Saltar navegación

3.2. Unha relixión para unha nova era

E chegan os árabes á historia de Occidente

Imaxe do profeta Mahoma predicando o Corán na Meca


Cando lemos a prensa, escoitamos os noticiarios ou seguimos as redes sociais, tendemos a asociar a palabra Islam a posicións relixiosas radicalizadas do mundo árabe ou a feitos violentos. Nada máis lonxe da realidade. A historia medieval da Península é un claro exemplo deste erro.

Con Mahoma iniciouse a civilización musulmá, que é máis que unha relixión, falamos dunha forma de vida, dunha forma de organización social, política, económica... dun xeito propio de entender a cultura e a arte, que se  estenderon polo Mediterráneo na Idade Media.

Hai dúas datas clave para entender a orixe do Islam e a súa relación coa Península Ibérica:

Ano 622 (seiscentos vinte e dous). Mahoma migra da Meca a Medina, esta viaxe chamouse a Héxira. A Península Arábiga vai cambiar a súa historia, coa aparición dunha nova relixión monoteísta, O ISLAM e un novo calendario luar, o musulmán. Así, os árabes inician a súa expansión polo Mediterráneo. Sabedes que a través deste mar chegaron ata a Península Ibérica?

Ano 711 (setecentos once). A Península Ibérica está poboada polos visigodos. Os xenerais Tariq e Muza, á fronte de 18.000 (dezaoito mil) árabes, sirios e bérberes derrotaron ao rei Don Rodrigo na batalla de Guadalete. É o inicio da ocupación da Península Ibérica polos árabes e a aparición de Al-Andalus.

Lectura facilitada

Mahoma creou unha nova relixión monoteísta no ano 622.

Esta relixión é o Islam que cre nun único deus, chamado Alá.

O seu profeta é Mahoma.

O libro sagrado do Islam é o Corán.

Os musulmáns organizan a súa vida social, política e económica segundo as normas recollidas neste libro.

Alá mandoulle a Mahoma que marchara da súa cidade, A Meca, cara a Medina para fundar a nova relixión, no ano 622.

Os árabes crearon un calendario propio a partir do ano 622.

O Islam estendeuse polo Mediterráneo e chegou ata a Península Ibérica no ano 711.

Venceron aos visigodos na batalla de Guadalete.

Os árabes chamaron aos territorios que conquistaron, na nosa península, Al-Andalus.

Unha relixión monoteísta é aquela que cre nun so deus. Exemplos: o xudaísmo, o cristianismo e o islamismo.

O profeta é o intermediario entre un deus dunha relixión e os seus representantes na terra para que llo comuniquen aos seus seguidores.

Apoio visual

Imaxe de Mahoma recibindo a revelación do arcanxo Gabriel
Imaxe de Mahoma recibindo a revelación do arcanxo Gabriel
Libro do Corán na Feira de Bos Aires 2023
Fotografía do Libro do Corán
Fotografía da Mesquita da Cúpula da Roca de Xerusalén
Fotografía da Mesquita da Cúpula da Roca de Xerusalén

Sabías que ...

Habitualmente usamos os termos islámico, islamita, árabe, mahometano e musulmán como sinónimos. Ti tamén? Pois debes saber que hai lixeiras diferenzas:

ÁRABE

Persoa natural ou orixinaria de Arabia, dun país do Norte de África ou do Próximo Oriente. Tamén dise das persoas que falan a lingua deste pobo.

ISLÁMICO

Persoas que practican do Islam.

ISLAMITA

Correntes políticas do Islam.

MAHOMETANO

Partidarios do profeta Mahoma.

MUSULMÁN

Seguidores do Islam (que se somete).

Lectura facilitada

Mahoma creou unha nova relixión monoteísta no ano 622.

Esta relixión coñécese como Islam e o seu deus é Alá. O seu profeta é Mahoma.

O libro sagrado do Islam é o Corán.

Os musulmáns organizan a súa vida social,

política e económica segundo as normas recollidas neste libro.

Alá mandoulle a Mahoma que marchara da Meca,

a súa cidade, cara a Medina para fundar a súa nova relixión.

