Misterio no mosteiro: a Alta Idade Media na Península Ibérica
3.4. O Reino de Galicia
Glosario
Eremita
Definición:
Unha persoa que elixe levar unha vida solitaria e ascética, sen contacto permanente coa sociedade.
Exemplo:
Paio foi o eremita que viu unhas luces no ceo que sinalaban a tumba do Apóstolo.
Graal
Definición:
A copa que segunda a tradición cristiá foi empregada na Derradeira cea. Tivo unha grande popularidade na Idade Media no ciclo artúrico.
Exemplo:
A procura do Graal foi un tema que espertou a imaxinación medieval, a través da tradición oral e escrita.
Monarquía hispánica
Definición:
Designa á organización política e de Goberno dos reinos de España, desde a unión dinástica dos reinos peninsulares nos Reis Católicos e os seus descendentes, a dinastía Habsburgo.
Exemplo:
No salón de reinos de Felipe IV, estaban representados todos os reinos da monarquía hispánica.
Manuscrito
Definición:
É un documento que contén información escrita a man sobre un soporte flexible e manexable, coma o papiro, o pergamiño ou o papel.
Exemplo:
Nin Malaquías sería quen de ordenar todos estes manuscritos espallados polo chan!
Galicia tivo reis...
O territorio da actual Galicia, foi sempre unha entidade diferenciada ao longo da historia. Xa desde época romana o territorio do noroeste peninsular, foi individualizado desde as primeiras expedicións. A poboación romana deulle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, un conxunto de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, e que lles pareceron similares aos da Galia.
Esta singularización, mantívose no tempo, chegando no 284 da Era Común a constituírse como unha provincia propia dentro do Imperio Romano, baixo o goberno do emperador Diocleciano. Esta nova provincia incluía, ademais do territorio da actual Galicia, o norte de Portugal, e o oeste das actuais Asturias, Cantabria, e boa parte da actual Castela-León.
Mapa das provincias romanas do noroeste da península ibérica, a comezos do século V d.C., previamente á chegada dos pobos xermánicos.
Xa a finais do Imperio Romano, no ano 409 da Era Común, os Suevos, un pobo orixinario do norte de Europa, dentro do contexto das invasións bárbaras, desbordan as fronteiras do Imperio e establécense, xunto cos visigodos na Península Ibérica. No territorio da Gallaecia romana instauran o que se considera o primeiro reino medieval da Europa occidental. Hermerico, o rei dos suevos foi o seu primeiro monarca.
Este reino tivo unha pervivencia breve, desde o ano catro centos once ata o quiñentos oitenta e cinco da Era Común (411-585 EC). Suevos e visigodos loitaron polo dominio da Península Ibérica, sendo derrotados no ano 585 polo rei visigodo Leovixildo, incorporando o reino a monarquía visigoda.
Queres facer un repaso dun xeito máis ameno? Podes mirar este vídeo.
Lectura facilitada
O territorio da actual Galicia, foi sempre unha entidade diferenciada na historia.
Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci,
un conxunto de pobos que vivían entre o Douro e o Miño.
No 284 constituíuse unha provincia propia dentro do Imperio Romano,
baixo o goberno do emperador Diocleciano.
No ano 409, os Suevos, cruzan a fronteira do Imperio e establécense,
xunto cos visigodos, na Península Ibérica.
Os suevos instauran o primeiro reino medieval da Europa occidental.
Hermerico foi o seu primeiro monarca.
Este reino tivo unha pervivencia breve, desde o 411 ata o 585.
Suevos e visigodos loitaron polo dominio da Península Ibérica,
sendo derrotados no ano 585 polo rei visigodo Leovixildo, incorporando o reino á monarquía visigoda.
Audio
... antes que Castela leis.
O Reino de Galicia
Coma viches no apartado Facemos memoria o seu título e o deste apartado teñen unha rima. Na fala popular mantívose, ata o hoxe, a idea do reino de Galicia:
"Galicia tivo reis... antes que Castela leis".
Mapa político do noroeste da Península Ibérica tras a substitución da España visigoda, pola musulmá. Galicia aparece gobernada por numerosos señores territoriais cristiáns que tentan impoñer a súa autoridade sobre os demais.
