Saltar navegación

3. Aprendede máis: mapas e relevo

Adiante co reto!

Xa sabedes que o voso reto é deseñar unha saída cunha guía explicativa dos aspectos xeográficos que ides ver. Para iso seranvos moi útiles os contidos que ides aprender de seguido. Para facilitar o traballo, seguide as pautas que tedes a continuación.

Que debe incluír a Guía?

  • As coordenadas xeográficas do lugar; a súa localización dentro de Galicia (usando os puntos cardinais); a súa distancia en liña recta desde o teu centro educativo e a súa altitude.
  • Ruta en autobús: estradas e principais accidentes xeográficos que cruzaremos (montañas, ríos, localidades importantes...).
    Formas do relevo terrestre que apreciamos na paisaxe.
  • Unha tarefa, un xogo, a realizar polo alumnado durante a visita.
  • Unha relación das fontes bibliográficas e dixitais utilizadas.

Organizamos o grupo

Para conseguir resolver o reto con solvencia temos que facer un esforzo de organización grupal, tendo en conta que só podemos ter éxito se todos achegamos o noso gran de area. Temos que aceptar a opinión do grupo, non ir por libre, cumprindo os prazos, axudándonos (non todos temos a mesma facilidade para este tipo de tarefas) e contribuíndo a crear bo ambiente.

  • Eliximos unha persoa coordinadora do equipo, que moderará os posibles debates e será o interlocutor co profesor ou profesora.
  • Escollemos un destino.
  • Repartímos os primeiros quefaceres.

Seredes quen de conseguilo? Seguro que si, o premio é ben atractivo: facer de toda Galicia un aula de xeografía! Aprender fóra da aula! Compartir viaxes cos colegas! Adiante!

Pasa a páxina e comeza a prepararte.

Lectura facilitada

A guía deberá conter o seguinte:

  • As coordenadas xeográficas do lugar de saída e chegada.
  • A distancia en liña recta entre elas.
  • Ruta en autobús.
  • Relación dos accidentes xeográficos que cruzaredes (montañas, ríos, localidades importantes...).
  • Relación de lugares de interese.
  • Un xogo.
  • Unha relación das fontes bibliográficas e dixitais utilizadas.

Organizamos o grupo:

  • Eliximos un coordinador ou coordinadora do equipo, que moderará os posibles debates.
  • O coordinador ou coordinadora será o interlocutor ou interlocutora co profesor ou profesora.
  • Escollemos un destino.
  • Repartímonos os primeiros quefaceres.

Aprendede máis: mapas e relevo

Xa sabemos como orientarnos e como indicar a localización dun lugar calquera do planeta. Pero, como trasladamos esa información? Cun mapa. A continuación tes información sobre os mapas que necesitarás para afrontar o reto final.

A cartografía é a arte e a técnica que se encarga de realizar os mapas cos que poder representar a superficie da Terra. Dado que esta ten forma de esfera imperfecta, de xeoide, a maneira de  representala coas mínimas distorsións posibles é utilizando os globos terráqueos. Mais o método habitual de representación do noso planeta é o dos mapas debido a súa facilidade de uso.

Fotografía dun globo terráqueo antigo

 

Lectura facilitada

A Terra pódese representar mediante dous sistemas:

-Mapas:

Representan a Terra en plano.

Son máis cómodos de usar.

-Globos terráqueos :

Representa a Terra mediante unha esfera.

Son máis realistas.

A cartografía é a arte e a técnica que se encarga de facer os mapas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)