Saltar navegación

3.2. Células reprodutoras

 

Glosario

Lapbook

Pictograma dunha persoa facendo unha manualidade.

Definición:

Libro feito de cartolina con diferentes apartados que serven para explicar un tema.

Exemplo:

O alumnado fixo un lapbook para explicar o universo.

Transición

Pictograma dunha persoa dando un paso.

Definición:

Pasar dunha situación a outra sen cambios bruscos.

Exemplo:

O xeo realiza unha transición de estado sólido a líquido.

Ciclo menstrual. Fecundación, embarazo e parto

Moitos dos mitos dos que falaches cos teus compañeiros e compañeiras na fase anterior ou da información que chega a través de diferentes canles sobre estas temáticas ás veces fan que a información apareza confusa ou se desvíe da realidade. A continuación, tendes uns vídeos explicativos que nos axudarán a entender mellor os procesos do ciclo menstrual, a fecundación, o embarazo e o parto. Así poderemos contar mellor no noso libro enrolable a verdade. Compara esta información co que xa sabías, aprenderás algo novo? Seguramente si!

Ciclo menstrual: a regra

No seguinte vídeo atoparás información relativa ao ciclo menstrual. Sabías que pasa por catro fases diferentes?

Fecundación

Seguro que escoitaches algún que outro conto sobre como se fan os bebés. Aquí atoparás toda a verdade.

Embarazo

Que ocorre no interior dunha barriga durante un embarazo? Todo o proceso contado paso a paso.

Parto

Todas as persoas pasamos por ese momento pero ninguén de nós o recorda. Queres saber como é o minuto cero?

Menstruación

A regra ou menstruación é a fase do ciclo menstrual na que o útero desprende a súa capa interna, o endometrio, xunto co óvulo non fecundado, en forma de sangue menstrual. Esta fase adoita durar 3-7 días, nos que é frecuente sentir certas molestias.


A primeira menstruación (menarquía) aparece arredor dos 12 anos, aínda que isto pode variar xa que cada nena ten o seu ritmo, podendo variar entre os 9 e os 16 anos.

Esta primeira regra vén acompañada de desenvolvemento dos peitos, aparición de pelo en axilas e zona pubiana e secreción vaxinal clara ou branca nos meses previos.


Durante os días de regra pódense usar compresas, tampóns ou copas menstruais. Depende de cada nena ou muller escoller o que lle sexa máis cómodo.

A cantidade de sangrado tamén varía dunhas persoas a outras, ou duns meses a outros.


A síndrome premenstrual é un conxunto de síntomas que poden aparecer antes ou durante a regra, como cambios de humor, inchazón, acne ou cansazo. Son diferentes en cada persoa.

Moitas persoas experimentan dor, molestias ou cólicos durante a menstruación, especialmente nos primeiros días. Aplicar calor na zona ou, incluso, tomar analxésicos pode axudar a aliviar esas molestias. Se a dor é intensa, é recomendable consultalo co persoal sanitario.


A fin da menstruación chega coa menopausa, que adoita ser entre os 45 e 55 anos.

Lectura facilitada

A regra ou menstruación consiste no desprendemento do endometrio e o óvulo non fecundado.

O endometrio é a capa interna do útero.

Esta fase adoita durar de 3 a 7 días.

A primeira menstruación aparece arredor dos 12 anos.

Isto pode variar xa que cada nena ten o seu ritmo.

Durante os días de regra pódense usar compresas, tampóns ou copas menstruais.

Cada muller escoller o que lle sexa máis cómodo.

A cantidade de sangrado non sempre é a mesma.

O síndrome premenstrual son os síntomas que poden aparecer antes ou durante a regra.

Estes poden ser: cambios de humor, inchazón, acne ou cansazo.

Son diferentes en cada persoa.

A fin da menstruación chega coa menopausa.

A menopausa adoita producirse entre os 45 e 55 anos.

Ciclo Menstrual

Refírese ao conxunto de cambios que ocorren no corpo dunha nena/muller cando se está a preparar para unha posible fecundación. Dura aproximadamente 4 semanas (28 días), aínda que pode variar entre 3 e 5 semanas. Ao principio é frecuente que os ciclos non sexan regulares. 

Este ciclo divídese en catro fases:


1. Menstruación ou regra (1-5 días aprox.)

Cando o óvulo sen fecundar chega ao ovario, a capa que recobre o útero por dentro (endometrio) despréndese ocasionando o sangue menstrual. A menstruación pode durar de 3 a 7 días nos cales podes experimentar tamén cambios a nivel emocional tales como fatiga, sensibilidade nos senos, cólicos ou alteracións no estado de ánimo (irritabilidade ou sensibilidade emocional).


2. Fase folicular (1-14 días aprox.)

Nos ovarios comezan a madurar varios óvulos, pero só un chegará a completar o proceso.

