Comeza a viaxe
Desde sempre, un dos problemas da humanidade foi situarse no espazo terrestre. Saber onde estamos, localizar lugares de interese, medir as distancias, o tempo da viaxe... son cuestións que aínda hoxe compartimos as persoas.
As ferramentas máis útiles e importantes para responder a esas preguntas son os mapas que se poden definir como representacións da superficie terrestre sobre un plano conforme a unha escala e a un modo de proxección. Os primeiros eran sinxelos e non sempre precisos, pero co paso do tempo os avances técnicos permitiron trazar mapas máis completos e correctos.
Tamén contamos na actualidade coas aplicacións informáticas, que nos facilitan moito as cousas, pero que non podemos usar de forma óptima se non sabemos interpretar a información que nos proporcionan os mapas tradicionais. Sabes que XEOGRAFÍA é a ciencia que estuda a Terra (xeo: terra; grafía: descrición)? Gústache mirar os mapas? Para que serven? Mira o seguinte vídeo:
O traballo que desenvolverás axudarache non so a aumentar o teu coñecemento xeográfico senón tamén a acadar determinados obxectivos dos ODS; entre eles: 4 (educación de calidade), 5 (igualdade de xénero), 15 (vida de ecosistemas terrestres) e 17 (alianzas para acadar obxectivos).
Lectura facilitada
Desde sempre os seres humanos quixemos saber onde estamos no espazo.
Saber localizar lugares, medir distancias... seguen sendo temas moi importantes.
Para poder facer todo isto as ferramentas máis comúns son os mapas.
As novas tecnoloxías colaboran para facilitarnos a tarefa.