Saltar navegación

3.3. Un período de "Reconquista"?

 

Glosario

Carolinxio

O emperador Carlomagno

Definición:

Relativo a Carlomagno e ao Sacro Imperio Romano Xermánico que el fundou.

Exemplo:

Os emperadores carolinxios considerábanse a si mesmos herdeiros dos emperadores romanos.

Concello

Pictograma dun concello

Definición:

Territorio que está gobernado por unha corporación municipal, formada por un alcalde e un grupo de concelleiros.

Exemplo:

O concello de Vilanova de Pedrouzos ten un importante patrimonio histórico.

Cripta

Pictograma dunha cripta

Definición:

Nun edificio relixioso, parte soterrada que queda por debaixo do nivel do chan e adoita ser un lugar de enterramento.

Exemplo:

A igrexa de San Martiño de Margaride ten unha cripta na que están enterrados os condes do lugar.

Inexpugnable

Pictograma dun castelo

Definición:

Dise dunha fortaleza ou castelo que é imposible tomar por asalto.

Exemplo:

O castelo de Pombeiro de Abaixo considerábase inexpugnable, porque nunca foi conquistado.

Latifundio

Imaxe du campo grande

Definición:

Sistema de división territorial no que grandes extensións de terreo están en mans dunhas poucas persoas. Oponse ao sistema do minifundio, onde moitos pequenos terreos están en mans de moitas persoas.

Exemplo:

En Andalucía existen grandes latifundios, mentres que en Galicia o a división territorial é principalmente minifundista.

Runa

Imaxe dun códice

Definición:

Sistema de escritura empregado na Antigüidade e na Idade Media, especialmente en territorios do norte de Europa, pero tamén na Península Ibérica.

Exemplo:

Tolkien baseouse nas runas nórdicas para inventar a linguaxe dos ananos no Señor dos aneis.

Tira e afrouxa

Trala chegada do Islam á Península Ibérica, a súa expansión foi imparable: en só 10 anos toda a Península formaba parte do Califato Omeia. Toda? Non! Un pequeno territorio no norte poboado por irredutibles çastures resistiu trala vitoria cristiá na batalla de Covadonga no ano 722. Os cristiáns elixiron como xefe ou príncipe a don Pelaio, sendo o xermolo do reino de Asturias a partir do século 9 (IX), con capital en Oviedo. Por outra parte, ao norte dos Pirineos os exércitos musulmáns foron detidos no ano 732 polo imperio carolinxio na batalla de Poitiers, repregándose cara á Península Ibérica.

Comezará neste momento un período que a historiografía denominou "Reconquista", aínda que é un termo que hoxe en día resulta polémico e convén matizar. O certo é que eses territorios cristiáns que se converterán no reino de Asturias, aínda que formaban parte do reino visigodo, pouco ou nada tiñan que ver con aquela xente de orixe xermánica. En realidade o termo "Reconquista" non é moi medieval: naquela época empregaban palabras como Restitución ou Recuperación. Pese ao emprego de diferentes termos, o certo e que se trata dun período marcado polos enfrontamentos militares entre cristiáns e musulmáns, aínda que tamén houbo alianzas entre eles cando os intereses políticos así o esixiron.

A pretensión dos reis cristiáns era recuperar o control do terreo conquistado polos musulmáns (de aí o de "re"conquista), pero a cousa pintaba mal debido á inferioridade numérica e militar. Porén, nos seguintes 550 anos os reinos cristiáns expandirán o seu territorio cunha serie de vitorias militares ata chegar a Sevilla no 1248.

A Península Ibérica cara ó ano 750
A Península Ibérica cara o ano 750
A Península Ibérica cara ó ano 1000
A Península Ibérica cara o ano 1000
A Península Ibérica cara ó ano 1400
A Península Ibérica cara o ano 1400

A continuación ides traballar con dúas fontes históricas que recollan dous puntos de vista sobre este período: unha cristiá e unha musulmá.

Lectura facilitada

  • A parte norte da Península non foi conquistada polo pobo musulmán.
  • Dende o norte, a comunidade cristiá foise organizando e conquistando territorio cara ó sur de xeito progresivo.
  • Unha serie de vitorias militares consolidaron o dominio dos reinos cristiáns sobre o territorio.
  • O termo "Reconquista" hoxe en día resulta polémico, xa que na Idade Media non se empregaba.

Traballamos coas fontes históricas

Fonte cristiá:

No terceiro ano, combatendo o mesmo Tariq con Rodrigo, entrou Muza Ibn Nusair, e pereceu o reino dos godos [...] Sobre o tal rei Rodrigo, ninguén sabe nada da súa morte ata o día de hoxe.

Pero, dominada polos árabes a terra e o reino, todos os godos morreron polo medo e polo ferro. Xa que non houbo neles unha penitencia polos seus delitos e non escoitaban os mandamentos do Señor, o Señor abandonounos de xeito que non posuíran a terra desexable. [...] Tamén a cidade de Toledo, vencedora de todas as xentes, sucumbiu vencida polos triunfos musulmáns, e sometida a eles serviunos. E así, debido aos seus pecados, España sucumbiu no ano 380 dos godos.