O endometrio rexenérase e comeza a engrosarse para poder acoller un óvulo fecundado (embrión). Neste momento aumenta a produción de estróxenos, que son unhas hormonas moi importantes na menstruación.

Nesta fase pode experimentarse unha maior enerxía, motivación e vitalidade.


3. Fase de ovulación (día 14 aprox.)

O óvulo maduro é liberado polo ovario e comeza o percorrido ata o útero. Se nese momento hai espermatozoides na trompa de Falopio, pode producirse a fecundación. Por iso, esta fase é a de maior probabilidade de embarazo.

Pode experimentarse un aumento da libido, cambios emocionais intensos e alteracións no fluxo vaxinal.


4. Fase lútea (15-28 días aprox.)

O óvulo chega ao útero.

Se non é fecundado, o corpo deixa de producir certas hormonas e o endometrio empeza a deteriorarse e despréndese ocasionando un novo sangrado, reiniciando así o ciclo menstrual.
Se o óvulo é fecundado alóxase na parede do útero e comeza a desenvolverse o embrión, sen producir o sangrado ata completar todo o proceso de embarazo.
Nesta fase lútea poden aparecer unha maior sensibilidade dos seos, cambios na pel e maior cansazo.

Lectura facilitada

O ciclo menstrual é o conxunto de cambios que ocorren no corpo dunha nena/muller.

Dura aproximadamente 4 semanas (28 días).

Este ciclo divídese en catro fases:


1. Menstruación ou regra

Cando o óvulo sen fecundar chega ao ovario ocasionando o sangue menstrual.


2. Fase folicular

Nos ovarios comezan a madurar varios óvulos.

Só un chegará a completar o proceso.


3. Fase de ovulación

O óvulo maduro é liberado polo ovario.

Comeza o percorrido ata o útero.

Prodúcese a fecundación cando se atopa co espermatozoide na trompa de Falopio.


4. Fase lútea 

O óvulo chega ao útero.

  • Se non é fecundado, prodúcese o sangrado vaxinal. Comeza de novo o proceso.
  • Se o óvulo é fecundado alóxase na parede do útero. Comeza a desenvolverse o embrión.

Descubre como seguir o teu ciclo menstrual

Imaxe na que se mostra unha aplicación menstrual

Nos dispositivos electrónicos que adoitas utilizar, como teléfonos móbiles, reloxos intelixentes ou tabletas, existen aplicacións que veñen instaladas, ou tamén dispoñibles para descargar de forma gratuíta, coas que podes levar o rexistro do teu período menstrual. 

É importante saber a data da túa última regra, a duración e características do sangrado, coñecer se o teu ciclo é regular mes a mes ou irregular. É necesario poder contestar a estas preguntas nunha consulta médica ou ser quen de detectar posibles alteracións do teu ciclo e, se así o consideras, acudir a un/ha especialista.

Lectura facilitada

Nos dispositivos electrónicos existen aplicacións coas que rexistrar o teu período menstrual. 

É importante coñecer o teu período:

  • Saber a data da túa última regra
  • A duración e características do sangrado
  • Coñecer se o teu ciclo é regular mes a mes ou irregular

O teu médico pódeche realizar este tipo de preguntas.

Lapbook e exposición oral

Agora que xa sabes todo o relativo ao ciclo menstrual e ao proceso de fecundación, elaborarás co teu equipo un lapbook que recolla de forma interactiva toda esta información. 

Logo, teredes que preparar unha exposición apoiada no voso lapbook, explicándolles aos outros equipos todo o contido traballado.

Exemplos para elaborar un lapbook

Para poder inspirarte e crear os teus propios modelos, tes aquí este enlace con varios exemplos de lapbook.Feito

Avanzando cara o reto: transicións e capítulo 2

Imaxe que mostra o conto enrolable.Seguindo co traballo do conto enrolable, agora abordarás xunto ao teu equipo a parte que acabas de estudar.

Un primeiro membro elaborará a transición seguindo as instrucións achegadas. Un segundo membro realizará a parte relativa ao ciclo menstrual, o que lle ocupará dúas follas. Un terceiro membro centrarase na fecundación, e un cuarto membro farao sobre o embarazo, que tamén ten un tamaño diferente, neste caso tres follas.

Novamente, a unión das partes conformará un capítulo enteiro do conto enrolable.

Lectura facilitada

Seguindo co conto enrolable,
agora traballarás coa túa equipo a parte que acabas de estudar.

  • Un membro fará a transición seguindo as instrucións.
  • Outro fará o ciclo menstrual (2 follas).
  • Outro fará a fecundación.
  • Outro fará o embarazo (3 follas).

Todas as partes uniranse
para formar un capítulo completo do conto enrolable.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)