A situación da Península trala caída do reino visigodo, no que Galicia estaba integrado, invasión musulmá no 711 da Era Común (EC), fixo que no territorio do reino se instalara un baleiro de poder. A curta duración do dominio das autoridades musulmás sobre o territorio, fixo que quedara sen unha organización clara, pero sen esquecer a singularidade do territorio, o que propiciou que a nobreza local da Gallaecia; que naquel tempo incluía galegos, ástures e vascóns, collera máis forza dende os seus pequenos señoríos buscando facelos maiores; ben pola vía da diplomacia, mediante pactos e matrimonios; ben pola vía das armas procurando impoñerse militarmente sobre os demais territorios.
O Reino baixo a monarquía ástur
Nesta situación, un destes nobres locais Afonso, une estes territorios baixo a súa coroa, coma Afonso I, que domina os territorios do norte de Galicia. Durante o seu reinado o seu labor de ampliación do seu territorio viuse favorecido pola confusa situación da Hispania musulmá daquela época, xa que debido á fame do ano setecentos cincuenta da EC (750), os bérberes, un dos pobos que participou na invasión da Península, rebeláronse, abandonando as terras do norte que, libres da súa presenza apartáronse do resto dos territorios do Islam e ofreceron ao rei ástur a súa anexión á Coroa.
Entre as diferentes prazas que foron caendo paseniñamente nas súas mans, as crónicas cristiás da época mencionan: as cidades de Lugo, Tui, Porto, Braga, Viseu, Astorga, León....
Así os reis da monarquía ástur van engrandecendo os seus dominios e engadindo novos territorios, converténdose en reis de Asturias, Galicia, León.....
Os reis desta dinastía, vanse sucedendo rapidamente no trono, e a dignidade real acaba chegando a outro Alfonso, o segundo (II), que é importante para Galicia xa que é rei baixo cuxo reinado se produce o descubrimento da tumba do Apóstolo, no monte Libredón do lugar chamado Campus Stellae, hoxe Compostela. O culto a un santo, e sobre todo a un de primeira clase coma un apóstolo, podía axudar a "moldear un reino". Consciente diso, Afonso segundo (II), decidiu construír unha igrexa, que se ben non foi unha obra de grande envergadura, supuxo a primeira pedra do que máis tarde sería a Catedral Románica de Compostela.
Miniatura do Tombo A da Catedral de Santiago de Compostela (ca. 1129-1134), representando o bispo Teodomiro no momento do descubrimento dos restos do Apóstolo no monte Libredón.
Deste xeito o Reino de Galicia, ten moita máis importancia dentro da monarquía ástur-leonesa, xa que a súa importancia económica, pola riqueza das súas terras, se une o seu prestixio coma reino antigo e como o lugar de descanso do Apóstolo.
Ao mesmo tempo pola súa posición xeográfica e a súa nobreza levantisca, sempre buscando gañar máis poder, foi moi controlado polos monarcas.
Uns reis intermitentes
A importancia do Reino de Galicia, no contexto medieval, pola súa riqueza e pola idea do sepulcro apostólico, púxoa no punto de mira dos normandos durante o século nove (IX). As incursións afectaron a zonas costeiras e tamén do interior, sendo freadas pola nobreza galega que viu así reforzado o seu papel coma defensora do reino.
Nos séculos seguintes, o Reino intégrase na monarquía ástur-leonesa, desligándose da mesma en períodos breves e intermitentes. O Reino nunca desaparece se non que se volve a integrar no Reino ástur-leonés, mantendo a personalidade propia.
O rei Ordoño de Galicia
O primeiro monarca de seu do Reino de Galicia é Ordoño, nomeado rei de Galicia no novecentos dez (910) ata o novecentos catorce (914) no que asume tamén a coroa de León ata a súa morte no ano novecentos vinte e catro (924).
Desde o ano novecentos catorce (914) ata o ano novecentos vinte e seis (926), Galicia reintégrase no Reino de León.
O seu fillo Sancho Ordóñez, é nomeado rei de Galicia, subordinado ao rei de León no ano novecentos vinte e seis (926) ata o ano novecentos vinte e nove (929).