Crónica Albeldense (texto adaptado)

Fonte musulmá:

Di Ibn Ḥayyān que, no seu tempo, ergueuse en Asturias un malvado bárbaro chamado Pelaio. [...] Dise que non quedara sen conquistar no territorio de Asturias aldea nin poboación […] salvo
a pena na que se refuxiara ese bárbaro. Os seus compañeiros foron morrendo de fame ata que non quedaron máis de trinta homes e unhas dez mulleres, que só tiñan para alimentarse o mel das abellas dunhas colmeas que tiñan nas fendas da pena. Mantivéronse inexpugnables nese lugar abrupto ata que os musulmáns, non sabendo que facer, os desprezaron dicindo: “Trinta bárbaros, que poden facernos?” Ninguén ignora a importancia que, despois daquilo, chegaron a alcanzar polo seu poder, o seu número e as súas conquistas.

Aḫbār Mağmūʻa (texto adaptado)

Despois de ler os textos, responde ás seguintes preguntas:

  • Trátase de fontes históricas primarias ou secundarias?
  • Cales son as ideas principais de cada texto?
  • A que lle atribúe a Crónica Albeldense a conquista musulmá?
  • Como explica a fonte musulmá a reorganización dos cristiáns?

Recordades a diferenza entre unha fonte primaria e unha secundaria? As fontes primarias están escritas por xente que foi testemuño directo dos feitos que narran; é dicir, son fontes contemporáneas aos feitos. As fontes primarias non teñen por que ser soamente textos: poden ser obxectos, coma útiles da vida diaria, armas, construcións... Unha fonte secundaria analiza unha fonte primaria. Por exemplo, o traballo dun historiador que hoxe escribe sobre o reino suevo e analiza documentos daquela época.

Carta con selo de chumbo do rei Afonso XI
Carta con selo de chumbo do rei Afonso XI

Audio

Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia.. Texto cristiá (CC BY-SA)



Poboando o territorio

Sistemas de repoboación na Península Ibérica
Sistemas de repoboación na Península Ibérica

Un dos problemas que tiveron os reis de Asturias (e despois os de León, Castela e Aragón) foi que facer cos terreos que lles gañaron aos musulmáns. Por unha banda eran terreos situados en terras de conflito, pois as fronteiras eran (e desgraciadamente seguen a ser) zonas de tensións políticas. Estas tensións adoitaban rematar en enfrontamentos armados, polo que non eran o lugar máis atractivo para se establecer.

A medida que o tempo avanzou seguíronse diferentes sistemas que respondían ás necesidades do momento. Pulsa na imaxe para vela con maior claridade e aprende sobre os diferentes sistemas de repoboación na seguinte liña do tempo.

Século 9 (IX)

Presuras

Nun primeiro momento, o sistema de repoboación é o que se chama presuras: o campesiño ou campesiña que chegaba á terra e a cultivaba, facíase con ela en propiedade. Pensade o atractivo que era isto, porque a terra era propiedade do rei, da nobreza ou da igrexa. Ser un campesiño libre era algo novidoso!

Séculos 10-12 (X-XII)

Concellos e vilas

A medida que avanzaba o tempo, foise facendo necesario poñer orde e seguir un sistema. A solución que atoparon os reis foi a creación de vilas ás que se lles entregaba un foro ou carta de poboación: os foros eran conxuntos de leis e privilexios, como non ter que pagar impostos durante un certo tempo, permisos para celebrar mercados e feiras, ou para cortar leña dos bosques ou construír muíños. Pensade que nesta época todas estas cousas decidíaas o señor da terra, e ter estes privilexios reais era algo importante para o desenvolvemento das vilas e da economía. A cambio, as vilas tiñan a obriga de defender o territorio e de axudar cando o rei o pedía enviando soldados. Ao fronte destas vilas estaba un concello, como ocorre hoxe. A este sistema chamóuselle repoboación por concellos.

Séculos 13-14 (XIII-XIV)

Encomendas

No sur da Península o sistema foi lixeiramente diferente. A partir do século 13 (XIII) crearon grandes latifundios que se lle entregaban a familias nobres ou a ordes militares. É un sistema chamado "encomenda", e a institución que estaba ao cargo do territorio tiña dereitos sobre el, pero tamén a obriga de defendelo. Diferénciase do sistema anterior en que o goberno non está exercido por unha corporación municipal, senón por unha soa persoa ou orde militar.

Repartimentos

Por último, empregáronse tamén os repartimentos, que consistían en dividir os terreos conquistados entre os nobres e os soldados que axudaran ao rei nas campañas militares.

Lectura facilitada

A partir do século 9 (IX) houbo diferentes formas de repoboar o territorio por parte dos reinos cristiáns:

  • Presuras: os campesiños son propietarios das terras que ocupan.
  • Concellos: créanse vilas con privilexios e dereitos.
  • Encomendas: cédense territorios a familias ou ordes militares para que os gobernen.
  • Repartimentos: os territorios conquistados repártense entre a nobreza que axudou ao rei.

Actividade grupal: Practicamos coas runas!

Alfabeto rúnico
Alfabeto rúnico

Xa sexamos "bárbaros" e "bárbaras" do norte de Europa, ananos chegados do Señor dos aneis ou poboadores da Península Ibérica da Antigüidade, o que temos en común é que o noso idioma está baseado no alfabeto rúnico.

A continuación tedes a equivalencia que usou Malaquías para escribir algún dos seus traballos ou cando quería enviar mensaxes cifrados. Premede sobre ela para vela máis grande.

Con esta táboa a man, sodes quen de escribir os vosos nomes empregando o alfabeto rúnico?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)