Misterio no mosteiro: a Alta Idade Media na Península Ibérica
1. Misterio no mosteiro
Comezamos!
Neste novo reto seguimos investigando sobre a Idade Media. Para esta nova misión, afrontaremos unha misteriosa investigación dentro do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, na Ribeira Sacra galega, para resolver un misterio que atormenta á abadía.
O frade bibliotecario, Malaquías un monxe da afastada Xermania que peregrinou ao sepulcro do Apóstolo de mozo, e quedou no reino de Galicia, leva varias semanas desaparecido. Os frades de Santo Estevo precisan da nosa axuda e dos nosos coñecementos!
O traballo de Malaquías é fundamental, a abadía está elaborando un gran códice no que se recollen todas as crónicas dos reinos cristiáns da Península desde o século quinto da Era común (V), ata o noso tempo presente, no ano do Señor de mil catro centos noventa e dous (1492). Era unha persoa moi reservada e non compartía a organización das tarefas con ninguén, os frades están desolados. Que van facer agora sen el? Estará ben? Volvería a Xermania? Os misterios acumúlanse sen solución.
O abade pídenos axuda... é hora de pórse mans á obra! Hai moito que facer, teredes que aguzar o enxeño!
A continuación tedes un pequeno vídeo para que vos afagades a este novo escenario, o mosteiro de Ribas de Miño......un lugar para a oración e a tranquilidade e quizais un chisco misterioso......
Lectura facilitada
Imos aprender máis sobre a Idade Media na Península Ibérica.
Foi un tempo de grandes reinos e acontecementos históricos:
Os visigodos, o Mundo Islámico, o Reino de Galicia, o Camiño de Santiago, o ano mil catrocentos noventa e dous...
Investiga a desaparición do frade bibliotecario Malaquías e aprende os acontecementos históricos sobre os que traballa.
Audio
Explicación do reto: Misterio no mosteiro!
Neste recurso teredes que enfrontarvos a un reto que une novas tecnoloxías, historia, arte e misterio!
O obxectivo é que entre todos e todas busquedes as pistas que axuden a atopar o bo de Malaquías, sen desatender o seu traballo de compilación de todos os acontecementos importantes e dignos de ser anotados no códice desde o século quinto (V) ata o ano mil catro centos noventa e dous (1492). Esta inmensa tarefa debe ser realizada en conxunto, e pasará por varias fases. Para conseguilo, en grupos seleccionaredes os feitos máis salientables que deben ser plasmados no códice, entre os cales están as pistas que posibilitarán atopar a Malaquías.
Como podedes facelo?
O primeiro de todo será dividir o traballo, o traballo de bibliotecario é enorme, así que en grupos teredes que seleccionar os feitos históricos máis salientables de cada período do apartado tres (3), O Reino visigodo, o Islam, o Reino de Galicia.....como paso previo á redacción do códice.
Agora é o momento de plasmalos no códice para a historia. Seredes os copistas! Para esta segunda parte teredes dúas opcións, aínda que todas elas son complementarias. Realizar o códice dun xeito manual (tede en conta o tempo que leva), ou dun xeito moderno.
O terceiro paso para deixar a abadía en orde é localizar a Malaquías. Unha vez que teñades listos os feitos históricos máis sinalados, deberedes responder ás preguntas que vos formulan para logra atopar ao bibliotecario de Santo Estevo.
Para esta segunda parte teredes tres opcións, aínda que todas elas son complementarias.
Seleccionades a información
Neste paso da vosa investigación, chega o momento de atopar as pistas necesarias para salvar a Malaquías. Os datos necesarios están nos feitos históricos do período que se quería plasmar no códice. As derradeiras persoas que se atoparon co frade, vírono revolvendo papeis e rosmando: "Alfonso Raimúndez, Alfonso Raimúndez... "; sen parar de ir e vir con presa.
Para saber en que andaba traballando ides revisar os papeis de Malaquías, o REA, e ir anotando e tomando notas sobre os seus traballos sobre o Reino visigodo, o Islam, o Reino de Galicia, Alfonso Décimo (X) ata o ano mil catro centos noventa e dous (1492).