Desde novecentos vinte e nove (929) ata novecentos oitenta e un (981), Galicia intégrase no Reino de León.
O período de esplendor
Nesta fase, o Reino vive os seus mellores momentos, Galicia é un lugar cobizado, rico en produción agrícola e pesqueira. Un territorio moi vencellado á zona de Borgoña, na actual Francia, que destaca pola súa riqueza cultural. Este é o tempo dos trobadores e trobadoras da lírica Galaico-portuguesa, o Reino convértese no lugar onde se educan os príncipes, antes de subir ao trono de León.
No século once (XI) Fernado II da dinastía Ximena, casa reinante de León, divide os seus territorios entre os seus fillos; Afonso, Sancho e García ao que lle corresponde o Reino de Galicia coma territorio independente, entre os anos mil sesenta e cinco (1065) e mil setenta e un (1071). Un breve período antes de que o seu irmán Afonso VI se faga co territorio dos seus irmáns.
Así Alfonso resérvase para si o título de rei de Galicia, pero divide o territorio entre os seus xenros Raimundo de Borgoña (Condado de Galicia), casado coa súa filla dona Urraca, que chegaría ser raíña de León e Enrique de Borgoña, casado coa filla natural do rei dona Tareixa Alfónsez (Condado Portucalense, futuro Reino de Portugal).
Raimundo e Urraca gobernaron Galicia de xeito autónomo coa subordinación do condado de Portugal. Á morte de Raimundo, a súa muller, acompañou o cadáver do seu marido a Santiago de Compostela, en cuxa nova catedral románica foi enterrado, e permaneceu en Galicia, probablemente co fin de asegurarse o dominio do territorio. Dona Urraca mantivo o señorío de Galicia, coa condición de permanecer solteira; en caso de casar novamente, o goberno pasaría ao seu fillo Afonso, fillo do seu defunto primeiro marido.
Un novo matrimonio de Urraca con Afonso I de Aragón fixo que a nobreza galega apoiase ao seu fillo, Afonso, nacido en Caldas de reis. Diego Xelmírez, que defendía a posición do infante Alfonso como sucesor de Urraca, e Pedro Froilaz, conde de Traba e titor do príncipe Afonso, inclinábase pola independencia de Galicia, cuxo trono ocuparía Alfonso Raimúndez que aos sete anos de idade foi coroado rei de Galicia dezasete (17) de setembro de mil cento once (1111), na Catedral de Compostela.
O rei Alfonso VII
A perda de importancia. A disgregación de Portugal
O 10 de marzo de mil cento vinte e seis da EC (1126), á morte da súa nai, Alfonso, foi coroado tamén, rei de León e de inmediato emprendeu a recuperación do Reino de Castela, que estaba baixo o dominio de Alfonso I de Aragón. Os seus intereses enfocáronse na expansión dos seus territorios á costa dos territorios do Islam na Península. En mil cento trinta e cinco da EC (1135) foi corado emperador nos Reinos Hispánicos na Catedral de León polo papa Gregorio VII, expresando así a súa pretensión de hexemonía peninsular e de exclusividade na reconquista. Porén, en mil cento vinte e tres da EC (1123), tivera xa que recoñecer a seu curmán Afonso Henriques (Alfonso I de Portugal) como Rei de Portugal. Así o Reino de Galicia, viuse encaixado entre o Reino de León polo Leste e o de Portugal polo sur, que o deixa sen posibilidade de expansión cara ó sur ao reino, a retagarda da acción.
O condado Portucalense
O fin do Reino
Pensas que o Reino desapareceu nese momento? A verdade é que non.
Todos os reis desde entón incorporaron o título de rei de Galicia aos seus territorios. A monarquía hispánica, entre os séculos dezaseis e dezaoito (XVI-XVIII), fixo gala da súa amplitude de territorios, nomeándoos todos, grandes e pequenos na presentación dos reis á corte:
A maneira oficial de titularse coma rei era a acumulación de todos os seus títulos, coma unha mostra de esplendor e poder, na actualidade o rei de Inglaterra ten o mesmo protocolo:
Eu, Carlos (ou Felipe), pola graza de Dios, Rei de Castela, de León, de Aragón, das dúas Sicilias, de Xerusalén, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia, de Mallorca, de Menorca, de Sevilla, de Sardeña, de Córdoba, de Córsega, de Murcia, de Xaén, do Algarve, de Alxeciras, de Xibraltar, das Illas Canarias, das Indias Orientais e Occidentais, das Illas e Terrafirme do Continente Oceánico, Archiduque de Austria, Duque de Borgoña, de Brabante, de Atenas e Neopatria e de Milán, Conde de Absburg, de Frandes, do Tirol e de Barcelona, Señor de Biscaia e de Molina......
