2.4.2 Organización do Universo
Introdución
A estrutura maior que se coñece do universo é o supercúmulo de Virgo que abrangue miles de galaxias. Quizá este supercúmulo forme parte doutra estrutura aínda maior. O grupo Local, formado por 30 galaxias, entre as que está a nosa, a Vía Láctea, está integrada no supercúmulo de Virgo.
A Vía Láctea está formada por uns 100.000 millóns de estrelas e quizá un número parecido de planetas.Todas as estrelas que vemos a simple vista forman parte da Vía Láctea. As constelacións son estrelas con formas e nomes característicos.
O sistema solar é o sistema planetario formado pola estrela central, chamada o sol, e o conxunto de astros opacos que xiran arredor del, onde está o noso planeta, A Terra.
Resumindo: o Universo parece coma esas bonecas rusas, unha dentro da outra. A Terra é como un gran de area dentro da boneca máis pequena e por iso nos resulta difícil facer idea do conxunto.
Galaxias e nebulosas
As galaxias son inmensas agrupacións de estrelas, acompañadas de enormes nubes de gas e po cósmico, que se moven xuntas polo espazo. As máis pequenas conteñen unhas 100.000 estrelas e as máis grandes poden ter máis de tres billóns de estrelas. A Vía Láctea e Andrómeda son dous exemplos de galaxias.
As nebulosas só son nubes de gas e po cósmico que están iluminadas por estrelas.
A Vía Láctea
É a galaxia en que nos atopamos, é unha galaxia espiral constituída por uns 100.000 millóns de estrelas, das que o Sol é unha delas.
Estrelas e constelacións
As estrelas son astros luminosos formados por enormes cantidades de gases. A combustión destes gases é a causa de que as estrelas emitan luz e calor. O hidróxeno e o helio son os gases máis abundantes nas estrelas e no resto do universo.
As constelacións son as rexións do espazo, ata o infinito, en que están determinados grupos de estrelas. Estas agrupacións son froito da imaxinación humana que, xa desde a prehistoria, foi quen de ver no firmamento figuras de animais, deuses, etc. As máis coñecidas, aínda que non sempre as máis doadas de observar, son as que forman o Zodíaco. O momento do ano en que corresponde un determinado signo do Zodíaco é aquel en que a constelación dese signo se atopa detrás do Sol, visto desde a Terra.
Algunhas curiosidades
- Os exipcios coñecían as constelacións do Zodíaco: Tauro, Aries, etc. Todas elas foron representadas en moitos relevos de tumbas e templos. Imaxinaban o Universo como o corpo da deusa Nut, que representaban apoiada coas mans e os pés sobre a Terra.
- Os antigos habitantes de México consideraban que a Terra era plana e se atopaba no centro do Universo. Sobre ela estaba o nivel superior, o ceo, e debaixo o inframundo. Tanto o ceo como o inframundo estaban divididos en pisos. O derradeiro piso do inframundo era o reino dos mortos.
- Os gregos propuxeron modelos en que a Terra e o Sol figuraban como centro do Universo. Os primeiros denominámolos modelos xeocéntricos e os segundos heliocéntricos.
- Os modelos xeocéntricos, nos que a Terra era o centro do Universo, foron considerados como correctos ata o século XVI, cando foi substituído polo modelo heliocéntrico, en que o Sol ocupaba ese lugar.
- Na actualidade sabemos que nin a Terra nin o Sol son o centro do Universo.
Actividades propostas
S11. Defina estrela e galaxia.
S12. Que nome reciben as agrupacións de estrelas que vistas desde a Terra forman figuras recoñecibles?
S13. Explique as diferenzas entre
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
