O Camiño que creou Europa
Malo será que preto da vosa casa non pase algún dos Camiños oficiais (ou non) que levan a Santiago de Compostela. A lenda conta que no ano 813, preto da actual igrexa de San Fiz de Solovio, en Santiago, vivía un eremita chamado Pelaio. Este monxe viu unhas luces que lle indicaban onde estaba a tumba do Apóstolo, e foillo comunicar inmediatamente ao bispo de Iria Flavia, Teodomiro (dádesvos conta de que levan todos nomes visigodos?). Teodomiro contoullo ao rei Afonso II, que estaba na capital do reino, Oviedo. O rei veu a Santiago e comezaron así as peregrinacións a Compostela. Por certo, agora que sabemos o que é a etimoloxía, preme aquí para ver a orixe do nome de Compostela.



O que atoparon foi un mausoleo romano do século primeiro d.C., e ao redor del construíron unha pequena igrexa, deixando a tumba romana na cabeceira. Ante a chegada de peregrinos, a igrexa resultou pequena, e anos despois Afonso III patrocinou unha construción máis grande. Tantos peregrinos chegaban que no século 11 (XI) outro Afonso, neste caso o sexto (VI), comezou o que é a actual Catedral de Santiago: un edificio románico, pero sobre a catedral dende o punto de vista artístico e sobre o románico falaremos no seguinte recurso.

O que nos interesa agora é comprender como a partir do século nove (IX) e durante toda a Idade Media o Camiño de Santiago se converteu nun dos principais camiños de peregrinación en Europa, xunto con Roma. Pensade a enorme importancia que tiña Santiago! De seguro que escoitastes falar do Códice Calixtino, aínda que só fora polo escándalo de hai uns anos cando o roubaron da Catedral de Santiago. Pois ben, o Calixtino é un manuscrito que recolle, entre outras cousas, unha guía dos pobos polos que pasaba o Camiño con consellos para a xente que viña en peregrinación. Mirade o que di das terras de Galicia:

Despois, pasada a terra de León e os portos do monte Irago e monte Cebreiro, atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos, os seus prados e riquísimos pomares, as súas boas froitas e as súas clarísimas fontes; é rara en cidades, vilas e sementados. Escasea en pan de trigo e viño, abunda en pan de centeo e sidra, en gandos e cabalerías, en leite e mel e en grandiosísimos e pequenos peixes de mar; é rica en ouro e prata, e en tecidos e peles silvestres, e noutras riquezas, e sobre todo en tesouros sarracenos. Os galegos, pois, acomódanse máis perfectamente que as demais poboacións españolas de atrasados costumes, ao noso pobo galo, pero son iracundos e litigosos.
Como vedes o autor do texto é francés. Credes que a descrición que fai de Galicia e dos galegos é realista? Como describiriades vós a nosa comunidade para alguén que vén facer o Camiño de Santiago? Cales serían as vosas recomendacións?
No voso reto tedes que rematar un manuscrito, así que tomade boa nota destas reflexións para o voso traballo!
O topónimo Compostela está formado en orixe por dúas palabras latinas: a primeira é "campus", que quere dicir... campo (era fácil). A segunda é "stellae", que quere dicir "estrelas". Así, Compostela quere dicir literalmente "campo das estrelas", facendo referencia ás luces que vira no ceo o monxe Pelaio e que lle indicaran a situación da tumba do Apóstolo. Por iso, se vos fixades na fonte dos cabalos da Praza das Praterías, veredes que está rematada por unha figura feminina sentada enriba da arca do Apóstolo e que leva na man dereita unha estrela.

Lectura facilitada
No ano 813, o monxe Pelaio, viu unhas luces que lle indicaban onde estaba a tumba do Apóstolo.
O monxe comunicou o seu descubrimento ao bispo de Iria Flavia, Teodomiro.
Teodomiro contoullo ao rei Afonso II, que estaba en Oviedo. O rei veu a Santiago e comezaron así as peregrinacións a Compostela.
Os reis construíron unha pequena igrexa no lugar onde atoparon un mausoleo romano do século primeiro despois de Cristo.
A tumba quedou na cabeceira da igrexa. A igrexa foi medrando a medida que aumentaban os peregrinos, ata a actual catedral de Santiago.
O estilo inicial do edificio era o románico.
A partir do século nove o Camiño de Santiago converteuse nun dos principais camiños de peregrinación en Europa, xunto con Roma.
O Códice Calixtino é un manuscrito que recolle unha guía das vilas polas que pasaba o Camiño.
Compostela quere dicir literalmente "campo das estrelas",
facendo referencia ás luces que vira no ceo o monxe Pelaio e que lle indicaran a situación da tumba do Apóstolo.