Na fotografía superior, podes ver o teito do Salón de Reinos, ou Salón do Trono de Felipe IV, en primeiro plano podes ver o escudo do Reino de Galicia, un cáliz dourado e sete cruces de Santiago sobre un fondo vermello. Preme na imaxe para velo en detalle. O fin do Reino prodúcese ao igual que o resto dos reinos peninsulares. No século dezaoito (XVIII), a nova casa reinante, os Borbóns, anulan, en mil setecentos quince (1715) as funcións políticas dos diferentes reinos. En 1833 unha nova reorganización territorial, a cargo de Javier de Burgos, converte aos antigos reinos peninsulares en provincias, practicamente iguais ás actuais. Coa Constitución de 1978, permitiuse a posibilidade de que as provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns, puideran acceder ao seu autogoberno e constituírse en Comunidades Autónomas, transformándose unha boa parte do Antigo Reino de Galicia na Comunidade Autónoma de Galicia.
Lectura facilitada
O Reino baixo a monarquía ástur:
Trala caída do Reino visigodo, a invasión musulmá fixo que no territorio do Reino de Galicia se instalara un baleiro de poder.
A nobreza local da Gallaecia; persoas galegas, ástures e vascóns, ía collendo cada vez máis forza desde os seus pequenos señoríos.
Un destes nobres locais, Afonso I, domina os territorios desde o norte de Galicia ata Asturias. No seu reinado ampliou o seu territorio.
Os reis da monarquía ástur van engrandecendo os seus dominios e engadindo novos territorios, converténdose en reis de Asturias, Galicia, León...
O Reino de Galicia, gañará moita máis importancia dentro da monarquía ástur-leonesa, pola riqueza das súas terras,
o seu prestixio coma reino antigo e como o lugar de descanso do Apóstolo.
Uns reis intermitentes:
O Reino intégrase na monarquía ástur-leonesa, desligándose da mesma en períodos breves e intermitentes.
O Reino nunca desaparece se non que se volve a integrar no reino ástur-leonés con personalidade propia.
O primeiro monarca de seu do reino de Galicia é Ordoño, nomeado rei de Galicia no ano novecentos dez (910) ata o ano novecentos catorce (914)
Desde o ano novecentos catorce (914) ata o ano novecentos vinte e seis (926), Galicia se reintegra no reino de León
O seu fillo Sancho Ordóñez, é nomeado rei de Galicia, subordinado ó rei de León no ano novecentos vinte e seis (926) ata o ano novecentos vinte e nove (929).
Desde novecentos vinte e nove (929) ata novecentos oitenta e un (981), Galicia se reintegra no reino de León.
O período de esplendor:
O Reino de Galicia é un lugar cobizado e rico en produción agrícola e pesqueira. Destaca pola súa riqueza cultural.
Este é o tempo dos trobadores e das trobadoras da lírica Galaico-portuguesa.
Neste período reina García, o fillo de Fernando segundo (II), Galicia coma territorio independente,
entre os anos mil sesenta e cinco (1065) e mil setenta e un (1071), ano en que o seu irmán Alfonso sexto (VI) o depón.
Alfonso casa a súa filla Urraca con Raimundo de Borgoña que gobernaron Galicia de xeito autónomo
coa subordinación do condado de Portugal. Dona Urraca mantivo o señorío de Galicia, coa condición de permanecer solteira.
O seu matrimonio con Alfonso I de Aragón fixo saltar á nobreza galega ao redor do seu fillo, Alfonso, nado en Caldas de Reis.
Alfonso Raimúndez foi coroado pola nobreza galega coma rei de Galicia aos sete anos o dezasete (17) de setembro de mil cento once (1111) na catedral de Compostela.
