![Fot](maxpixel.freegreatpicture.com-Lamp-Blue-Green-Tetris-Yellow-Colorful-Red-Deco-2973518.jpg)
Un bloque non é máis que unha instrución concreta cuns parámetros concretos que lle pedimos ao programa. Por exemplo: mover 10 pasos á dereita. O bloque pode ser mover xx á dereita, e nós introducimos ou variamos o número de pasos. A aplicación se encarga de traducir esa orde que nós damos simplemente arrastrando un determinado bloque á zona de programación. Á computadora chegará a orde en linguaxe máquina e actuará: moverá dez pasos á dereita unha figura ou un obxecto en pantalla como en Scratch, ou un robot que controlamos mediante unha tarxeta,...
Pero a vantaxe dos bloques non é só a facilidade de introducir as instrucións no programa. Todas os bloques están normalmente agrupados por funcións e, normalmente, diferenciados polas súas cores. Diferéncianse tamén os tipos de bloques: os de entrada de datos, os de información,… E o máis importante: o deseño dos bloques é tal que só permite encaixes coherentes. Isto significa que só poderemos xuntar bloques que sexan compatibles entre si. Obteremos deste xeito secuencias que estarán ben programadas.
Denominamos habitualmente como script a unha pila de bloques. É dicir unha secuencia de bloques (ou instrucións). Un programa pode conter moitos scripts, e referidos a entidades diferentes.
(Premer sobre a imaxe para vela a maior tamaño)
![Scrips en Scratch Pantalla dun proxecto Scratch onde se sinalan as pilas de bloques ou Scripts.](scripts_scratch.png)