Reflexión sobre "O códice de Malaquías" e a vida monacal
Malaquías vivía no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, unha das xoias artísticas da Ribeira Sacra. Na actualidade este edificio perdeu a súa identidade e converteuse nun Parador Nacional.
Por sorte, ao longo de todo o territorio galego contamos con ducias de mosteiros e máis dun parador nacional, dignos de visitar. Recomendámosvos ler o artigo da Wikipedia sobre mosteiros en Galicia e que indaguedes cales son os mosteiros máis próximos a onde vivides.
Tamén vos recomendamos buscar o Parador Nacional máis próximo ao voso instituto. Seguro que vos sorprende o resultado!
Edificios históricos, conservados ao longo do territorio español, convertidos en hoteis de luxo e xestionados pola empresa pública "Paradores de Turismo de España SA."
A ducia de mosteiros galegos que, sen dúbida, deberiades coñecer...
Os mosteiros repártense por toda a xeografía galega, mais destacan especialmente:
1.- O mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense). Na actualidade un hotel.
2.- O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (A Coruña), que podedes visitar se facedes o Camiño de Santiago.
3.- O mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (Lugo). Alberga o concello da vila.
4.- O mosteiro de Oia (Pontevedra). Os seus monxes defenderon as costas atlánticas do ataque turco en 1624. Na actualidade, en proceso de recuperación.
5.- O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil, Ourense). Podedes visitar a súa igrexa románica.
6.- O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda, Pontevedra). As súas ruínas, xunto ao río Deza, son visitables. Non esquezades visitar a fervenza do Toxa.
7.- O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín, Ourense). Na actualidade é un Parador Nacional.
8.- O mosteiro de Santa María a Real de Oseira (San Cristovo de Cea, Ourense). Coñecido, popularmente, como o Escorial galego. Na actualidade é un albergue-hospedaría.
9.- O mosteiro de San Xulián de Samos (Lugo). Unha xoia do camiño de Santiago, que conta con hospedaría e unha fermosa biblioteca.
10.- O mosteiro de San Martín Pinario (Santiago de Compostela). Fronte á fachada de Acibecharía da catedral.
11.- O mosteiro de San Xoán de Caaveiro (Fragas do Eume. A Capela, A Coruña). Nas súas proximidades tamén poderedes visitar o Mosteiro de Monfero.
12.- O mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense). Escavado nas rochas, xunto coas tumbas dos eremitas que o habitaron.
Xa vedes que están moi repartidos. Seguro que atoparedes algún preto da casa para facer unha excursión e coñecer este interesante patrimonio.
Como complemento: Mosteiros e conventos galegos na Wikipedia