2.2.4 A transición en Galicia
O acceso á autonomía
A Constitución incluía a Galicia entre as nacionalidades históricas. Xa que logo, en setembro de 1977 creouse a Asemblea de Parlamentarios de Galicia, formada polos deputados e senadores elixidos nas eleccións de xuño dese ano e os tres senadores designados polo Rei. O seu cometido foi preparar a autonomía da Comunidade Autónoma. Apoiaron o seu labor todos os partidos políticos, agás o BN-PG, e a cidadanía a través de manifestacións.
A preautonomía galega foi concedida o 11 de marzo de 1978, constituíndose unha Xunta provisional formada por once membros elixidos pola Asemblea de Parlamentarios e presidida por Antonio Rosón.
O presidente da preautonomía, de acordo coa Asemblea de Parlamentarios, nomeou unha comisión redactora dun estatuto na que estaban presentes os partidos máis salientables. A redacción do Estatuto rematou en abril 1979, que deseñaba unha autonomía igual á catalá. Malia que o goberno central da UCD presentou atrancos e pretendía outorgarlle a Galicia unha menor autonomía, finalmente cedeu, e o Estatuto de Autonomía de Galicia foi referendado polo pobo galego o 21 de decembro de 1980, cun nivel de abstención moi alto (73,5 %).
O Estatuto de Autonomía foi promulgado mediante Lei orgánica o 6 de abril de 1981, creándose así un novo marco para a vida política de Galicia.
-
Artigo 1:
Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma (...)
A Comunidade Autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses, e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.
Artigo 5:
A lingua propia de Galicia é o Galego.
Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen dereito de os coñecer e de os usar.
Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Artigo 6:
A bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal de cor azul que atravesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito.
Galicia ten himno e escudo de seu.
Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia
-


Escudo de Galicia
Bandeira de Galicia
A Comunidade Autónoma de Galicia
O Estatuto de Autonomía é a lei básica da autonomía de Galicia. Regula as súas competencias e establece as súas institucións de goberno. Entre as competencias d o goberno galego figura a organización das institucións autonómicas e do territorio, o ensino do galego, a asistencia social, etc. As institucións da Comunidade Autónoma de Galicia son:
-
O Parlamento.
-

É o encargado de lexislar, elaborar e aprobar os orzamentos, controlar o labor da Xunta, designar os Senadores que correspondan a Galicia no Senado e de presentar proposicións de lei no Congreso dos Deputados. Está integrado por 75 deputados, elixidos por sufraxio universal, directo e secreto, cada catro anos. O número de deputados distribúese así: 10 fixos para cada provincia, e os 35 restantes en proporción á poboación de cada unha delas, quedando así: 24, 22, 15 e 14 respectivamente para A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense. É función do Parlamento elixir entre os seus membros o Presidente da Xunta.
-
A Xunta ou Goberno de Galicia. Está formada polo Presidente, os conselleiros e, de ser o caso, un ou varios vicepresidentes, todos eles nomeados polo Presidente da Xunta. Desempeña as funcións executivas: propón leis ao Parlamento e fainas cumprir. O seu mandato establécese por períodos de 4 anos, unha lexislatura.
-
O Presidente da Xunta. Dirixe e coordina a actividade da Xunta, e é o máximo representante da comunidade. A súa elección faise no Parlamento Galego entre os 75 deputados elixidos. Nomea e cesa os conselleiros e ostenta a máxima representación da Comunidade.
-
Tribunal Superior de Xustiza.
-
Valedor do Pobo.
Actividades propostas
S28. Como foi o proceso de posta en marcha do Estatuto de Autonomía de Galicia?
S29. A que aspectos se refiren cada un dos tres artigos do Estatuto de Autonomía que figuran no texto?
S30. Escriba as institucións autonómicas que se encargan destas funcións en Galicia:
-
a) Presidir a Xunta.
-
a) Presidir a Xunta.
-
b) Facer cumprir as leis.
-
c) Controlar a acción do Goberno.
-
d) Aprobar os orzamentos.
-
e) Proporlle leis ao Parlamento.
-
a) Presidir a Xunta. Presidente da Xunta.
-
b) Facer cumprir as leis.Xunta ou Goberno de Galicia.
-
c) Controlar a acción do Goberno. Parlamento.
-
d) Aprobar os orzamentos.Parlamento.
-
e) Proporlle leis ao Parlamento.Xunta.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0