Saltar navegación

2.5.1 Orixe do Sistema Solar

O Sistema Solar orixinouse hai uns 4.600 millóns de anos a partir dunha enorme nube cósmica, formada principalmente de hidróxeno e, en menor cantidade, doutros elementos, que se atopaba situada nun dos brazos da Vía Láctea

Debido á forza de gravidade, esta nube comezou a contraerse e producíronse nela grandes remuíños. A nube cósmica, que xa tiña un certo movemento de rotación, á medida que se ía concentrando, xiraba cada vez máis rápido e dividíase en fragmentos. Ademais aplanábase ata adquirir a forma dun disco cunha masa central máis grosa.

Despois, a materia condensada na parte central contraeuse, quentándose extremadamente, o que provocou a fusión nuclear do hidróxeno cun gran desprendemento de enerxía. Así naceu o Sol luminoso que agora vemos.

No entanto, os fragmentos da nube orixinaria que constituían o disco formaron acumulacións nunha serie de puntos, constituíndo núcleos que exercían unha forza de atracción gravitatoria sobre os materiais, o que deu lugar aos planetas, aos asteroides e a outros fragmentos, coma os meteoritos.

Os anacos máis pequenos que non chegaron a concentrarse constitúen o cinto de máis de 2.000 asteroides, situados entre Marte e Xúpiter, é dicir, son restos da nube primitiva.

 

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0