"Sede organizados" é que sempre dicía Malaquías aos seus novizos. Recollede a información, dividíndoa en grupos, anotade en orde cronolóxica os principais fitos, nomes e todo o que vos chame a atención. Así era coma el traballaba, de seguro que chegades as mesmas conclusións, e teredes as pistas necesarias para atopalo!
Creades o códice!
Atopar a Malaquías é moi importante, pero de seguro que estará moito máis feliz, se mentres non está o axudamos co seu labor. Organizados en grupos, poden ser os mesmos nos que vos dividistes para recoller a información, iredes completando as páxinas que restan no códice.
Coa información recollida, escribiredes os feitos máis salientables de cada período ao modo medieval. Non vos preocupedes, non teredes que copiar a man, empregaremos un moderno procesador de texto (LibreOffice) cunhas tipografías ao modo medieval, que vanlle dar moito estilo!
Salvar ao bibliotecario!
Todo está listo para a chegada de Malaquías, só nos resta saber onde está.
Na aldea, escóitanse novas de que está na cadea do alcaide, enfadado con Malaquías por poñerlle unha multa por non devolver un libro a tempo. Parece que está nunha torre cun grande cadeado de sete pechaduras. Cada pechadura está protexida por un meigallo que se vence, contestando correctamente a unha pregunta sobre os traballos de Malaquías.
A estas alturas, despois do traballo realizado, seredes xa expertos e expertas neses temas, seguro que moito máis que o propio bibliotecario!
Mans á obra!!
Como o faredes?
Este reto é unha actividade grupal: o ou a profe dividirá a clase en grupos que se encargarán de recoller a información no caderno de aprendizaxe e plasmarán esa información no códice. Ao fin entre todos e todas buscaredes a solución dos enigmas que libren a Malaquías.
Que ferramentas precisades?
En primeiro lugar, recopilaredes os coñecementos necesarios no voso caderno de aprendizaxe. Para isto é preciso un bo traballo previo de investigación: teredes que buscar información sobre a Historia da Península contida no REA.
Precisaredes un ordenador que teña un procesador de texto para escribir o códice, e tamén resolver os enigmas finais. Se traballas cun ordenador Edixgal podes utilizar o programa LibreOffice Writer dentro do apartado ofimática.
Lectura facilitada
Ides facer unha grande investigación.
Este proxecto xunta:
As novas tecnoloxías.
Historia.
Investigación.
Aventura.
Axudaredes a salvar a Malaquías.
Pescudaredes entre os feitos da Idade Media.
Que tedes que facer?
Primeiro:
Ser investigadores.
Buscar información sobre os feitos máis sinalados da Idade Media.
Aprender a nosa historia.
Segundo:
Sintetizar o que aprendestes.
Crear un "manuscrito" ao xeito medieval.
Traballaredes en grupos.
Resolveredes o misterio da desaparición do bibliotecario.
Audio
Neste recurso aprenderás a...
Neste recurso aprenderás:
Os principais fitos na Idade Media na Península Ibérica.
A formación e evolución do Reino visigodo.
O Islam, unha nova forma de vida.
O crecemento dos reinos cristiáns do norte.
A xénese do Reino de Galicia.
Afonso décimo (X) o rei Sabio
O ano mil catrocentos noventa e dous (1492) O ano onde todo cambiou.
Audio
Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia.. Que aprenderas neste recurso(CC BY-NC-SA)
Reflexionamos
Empregade o diario de aprendizaxe para facer unha reflexión en grupo que recolla as seguintes cuestións:
Que sabemos agora da Idade Media que non sabiamos antes?
Coñeciades a historia do Reino de Galicia?
Que aspectos vos parecen salientables do período islámico na Península?
Que vos parecen os acontecementos que ocorren no ano mil catrocentos noventa e dous (1492)?, considerades xustificada a súa importancia na Historia?, por que?
É moi importante que o cubras porque para aprender... hai que reflexionar!
Accede ao modelo a través do apartado diario de aprendizaxe e descárgao.
Lembra: Pregunta ao teu profesor ou profesora se a encherás en papel ou no computador.
Se debes cubrila no computador, non te esquezas de gardala no teu equipo cando a termines!