Saltar navegación

1.1. A polo reto

 

Glosario

Guía de viaxe

Debuxo dunha guía de viaxe

Definición:

É un documento para os viaxeiros e viaxeiras que proporciona detalles sobre un destino turístico ou un itinerario.

Exemplo:

Unha boa guía é fundamental para preparar unha viaxe.

A polo reto

Unha queixa repetida por parte do alumnado é que facedes poucas saídas co instituto. Pero non pensades en que, cando ides de viaxe coa escola, seguramente non vos preocupa moito cal é a ruta a seguir, os lugares polos que pasaredes, as distancias percorridas ou o relevo do lugar a visitar. Así que na materia de Xeografía e Historia se vos propón unha saída, pero se sodes quen de planificala vós mesmos.

Acabouse confiarllo todo ao profesorado, así que deberedes ser vós os que organicedes as distintas propostas de saídas elaborando GUÍAS DE VIAXE. Se o labor está ben feito, o departamento de Xeografía e Historia comprométese a realizar a viaxe que entre todos consideredes mellor planificada.

Imaxe decorativa na que se reflicte un mapa cun compás

Gústavos viaxar? Que é o que máis vos interesa dun lugar ou comarca?

Ides preparar esas viaxes, divididos en grupos de 4 ou 6 persoas. Durante o proceso de información e elaboración, cada quen ten que ir anotando as tarefas que vaia facendo no diario de aprendizaxe, co seu nome.

Lectura facilitada

Seguro que vos gusta viaxar.

As guías de viaxe son moi útiles para organizar unha viaxe.

Na clase deberedes buscar un destino para unha viaxe por Galicia.

Cando teñades o destino debedes facer a guía da viaxe.

O teu reto

Cada grupo deberá confeccionar a súa propia guía de viaxe baixo a supervisión da profesora ou do profesor, que proporá unha listaxe de rutas en Galicia das cales cada grupo seleccionará unha.

Algunhas proposta de lugares serán: Pico Sacro- Río Ulla; Terra Cha; A Veiga; Carnota-Ézaro-Muros; Santa Tegra; A Fonsagrada- Navia de Suarna; Illas Cíes; Fisterra- Cabo Touriñán; Serra da Capelada- San Andrés de Teixido; Val de Monterrei...

Cada guía deberá ter unha portada co título (o nome da ruta e unha das súas características destacables); unha imaxe significativa de boa calidade (se foi recollida de Internet tedes que poñer o enderezo nun curruncho da imaxe); nome e apelidos dos autores; e a data de realización.

Lectura facilitada

Deberedes facer unha guía de viaxe.

Debe cumprir os seguintes requisitos:

-Ter un título.

-A ruta a seguir.

-Imaxes de lugares de interese.

-Tendes que indicar a procedencia das imaxes.

-Bibliografía ou webgrafía.

-Nome dos autores.

-Data.

Que podes aprender completando o reto?

  • Identificar e interpretar distintos tipos de mapas.
  • Localizar lugares nos mapas, usando as coordenadas xeográficas.
  • Comprender como se elaboran os mapas (sistemas de proxección e escala).
  • Usar aplicacións dixitais para localizar e viaxar ata unha localidade, contrastando a súa información coa proporcionada por un mapa tradicional.
  • Identificar distintos tipos de relevo, tanto na realidade, en imaxes, como nos mapas topográficos.
  • Valorar a importancia de coidar o medio natural.
  • Traballar en grupo de xeito organizado e efectivo.
  • Seleccionar e xerarquizar a información.
  • Expoñer oralmente o resultado do noso traballo.

Lectura facilitada

Que lograrás facer se completas o reto:

  • Identificar e interpretar distintos tipos de mapas.
  • Localizar lugares nos mapas, usando as coordenadas xeográficas.
  • Comprender como se elaboran os mapas (sistemas de proxección e escala).
  • Usar aplicacións dixitais para localizar e viaxar ata unha localidade.
  • Contrastar a información das aplicacións coa que dan os mapas tradicionais.
  • Identificar distintos tipos de relevo, tanto na realidade, en imaxes, como nos mapas topográficos.
  • Valorar a importancia de coidar o medio natural.
  • Traballar en grupo de xeito organizado e efectivo.
  • Seleccionar e xerarquizar a información.
  • Expoñer oralmente o resultado do noso traballo.

Hai que empezar xa!

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaIde ao diario de aprendizaxe e respondede ás actividades propostas na fase 1.

É moi importante que o cubras porque para aprender... hai que reflexionar!

Accede ao modelo a través da páxina "Diario de aprendizaxe" e descárgao.

Lembra:

Pregunta ao teu profesor ou profesora se a cubrirás en papel ou no computador.
Se a cobres no computador, non te esquezas de gardala no teu equipo cando termines!
Ánimo, que o farás xenial!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)