

4. Reto final

Como podemos facer a guía?

Cando ao principio do REA se vos presentaba o reto, dicíasevos que poderiades seleccionar un dos múltiples itinerarios que se vos propuxeron para confeccionar unha guía de viaxe. Seguidamente, e a modo de exemplo, presentámosvos unha guía na que se recolle unha viaxe entre Monforte (Lugo) e o Castro de Baroña (preto do Porto do Son, a Coruña). Reparade nela porque seguramente vos dará moitas ideas para preparar as vosas.

Ánimo!

Un programa adecuado para elaborar a guía-presentación é o programa Impress, por exemplo.

Diapositiva 1

Recollerá o título e funcionará de portada.

Diapositiva 2

Incluirá os vosos nomes.

Diapositiva 3

Introdución. Breve escrito onde se di por que facedes a guía e cales son os obxectivos da mesma. Mellor redactala ao finalizar o resto dos apartados. Pode ir acompañada dunha imaxe.

O obxectivo deste traballo é elaborar unha guía da viaxe que imos facer o alumnado de 1° de ESO desde Monforte ata Baroña.

Con ela plasmaremos na realidade os conceptos teóricos aprendidos na aula sobre os conceptos de localización, cartografía e relevo. Centrarémonos nos aspectos relacionados cos mapas e no relevo continental e costeiro que podemos observar no traxecto entre Monforte e Baroña.  Seleccionamos este itinerario porque transcorre por gran parte de Galicia e permite ver paisaxes e formas de relevo diferentes.

Mapa que indica o punto de saída e de chegada da guía

Diapositiva 4

Coordenadas e distancia. Deberedes anotar as coordenadas xeográficas dos lugares de partida e chegada, e localizalos nun mapa de Galicia que teña escala, para calcular a distancia aproximada en liña recta entre os dous puntos. Xunta un mapa cos lugares de inicio e destino da viaxe unidos por unha liña recta.

Podemos obter todos os datos necesarios usando mapas de papel ou diferentes páxinas de Internet. Os mapas de Galicia con escala pódelos buscar na páxina de Información Xeográfica de Galicia. Para acceder pica aquí.

Non dubides en pedirlle axuda ao teu profesor ou a túa profesora.

Coordenadas:


Monforte: 45° 53’ N e 7° 21’ O.

Castro de Baroña: 42° 69’N e 9° 02’ O.

Distancia calculada segundo a escala do mapa:

Liña recta: 131 km

Mapa cun segmento recto que une os puntos de saída e chegada

Diapositiva 5

Itinerario e duración da viaxe. Nalgunha aplicación informática, por exemplo Open Street Maps, buscamos o noso itinerario. O programa daranos a posibilidade de buscar os percorridos en coche, en bicicleta, andando... Escollemos "en coche".

Capturamos a imaxe do mapa co percorrido e no texto imos indicando:

- O sentido do itinerario, indicando os cambios de dirección que poida haber, utilizando os puntos cardinais.

- As localidades importantes polas que pasaredes.

- Os ríos que atravesades.

- As formas de relevo polas que transcorre o itinerario.

Title

O percorrido máis curto -169 km- é pola Autoestrada Central Galega (AP-53),  e  terá unha duración de dúas horas e seis minutos. O primeiro treito ten unha dirección SE-NO e o segundo NE-SO.


Pasaremos por localidades como  Chantada, Lalín, Santiago ou Noia. E cruzaremos ríos tamén destacados como o Miño ou o Ulla. Pasamos moi preto do Tambre en Santiago e na súa desembocadura.


No noso traxecto pasamos da depresión de Monforte ás serras da Dorsal Galega e atravesamos varios vales ata chegar ao pé da serra do Barbanza.

E chegaremos ao mar!

Mapa marcando as estradas a seguir na nosa viaxe

Diapositivas 6 - 14

Os lugares máis relevantes. Breve información acompañada de mapas e fotografías: coordenadas, poboación, características do relevo continental e costeiro.

Este é un dos apartados máis longos do reto, e para elaboralo necesitaredes a orientación do profesorado. Primeiro debemos escoller as poboacións e enclaves que, pola súa importancia, debemos incluír no traballo final: por unha banda, as poboacións e, pola outra, elementos da paisaxe e do relevo que paga a pena destacar: un val, unha montaña, unha chaira ou meseta, infraestruturas destacadas (pontes, viadutos, túneles...) etc. Nalgún destes puntos podedes propor unha parada, explicando o seu interese.

Se o voso percorrido é moi longo, podedes dividilo en treitos, e facer o proposto para cada un deles.

Saímos de Monforte e abandonamos a chaira, ascendendo ata os 600 metros, para despois descender bruscamente ata o Miño, que circula encaixado nunha meseta, só uns metros máis abaixo do encoro de Belesar.

Ascendemos un val, escavado polo río, de forte pendente ata pasar a vila de Chantada, situada nunha meseta a uns 500 metros de altitude.

Fotografía de Monforte de Lemos
Fotografía de Chantada

Imos facer unha breve parada para achegarnos ao Miradoiro de Gundián, onde quedaremos abraiados ante as dúas magníficas obras de enxeñaría, os viadutos do ferrocarril, que salvan un desfiladeiro escavado polo río Ulla na súa parte máis estreita.

Tamén podemos observar outras alteracións do relevo e da paisaxe realizadas polo ser humano: os túneles das vías ferroviarias e as dúas minas nas dúas marxes do río.

