Saltar navegación

3.1. Xogando polo mundo

 

Glosario

Patrimonio

Pictograma que fai referencia ao patrimonio artístico e cultural

Definición:

Conxunto de monumentos, lugares, festas... de certa antigüidade e cunha importancia recoñecida que pertencen a un lugar ou rexión.

Exemplo:

O patrimonio artístico dese país está moi estragado.

Viaxando cos xogos tradicionais

O xogo é esencial para o desenvolvemento das persoas. A través del aprendemos, compartimos momentos con outras persoas, comunicámonos e pasámolo ben, sexa en Galicia, en Marrocos ou no Brasil. Non importa o lugar, todos os nenos e nenas do mundo xogan porque o xogo é como unha lingua máxica que nos une. 

Pero hai tempo, os rapaces e as rapazas xogaban a outras cousas diferentes ás actuais. Hai anos, por exemplo, xogábase moito máis na rúa, no campo, nas prazas... case calquera lugar e material servíalles para xogar. O xogo na rúa era a súa forma de desfrute, pero tamén a súa forma de aprendizaxe, que lles servía para, ademais de aprender moitas habilidades, para ocupar o seu tempo libre de xeito activo e saudable.

Pero pouco a pouco chegaban novos xogos, novas actividades con tecnoloxía máis moderna e a rapazada ía deixando de xogar a eses xogos que antes tanto se practicaban. Algúns foron desaparecendo e outros pasaron a practicarse cada vez menos.

Aquí comezaredes unha pequena viaxe no tempo, a cal vos levará a distintos recunchos de Galicia, de España e do mundo e que vos ensinará eses xogos tan emocionantes que facían que a rapazada xogase horas e horas.

Lectura facilitada

O xogo é esencial para o desenvolvemento das persoas.

A través do xogo aprendemos, compartimos momentos con outras persoas,

comunicámonos e pasámolo ben,

sexa en Galicia, en Marrocos ou no Brasil. 

Non importa o lugar, o xogo é como unha lingua máxica que nos une. 

Pero hai tempo, os rapaces xogaban a cousas diferentes ás actuais.

Hai anos xogábase moito máis na rúa, no campo, nas prazas...

calquera lugar e material servía para xogar.

O xogo na rúa era unha forma de desfrute, pero tamén unha forma de aprendizaxe:

servía para aprender moitas habilidades

e para ocupar o tempo libre de xeito activo e saudable.

Pero pouco a pouco chegaron novas actividades con tecnoloxía máis moderna

e a rapazada foi deixando de xogar a eses xogos que antes tanto se practicaban.

Algúns foron desaparecendo e outros pasaron a practicarse cada vez menos.

Aquí comezaredes unha pequena viaxe no tempo,

a cal vos levará a distintos recunchos e xogos de Galicia, de España e do mundo.

Habilidades que se traballan a través do xogo

O xogo é unha actividade fundamental no desenvolvemento humano, xa que a través del mellóranse numerosas habilidades de forma espontánea e divertida.

  • Coordinación e axilidade: Saltar, correr, lanzar, esquivar obstáculos etc. O xogo mellora as nosas habilidades motrices e axuda a mellorar a súa precisión.
  • Equilibrio e control corporal: manterse en diferentes posicións: de pé, nunha perna, camiñar por liñas... axudan a desenvolver a estabilidade.
  • Percepción espacial e lateralidade: xa que requiren moverse en diferentes direccións. Así comprendemos mellor o espazo que nos rodea.
  • Capacidades físicas básicas: hai tantos tipos de xogos diferentes: de carreiras, de escalada, de empurrar, de esquivar, de saltar… todos eles axudan a mellorar a forza, a resistencia, a velocidade e a flexibilidade.
  • Creatividade e imaxinación: permiten inventar normas, contar historias, interpretar personaxes, buscar diferentes solucións a retos...
  • Cooperación e traballo en equipo: apréndese a cooperar, a respectar normas, a agardar a quenda, a respectar aos compañeiros e compañeiras...
  • Controlar emocións: igual que nos permiten expresar emocións, os xogos nos permiten aprender a xestionar emocións diferentes, frustracións e nos axudan a fortalecer a nosa autoestima.

Estas e moitas máis habilidades se melloran xogando e por iso dicimos que o xogo é unha actividade esencial para a nosas vidas.

Xogos populares

Os xogos populares son xogos moi coñecidos e practicados por moitas persoas, pero poden variar co tempo ou segundo o lugar.

  • Adoitan ser actuais ou reinventados, aínda que algúns veñen da tradición.
  • Son moi comúns e accesibles, pero non sempre teñen un gran valor histórico.
  • As regras poden cambiar segundo quen xoga ou onde se xoga.
  • Pódense facer con obxectos do día a día.

Algúns xogos populares son:

Xogos tradicionais

Os xogos tradicionais son xogos moi antigos, transmitidos de xeración en xeración. Forman parte do patrimonio cultural dun pobo.

  • Teñen raíces históricas ou culturais profundas.
  • Xeralmente transmítense oralmente, sen estar escritos.
  • Conservan normas fixas ou formas de xogarse bastante semellantes ao longo do tempo.
  • Están moi vinculados á cultura e costumes locais.

Algúns xogos tradicionais son:

A xogar!

Agora que xa coñecedes algúns xogos populares e tradicionais, iredes ao ximnasio a praticalos!

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)