O Islam estendeuse polo Mediterráneo e chegou ata a Península Ibérica no ano 711.

Venceron aos visigodos na Batalla de Guadalete.

Os árabes chamaron aos territorios que conquistaron Al-Andalus.

Unha relixión monoteísta é a que cre nun único deus, coma o Cristianismo ou Xudaísmo.

Islam significa "Sumisión a Alá ou Allah"

Un novo cálculo do tempo

Lembrade que os árabes crearon un calendario propio a partir do ano 622 (seiscentos vinte e dous), (ano do Calendario Gregoriano e o que usamos nós na actualidade)? Se quixerades calcular en que ano viven os árabes no seu calendario, que operacións matemáticas credes que deberiades facer?

Empregando a lóxica, sería...

Restando ao ano actual o ano 622.

Exemplo: 2025 - 622 = 1403

Mais isto non é así. Os árabes viven a mediados do século XV, segundo o seu calendario. Ocórresevos a explicación para este desaxuste?

Explicación

O problema é que o calendario gregoriano é solar (365 ou 366 días) e o calendario musulmán é lunar (354 ou 355 días), polo tanto non podemos facer esa operación. Para calcular a equivalencia, debemos empregar unha fórmula matemática:

Fórmula coñecendo o ano gregoriano 

H = G-622 + (G-622)/32

Fórmula coñecendo o ano musulmán

G = H + 622 x H/33

Poderiades calcular agora, en que ano viven os árabes segundo o seu calendario?

Unha nova relixión para unha nova arte: os piares do Islam

O Islam é unha relixión monoteísta, practicada polos musulmáns, que cren nun só deus, Alá ou Allah, e no seu profeta Mahoma. O seu libro sagrado, O Corán, recompila as obrigas e preceptos, que rexen a súa forma de vida. Esta relixión baséase en cinco (5) obrigas fundamentais:

Esquema dos piares do Islam
Esquema dos Piares do Islam

Ademais destas 5 obrigas, o Islam prohibe aos seus fieis beber alcol e comer carne de porco. Tamén están prohibidas as representacións do seu deus Alá e do seu profeta. Fixádevos se o consideran importante que escritores como Salman Rushdie ou a revista francesa Charlie Hebdó sufriron atentados polas súas palabras ou caricaturas sobre Mahoma.

No Islam non existen sacerdotes.

Non hai máis dogmas que os recollidos no Corán polo profeta. O Califa (= lugartenente) é a máxima autoridade política e relixiosa, encargado de protexer a fe.

O venres é o día sagrado para os fieis desta relixión

O edificio de culto dos árabes é a mesquita, que non é o lugar onde vive a súa divindade, senón o lugar onde os musulmáns rezan a Alá e invocan o seu nome. Para rezar, os musulmáns oriéntanse cara á Gran Mesquita de A Meca (Arabia Saudí), o lugar santo do Islam. No centro do seu patio está a Kaaba, construción en forma de cubo que alberga unha pedra negra. Os musulmáns cren que a Kaaba é un meteorito que caeu do paraíso no que vivían Adán e Eva e que se volveu negro polos pecados dos homes e das mulleres.

Lectura facilitada

O  libro sagrado do Islam recolle as obrigas dos musulmáns. 

A vida relixiosa dos seus fieis baséase en cinco principios:

  1. A profesión de fe, é dicir,  "O seu deus é Alá e o seu profeta Mahoma".
  2. Rezar cinco veces ao día mirando cara á cidade da Meca.
  3. Axudar aos pobres, dándolles esmola.
  4. Non comer nin beber durante o día no seu mes sagrado, o Ramadán.
  5. Peregrinar unha vez na vida á Meca, a súa cidade sagrada.

O Corán prohibe comer carne de porco, beber alcol e representar ao seu deus Alá e ao seu profeta Mahoma.

O Califa era o xefe da súa relixión. As mesquitas eran os seus edificios sagrados.

A mesquita da Meca é a máis importante, pois os musulmáns rezan orientándose cara ela.

No centro do patio da Gran Mesquita está a Kaaba, construción cúbica, que garda un meteorito negro.