Fotografía do val de Chantada
Viaduto de Ponte Ulla

Lembrade que o voso obxectivo é ensinarlle aos vosos compañeiros e compañeiras o interese do percorrido, que saiban por onde van e cales son as características do territorio polo que viaxaredes. Para conseguir que eles aprendan é imprescindible que vós teñades claro o que ides buscar e, tamén, que pensedes cal é o mellor método para ensinar. Vós sodes as profesoras e os profesores.

Diapositivas 15 - 19

A onde chegamos e que visitamos?

Aproxímase a hora de xantar, e como temos un bo día imos a un merendeiro, a carón da praia, na Coviña. Desde aí, por unha cómoda pasarela achegámonos ata as Furnas, onde podemos apreciar, con todo detalle, a forza erosiva do mar, do vento e da choiva.


Despois do paseo, recollemos todos os restos de comida, e subimos ao bus para ir ata Corrubedo, onde veremos o Cabo do mesmo nome, co seu faro, e as famosas dunas (lembrade que non se pode subir a elas!) A máis alta está considerada a duna móbil máis alta de Galicia e dálle nome ao Parque Natural.

Volvemos sobre os nosos pasos, e pouco antes de chegar ao Porto do Son torcemos cara ao leste, ascendendo ata o monte Enxa (538 metros). No seu cume hai unha estación de Salvamento Marítimo. As vistas desde este miradoiro son impresionantes e abranguen toda a Ría de Muros e Noia.

Fotografía da praia das Furnas
Fotografía da duna de Corrubedo

Seguindo o mesmo criterio ca no apartado anterior, nestas diapositivas describiremos os aspectos xeográficos máis importantes dos lugares nos que pasaremos o día. Temos que ser quen, coa axuda da profesora ou do profesor, de pescudar cales son os espazos máis destacados, buscar unha breve información e deseñar o percorrido ao longo do día.

Diapositivas 20 - 22

A xogar! 

A guía debe incluír un xogo final que se fará por grupos cando xa esteades de volta no centro, no que teredes que poñer en práctica o aprendido respondendo unha serie de preguntas. Necesitaredes o mapa topográfico do voso lugar de destino, que podedes descargar aquí, coa axuda da túa profesora ou do teu profesor.

A continuación tedes un exemplo que vos pode servir de inspiración para a vosa proposta de preguntas.

O XOGO

1. Que forma de relevo costeiro une o castro de Baroña ao continente?

2. Desde o monte Enxa no que estamos, en que dirección queda O Porto do Son?

3. Cal é a máxima altura que figura neste mapa?

4. Consulta e anota as coordenadas xeográficas (en graos e minutos) da principal localidade do mapa.

5.  Cal é a escala numérica do mapa?

6. No extremo suroccidental da costa representada, como se chama a praia que está ao norte da Punta das Covas?

7. Como se chama a praia máis setentrional que aparece neste mapa?


8. Como se chama o regato que desemboca na praia do Son no Porto do Son?

Mapa topográfico do Porto do Son

Diapositiva 23

Agradecementos e fontes utilizadas.

Nesta diapositiva simplemente temos que nomear aquelas persoas que nos axudaron a resolver o reto, e citar todos os libros, atlas e páxinas web que consultamos.

 

Rematamos...?

...ou non

Pois non, aínda non rematamos. Pero o traballo duro xa está feito. Agora toca presentarlles ás nosas compañeiras e aos nosos compañeiros a Guía de viaxe. Para isto a fixemos. Podemos preparar unha exposición na propia aula ou, aínda mellor, podedes facer vós de guías de turismo na mesma viaxe.

Fotografía dunha aula

Nos dous casos deberedes enviarlle antes aos vosos compañeiros a guía, e sobre a mesma, ir explicando o que vos pareza máis importante.

En calquera caso é moi importante que vos organicedes ben, distribuíndo os contidos e as quendas de intervención de xeito consensuado e equitativo. Podedes redactar un guión das vosas intervencións, pero lembrade que só é un apoio, non debe lerse sen máis. Procuraredes falar de xeito fluído, alto e claro, sempre pendentes de espertar a atención do voso público (mesmo podedes facer preguntas para que ninguén se despiste!).

Remataremos dando as grazas e pedindo a opinión crítica ás compañeiras e aos compañeiros. Anotaremos as suxestións no diario de aprendizaxe.

Pode ser interesante que, para concluír esta tarefa, fagades unha posta en común na aula, na que oralmente valoredes o voso reto e os dos outros grupos, sempre co obxectivo de aprender e mellorar de cara ao futuro.

Lectura facilitada

Para facer a guía empregaredes o programa Impress, por exemplo.

Na diapositiva 1 poredes o título.

Na diapositiva 2 poñedes o nome.

Na diapositiva 3 indicades os obxectivos da guía.

Na diapositiva 4, a seguinte información :

-As coordenadas do lugar de orixe.

-As coordenadas do lugar de destino.

-A distancia entre elas.

Na diapositiva 5 indicades o camiño a percorrer.

Nas diapositivas 6 a 14 citaredes os lugares máis importantes por onde pasaredes.

Nas diapositivas 15-19 hai que describir o lugar de chegada.

Nas diapositivas 20-22 explicades o xogo.

Na diapositiva 23 indicades as fontes de información utilizadas.

Para rematar, faise unha exposición na clase.

Volvemos ao diario

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaLembrade que segundo vaiades avanzando no reto debedes ir cumprimentando as cuestións que figuran no diario de aprendizaxe na fase 4. Ánimo!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)