A perda de importancia. A separación de Portugal:
En 1126, Alfonso, foi coroado rei de León e de inmediato emprendeu a recuperación do reino de Castela, que estaba baixo o dominio de Afonso I de Aragón.
Os seus intereses enfocáronse na expansión dos seus territorios á costa dos territorios do Islam na Península.
En 1123 tivo que recoñecer a seu curmán Afonso Henriques (Afonso I de Portugal) como rei de Portugal.
Así o Reino de Galicia, viuse entre o Reino de León polo Leste e o de Portugal polo Sur, que deixa sen posibilidade de expansión ao Reino a retagarda da acción.
Pensas que o reino desapareceu nese momento? A verdade é que non.
Todos os reis desde entón incorporaron o título de rei de Galicia aos seus territorios.
A monarquía hispánica fixo gala da súa amplitude de territorios, nomeándoos todos, grandes e pequenos na presentación dos reis á corte:
Eu, Carlos (ou Felipe), pola graza de Deus, Rei de Castela, de León, de Aragón, das dúas Sicilias, de Xerusalén, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia, de Mallorca, de Menorca, de Sevilla, de Sardeña, de Córdoba, de Córsega, de Murcia, de Xaén, do Algarve, de Alxeciras, de Xibraltar, das Illas Canarias, das Indias Orientais e Occidentais, das Illas e Terrafirme do Continente Oceánico, Archiduque de Austria, Duque de Borgoña, de Brabante, de Atenas e Neopatria e de Milán, Conde de Absburg, de Frandes, do Tirol e de Barcelona, Señor de Biscaia e de Molina......
Audio
Lista desordenada
Como viches, a historia do Reino de Galicia é moi ampla e interesante. Un pouco Xogo de Tronos, con tantas intrigas e fases.
Poñémolas en orde?
Gallaecia provincia de Roma.
O Reino Suevo de Gallaecia.
Un período de terra de ninguén.
Gallaecia baixo o dominio dos reis ástur-leoneses.
O reinado de Ordoño.
O reino volva a dominio ástur-leonés no século dez (X).
O reinado de Sancho Ordóñez.
O reino volve o reino astur leonés, no século once (XI).
Reinado de García.
Integración na coroa de Alfonso VI.
Coroación de Alfonso Raimúndez (Alfonso VII).
Disgregación do condado de Portugal.
Dinastía Borbónica perda funcións xurídicas dos reinos 1715.
División provincial en 1855.
Galicia Comunidade Autónoma.
Comprobar
Correcto!
2025421114916-120
Actividade non completada#Actividade superada. Puntuación: %s#Actividade non superada. Puntuación: %s#Lista desordenada
A resposta correcta é:
Descubre
Cada pardal co seu igual.
O escudo do reino de Galicia foi variando ao longo do tempo. Sempre mantivo os mesmos elementos: O cáliz ou Graal; e as cruces, combinados de diferentes xeitos. A ver se os identificas!
Como ves na historia do trono galego, hai un baile de nomes, que poden resultar confusos, pais e fillos/as, cos mesmos nomes que fixeron que alá polo século nove (XI), se tomara a decisión de incorporar outro nome, xeralmente o do pai para ir diferenciando as persoas unhas de outras.
O problema era a progresiva perda do latín en favor das linguas romances, novos acentos que facían que a transcrición dos nomes foran cousa do bo oído ou a boa vontade dos escribáns.
Así foron engadindo un segundo nome a cada persoa, normalmente engadíndolle a terminación -ez ao nome do pai.
Así de Pero (Pedro) xurdira Pérez no galego e o castelán e Peres no portugués. De Fernando, Hernando, pasarán a Fernández e Hernández...
Outras veces empregábanse atributos físicos, profesións, ou de zonas nas que vivían para individualizalos.
Coma por exemplo: Forte, do Val, Mariño, Delgado, Castro etc.
Xa no século trece (XIII), o uso dos apelidos está institucionalizado en todos os reinos, sendo moi importantes para a nobreza para significarse sobre a xente común.
De onde veñen os teus apelidos? Queres sabelo? Cantas persoas hai que se apeliden coma ti?