Saltar navegación

A arte no século X

Máis arte prerrománica: a arte asturiana e a arte do século X.

Todos os estilos artísticos anteriores ao Románico métense nun caixón común que se chama Pre-Románico. Ten lóxica, verdade? Pero a realidade é que dende o século 7 ata o século 11 pasaron moitas cousas e houbo moitas diferenzas entre o que se facía en Oviedo, en León ou en Teruel. Imos por partes.

O Prerrománico Asturiano

Co establecemento de Oviedo como capital do reino de Asturias no século 9 (IX), a cidade e os arredores foron modernizados e levantáronse novos edificios. O exemplo máis representativo e Santa María do Naranco, unha igrexa-pazo dos reis que ten elementos xa coñecidos tomados da arquitectura visigoda: grosos muros de pedra, contrafortes, columnas que imitan as formas clásicas, arcos de medio punto e bóvedas de canón. O edificio está composto por dous niveis: o inferior é unha cripta, mentres que o superior ábrese ao exterior a través de dous miradoiros nos extremos. A decoración son relevos con animais e un motivo moi característico desta arte chamado "sogueado", porque parece que as columnas están envoltas cunha corda ou soga.

Santa María do Naranco
Santa María do Naranco
Interior de Santa María do Naranco
Interior de Santa María do Naranco
Decoración en relevo de Santa María do Naranco
Decoración en relevo de Santa María do Naranco

A arte do século X

Tradicionalmente falábase de arte mozárabe (a arte dos cristiáns que vivían en territorio musulmán) e de arte mudéxar (a arte dos musulmáns que vivían en territorio cristián), pero estes termos non transmiten toda a realidade do período, polo que na actualidade emprégase o termo máis neutro de "Arte do século X" para falar das manifestacións artísticas deste período.

En calquera caso, trátase dunha arte que mostra influencias de tódalas culturas presentes na Península. Por unha parte temos igrexas cristiás nas que se empregan elementos arquitectónicos propios da arte islámica, coma os arcos de ferradura.

Igrexa de San Miguel de Escalada
Igrexa de San Miguel de Escalada
Interior de San Miguel de Escalada
Interior de San Miguel de Escalada

Por outra banda, a Península Ibérica vai ser a orixe dun grupo de manuscritos moi importante para a arte do momento e que terán unha grande influencia na arte posterior. Trátase dos Comentarios ao Apocalipse do monxe Beato de Liébana. Beato era un monxe que escribiu unha serie de comentarios sobre o último libro da Biblia, a Apocalipse de San Xoán. Neste libro cóntase a fin do mundo e o día do Xuízo Final, e é bastante turbulento. Os comentarios de Beato foron moi populares neste período e copiáronse en varias ocasións, en libros que conteñen moitas miniaturas e que eran obxectos de luxo. Na actualidade os manuscritos noméanse "Beato do Escorial" ou "Beato de Silos", facendo referencia ao lugar onde se atopa o manuscrito.

Beato do Escorial
Beato do Escorial
Beato de San Miguel de Escalada
Beato de San Miguel de Escalada
Beato de Girona
Beato de Girona

Como podedes ver, teñen cores moi vivas e os monxes que os iluminaron tiñan unha grande imaxinación para recrear eses monstros que san Xoán cita no seu texto.

A Apocalipse (ou Libro da Revelación) é o último libro da Biblia. Se o primeiro libro é a Xénese, e nel se narra a creación do mundo, no último libro cóntase como vai rematar: trátase dun texto con imaxes devastadoras de pragas, catástrofes naturais e morte e destrución. As cores vivas dos manuscritos de Beato contrastan vivamente coas descricións dos monstros dos textos. Mirade, por exemplo, como se describe a praga de saltóns:

Logo saíron da fumeira saltóns pola terra. [...] Os saltóns semellaban cabalos aparellados para a guerra: tiñan nas cabezas coma unhas coroas que parecían de ouro e as caras coma as caras dos homes; tiñan os cabelos coma cabelos de mulleres e os dentes eran coma os dos leóns; tiñan unhas coirazas como coirazas de ferro e o zoar das súas ás era coma estrondo de carros e de moitos cabalos correndo para a guerra; tiñan rabos e aguillóns semellantes ós dos alacráns e nos seus rabos tiñan o poder de danar os homes por cinco meses.

Lectura facilitada

A arte prerrománica asturiana:

  • Características comúns coa arte visigoda:
    • Muros grosos.
    • Bóveda de canón.
    • Uso de columnas con motivos clásicos.
    • Na escultura ten especial importancia o relevo.

A arte do século X:

  • Uso de elementos islámicos na arquitectura, coma o arco de ferradura.
  • Destacan os manuscritos iluminados da obra de Beato de Liébana.

A arte medieval non está morta!

Símbolo da tecnoloxía Bluetooth
Símbolo da tecnoloxía Bluetooth

Podedes pensar que todo isto é moi antigo e que hoxe en día fanse cousas moito máis modernas, pero a realidade é que a arte medieval segue influíndo na cultura actual. De feito, nos vosos móbiles todos e todas levades un pequeno símbolo medieval como o da esquerda. O símbolo do Bluetooth está composto de dúas runas que eran as iniciais do rei Harald Blåtand, que en danés significa "dente azul"!

Ademais, de seguro que todos e todas coñecedes o Guernica de Picasso. Pois ben, un estudo recente suxire que Picasso puido inspirarse nunha Biblia que se atopa na catedral de León e que foi iluminada no ano 960! Despois de case 1000 anos, as miniaturas deste manuscrito medieval puideron servir de inspiración para o cadro no que Picasso denunciou os horrores da guerra e ao masacre da poboación de Guernica no ano 1937, durante a Guerra Civil.

Outro exemplo da utilización da arte medieval na actualidade é o logotipo de Turismo de Asturias. Preme nesta ligazón para velo. Sóanche eses arcos? Efectivamente, trátase dos arcos dos miradoiros laterais de Santa María do Naranco! Neste caso a igrexa é un dos monumentos máis importantes de Asturias e, probablemente, é o patrimonio histórico máis coñecido do Principado.

A continuación pensade nalgunha obra das que vístedes nesta unidade ou noutra obra medieval que coñezades e como a poderiades empregar para un cartaz publicitario.



Feito con eXeLearning (Nova xanela)