Para os musulmáns, esta pedra é a "Casa de Deus".

Apoio visual

Detalle da Kaaba (A Meca, Arabia Saudí)
Fotografía Detalle da Kaaba
Imaxe da Cidade da Meca e a Kaaba (Gravado cara á 1880)
Imaxe da Cidade da Meca e a Kaaba (Gravado cara a 1880)

Observade a imaxe da esquerda. O cubo negro e dourado do centro é a Kaaba, os arcos forman parte da Gran Mesquita de A Meca.... E as cores e puntos? Pois son os crentes musulmáns dando unha das sete voltas que deben dar ao redor da pedra negra, iso si, en sentido contrario ás agullas do reloxo.

Autoavaliación

Logo de ler os principios fundamentais da relixión musulmá, completa o texto coas palabras axeitadas.

O Islam é unha relixión  pois os seus seguidores só cren nun deus, chamado . O seu último profeta foi  da tribo dos coraichitas, que vivían na actual cidade santa da  Nesta cidade podemos visitar a Gran da Meca, edificio relixioso, principal meta de peregrinación dos  No centro deste atópase a (Casa de Deus), construción con forma de prisma, que custodia un negro e cara ao que se orientan todos os musulmáns nos seus rezos.

Entre as prohibicións do Corán están a de comer carne de e beber 

Activar JavaScript

Unha viaxe temporal pola Historia do Islam

Os sucesores de Mahoma espallaron, desde A Meca (Arabia),  a súa relixión polos territorios veciños. Á morte do profeta (632, seiscentos trinta e dous) o mundo islámico estendíase pola Península Arábiga e, en poucos anos, conquistaron Irak, Persia, Siria, Norte de África e a Península Ibérica (711, setecentos once)). 

A súa forma de goberno será o califato, sistema monárquico presidido polo califa. Os territorios conquistados estarán dirixidos polos emires, converténdose en emiratos, territorios dependentes do califato.

Lembrade que Al-Andalus, o nome co que os árabes nomearon a Península Ibérica tamén tivo ese tipo de gobernos. Lembrádelos? Non? Tedes aquí unha liña do tempo para repasar as principais etapas históricas.

Mapa de expansión do Islam
Mapa expansión do Islam

Expansión baixo Mahoma, 622-632

Expansión baixo o Califato ortodoxo 632-661

Expansión durante o Califato omeia, 661-750

Lectura facilitada

Os sucesores de Mahoma levaron a súa relixión aos países do Mediterráneo.

O califato é a súa forma de goberno, dirixida polo Califa.

Os árabes chamaron Al-Andalus aos territorios que conquistaron na Península Ibérica.

Audio

Elaboración propia (proxecto cREAgal) con apoio de IA voz sintética xerada co modelo Celtia.. Unha nova relixión_Os árabes (CC BY-NC-SA)

Adiviñades que aconteceu en cada un destes anos?

Períodos históricos do Islam (Idade Media)

622 d. C.

Mahoma foxe da Meca a Medina. Inicio do Islam en Arabia.

632 - 661 d. C.

Pasamento de Mahoma. Iníciase o Califato Ortodoxo, dirixido polos descendentes de Mahoma. A súa capital era Medina

661 - 750 d. C.

Califato Omeya, con capital en Damasco.

750 - 1258 d. C.

Califato Abbasida, con capital en Bagdad

Períodos históricos de Al-Andalus

711 d. C.

Chegada dos árabes á Península Ibérica. Vitoria de Tariq sobre don Rodrigo na batalla de Guadalete.

711 - 756 d. C.

Emirato dependente de Damasco (Califato Omeia)

756 - 929 d. C.

Emirato independente de Bagdad.

929 - 1031 d. C.

Califato de Córdoba

1031 - 1212

Reinos Taifas e dinastías norteafricanas (almorábides, almohades)

1212 - 1492 d. C.

Reino Nazarí de Granada

1492 d. C.

O 2 de xaneiro, logo de 10 anos de loita, os Reis Católicos (Isabel e Fernando) toman Granada ao rei Boabdil. Fin dos gobernos árabes na Península, non da presenza dos árabes na Península.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)