A programación informática non necesariamente se desenvolve de forma exclusiva nunha computadora. Moitos programas que creamos son para interactuar co exterior. O caso máis evidente é a entrada de texto por medio do teclado, que non é máis que un dispositivo de comunicación humana coa computadora. O mesmo con accións táctiles en tabletas, móbiles ou ordenadores que o permitan. A entrada de sons mediante micrófonos, ou gravacións que se introducen no sistema,…
Polo tanto no programa temos instrucións que permiten e solicitan a entrada de información dende o exterior. Tamén haberá instrucións que envíen información cara o exterior: en pantalla, con sons,…
![Pencil Pen Stylus Banner Close Up Tablet Foto dunha man escribindo nunha tablet cun lapis.](maxpixel.freegreatpicture.com-Pencil-Pen-Stylus-Banner-Close-Up-Tablet-2188367.jpg)
Podemos ir máis aló e achegarnos a unha interacción maior con dispositivos físicos. Estariamos no mundo dos automatismos ou da robótica. A programación permitiría a administración de dispositivos automáticos e robots. Un dispositivo automático é aquel que pode ter unha entrada de información dende o exterior mediante sensores, e que pode emitir ordes cara a exterior; todo de acordo ao programa informático. Por exemplo: o control domótico de diversas funcións nos fogares, o control de semáforos, de iluminación, e moitos exemplos máis.
No caso da robótica, o que temos son programas que determinan o comportamento de dispositivos de hardware con funcións de certa autonomía. Un robot non pensa, pero o programamos para que realice certas accións ante determinados estímulos. Precisamos para conectar o noso programa co robot un dispositivo de hardware denominado tarxeta controladora. Esta tarxeta, que ás veces forma parte do propio dispositivo robot, conectarase mediante algún medio á computadora para recibir o programa, inda que despois de programado pode actuar de forma autónoma. Cada vez atopamos con máis frecuencia máis robots, dende o ámbito doméstico ata o industrial. Cando se crea un robot que tenta imitar o comportamento humano denomínase androide.
anarres en Openclipart. Eight little robots (CC0)
Un robot é unha entidade virtual ou mecánica artificial. Na práctica, isto é polo xeral un sistema electromecánico que normalmente é conducido por un programa dunha computadora ou por un circuíto eléctrico. Este sistema electromecánico, pola súa aparencia ou os seus movementos, ofrece a sensación de ter un propósito propio. A independencia creada nos seus movementos fai que as súas accións sexan a razón dun estudo razoable e profundo na área da ciencia e tecnoloxía.
“Robot”, Wikipedia, la enciclopedia libre [En liña]. Dispoñible: https://es.wikipedia.org/w/index.php?title=Robot&oldid=104026184. [Consulta: 20-decembro-2017]. Tradición libre.
Un androide é un robot ou organismo sintético antropomorfo que, ademais de imitar a aparencia humana, emula algúns aspectos da súa conduta de maneira autónoma.
“Androide”, Wikipedia, la enciclopedia libre [En liña]. Dispoñible: https://es.wikipedia.org/w/index.php?title=Androide&oldid=103945611. [Consulta: 20-decembro-2017]. Tradución libre.