Relación ou proporción existente entre o tamaño real dun espazo e a súa representación no mapa.
Exemplo:
O plano dunha cidade ten unha escala moi grande, por iso contén moita información.
Lenda
Definición:
Explica o significado dos símbolos e cores dun mapa.
Exemplo:
Segundo a lenda do mapa a cor gris representa os países dos que non se teñen datos.
Proxección
Definición:
Método de representación da superficie da Terra sobre un plano que limita as distorsións que afectan as áreas, as distancias, as formas...
Exemplo:
A proxección acimutal amosa a Terra vista desde arriba.
Cartografía
A guía que tedes que elaborar no reto debe incluír mapas e coordenadas xeográficas. Sabedes o que son? Non? Non vos preocupedes. Lede con atención e realizade as actividades propostas.
Un mapa é unha representación sinxela da superficie terrestre sobre un plano conforme a unha escala e a un modo de proxección.
Preme sobre o mapa para ver os elementos que axudan a interpretar un mapa.
Lectura facilitada
Un mapa representa a superficie terrestre sobre un plano.
Os elementos máis importantes para entender un mapa son:
- A escala:
Úsase para respectar as proporcións entre o mapa e a superficie representada
Pode ser gráfica ou numérica.
- A lenda:
Todos os mapas utilizan unha serie de símbolos, cores, liñas ou debuxos.
O significado de todos eles disponse na lenda,
polo xeral nun recadro dentro do mapa.
Audio
Sabías...
Aínda que con certeza houbo outros antes, o primeiro mapa do mundo do que hai constancia data do século VII a. C. Trátase dunha táboa babilónica de arxila na que se representan 7 cidades en terra firme, illas e o océano.
Lectura facilitada
O primeiro mapa coñecido é do século VII a.C.
Representación da Terra
1. A escala
A escala indica a relación ou a proporción existente entre o tamaño real dun espazo e a súa representación no mapa. A escala pódese reflectir nun mapa de maneira numérica ou gráfica. Numérica: exponse mediante unha fracción 1:XXXX ou 1/XXXX e significa que unha unidade de medida no mapa equivale a XXXX veces esa mesma unidade de medida na realidade.
Repara no exemplo: Escala 1/100.000: significa que 1 centímetro no mapa equivale a 100.000 centímetros na realidade (recorda que 100.000 centímetros equivalen a 1 quilómetro).
Gráfica: represéntase mediante unha liña dividida en partes iguais (comunmente 1 centímetro). Os números que acompañan os diferentes segmentos por norma xeral representan os quilómetros equivalentes a cada cm.
En función da extensión que se represente nun mapa e da información que este ofreza distinguimos:
Pequena escala: maior de 1/500.000. Permite representar grandes espazos xeográficos pero con pouco detalle así que pode recoller información moi limitada. Normalmente emprégase para mapas do mundo, grandes rexións e grandes países.
Gran escala: menor de 1/50.000. Un mapa de gran escala permite representar ámbitos xeográficos reducidos pero con moito detalle, así que pode recoller información ampla. Úsase frecuentemente para espazos como rexións, concellos, cidades... Un mapa topográfico é un exemplo típico.
Nun mapa topográfico represéntase o relevo do terreo e os detalles máis característicos do mesmo (poboacións, cultivos, ríos,vexetación...). Na súa elaboración utilízanse colores, símbolos e sombreados. Así, o relevo (mesetas, montañas, etc.) represéntase por medio de sombreados e de curvas de nivel, de cor marrón. As curvas de nivel son aquelas liñas que unen os puntos de igual altitude. Ao sinalar os puntos de igual altitude, todas as curvas de nivel son paralelas entre elas e, polo tanto, a maior ou menor proximidade entre elas sinalará a maior ou menor pendente do terreo.
Proba a velos premendo nos botóns
Pequena escala
Un mapa 1:500.000
Mapa gran escala
Un mapa topográfico 1:25.000
Lectura facilitada
A escala:
Para respectar as proporcións entre o mapa
e a superficie representada úsase a escala.
Pode ser gráfica ou numérica.
2. A proxección
Plasmar nun plano a superficie case esférica da Terra sen distorsións é imposible. Para tratar de minimizar este problema empréganse as proxeccións cartográficas. As máis utilizadas son a cilíndrica, a cónica e a plana ou acimutal.
Cilíndrica
Proxecta a esfera sobre un cilindro. É a que mellor se adapta á representación dos espazos intertropicais.
Cónica
Proxecta a esfera sobre un cono. É a máis axeitada para representar as zonas comprendidas entre os trópicos e os círculos polares.
Acimutal
Proxecta a esfera sobre un plano situado nun polo. É a mellor para representar as zonas polares.
Mercator
De tipo cilíndrico, proxecta a esfera sobre un plano situado nun polo. Neste mapa, canto maior é a latitude, máis esaxerado aparece o tamaño do territorio.
Gall Peters
De base cilíndrica, a proxección realizada por Arno Peters en 1974 trata de corrixir as distorsións de tamaño das diferentes áreas observables no caso anterior. O mapa de Gall Peters mantén as proporcións dos espazos xeográficos, pero as formas parecen estirarse nas latitudes baixas.
Lectura facilitada
Sistemas de proxección
O espazo xeográfico represéntase mediante mapas.
Pódese pasar da superficie curva da Terra á superficie plana do mapa.
Para iso úsanse os sistemas de proxección.
3. Tipos de mapas
En función da información que reflicten podemos diferenciar diversos tipos de mapas:
Mapas topográficos: representan o relevo do terreo e os seus detalles máis característicos, tanto do medio físico coma de elementos humanos (poboacións, redes de transporte, cultivos, ríos, vexetación...) Na súa elaboración utilízanse cores, símbolos e sombreados. Así, o relevo represéntase por medio de sombreados e de curvas de nivel, de cor marrón. As curvas de nivel son aquelas liñas que unen puntos de igual altitude. As curvas de nivel non se cruzan entre si, e a súa maior ou menor proximidade indica respectivamente maior ou menor pendente.
Mapas temáticos: dan información sobre distribución espacial dun aspecto concreto: físicos, políticos, climáticos, xeolóxicos, históricos....
Seguidamente poderás ver algún dos múltiples tipos de mapas cos que te podes atopar:
Mapa topográfico
Mapa físico: relevo de España
Mapa político: mapa municipal de España e Portugal
Mapa climático: climas de España
Mapa xeolóxico: mapa xeolóxico da Península Ibérica
Mapa histórico: mapa rexional de España segundo a Constitución de 1873
Un mapa é unha representación sinxela da superficie terrestre sobre un plano conforme a unha escala e a un modo de proxección.
A escala indica a relación ou a proporción existente entre o tamaño real dun espazo e a súa representación no mapa. A escala pódese reflectir de maneira numérica (exponse mediante unha fracción 1:XXXX) ou gráfica (Represéntase mediante unha liña dividida en partes iguais).
En función da extensión que se represente nun mapa e da información que este achegue distinguimos:
Pequena escala: maior de 1/500.000
Gran escala: menor de 1/50.000
Plasmar nun plano a superficie case esférica da Terra sen distorsións é imposible. Para tratar de minimizar este problema empréganse as proxeccións cartográficas.