Saltar navegación

2.2.2 España en democracia

As eleccións de 1979

Logo de aprobada a Constitución a finais de 1978, o novo sistema político español equiparábase ás democracias liberais de Europa. Agora, as Cortes elixidas en xullo de 1977 foron disolvidas porque a súa función básica fora a elaboración e aprobación dunha Constitución democrática (Cortes constituíntes). O presidente Suárez convocou eleccións xerais (lexislativas) para o 1 de marzo de 1979, e municipais un mes máis tarde.

A UCD gañou as lexislativas, seguida do PSOE, que foron os dous partidos maioritarios. Os partidos nacionalistas vascos e cataláns incrementaron a súa representación.

O goberno da UCD

 

Como resultado das eleccións, formouse un goberno da UCD, que impulsou a reforma do exército, o proceso autonómico e a proxección exterior de España, retomando as negociacións para entrar na CEE e na OTAN.

 

 

 

 

 

 

 

 

En 1980 Suárez comezou a ter problemas coas distintas forzas políticas que formaban a UCD. Este enfrontamento no seo do partido foi fragmentándoo pouco a pouco, chegando a non contar con maioría absoluta nas Cortes.

O PSOE dirixido por Felipe González rompeu a política de consenso e presentou unha moción de censura ao goberno. Forzado polas circunstancias, o presidente Suárez dimitiu en xaneiro de 1981. Cando ía ser substituído por outro membro da UCD, Leopoldo Calvo Sotelo, produciuse o golpe de Estado do 23 de febreiro.

O golpe de Estado do 23 F

 

O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, con catrocentos gardas civís armados, asaltou o Congreso dos Deputados e mantivo como reféns ao Goberno e aos deputados, mentres anunciaba a chegada dunha autoridade superior e invocaba o nome do rei como máximo responsable. O golpe pretendía volver á ditadura.

O pobo español puido seguir os acontecementos grazas a unha cámara de televisión que seguiu funcionando, xa que se estaba transmitindo en directo a sesión das Cortes.

No golpe de Estado estaban implicados algunhas autoridades militares. Os xefes das diferentes rexións militares mantivéronse á expectativa, agás o de Valencia, o tenente xeneral Miláns del Bosch, que sacou os tanques á rúa impoñendo o toque de queda e asumindo o mando supremo da rexión militar. Pero o golpe non foi seguido pola maioría dos capitáns xenerais que se mantiveron fieis á legalidade, sobre todo despois da actitude do rei que rexeitou claramente o golpe de Estado.

"(...) fago saber que, ante os acontecementos que se están a desenvolver nestes momentos na capital de España e o conseguinte baleiro de poder, é mi deber garantir a orde na rexión militar do meu mando ata que se reciban as correspondentes instrucións da Súa Maxestade el Rei. En consecuencia, dispoño:

Art. 1º. Todo o persoal afecto aos servizos públicos de interese civil queda militarizado cos deberes e atribucións que marca a lei.

Art. 2º. Prohíbese o contacto coas unidades armadas por parte da poboación civil. (...)

Art. 4º. Quedan prohibidos os lock-out, folgas... considérase como sedición o abandono do traballo, sendo principais responsables os dirixentes de sindicatos e asociacións laborais.

Art. 5º. Quedan prohibidas todas as actividades públicas e privadas de todos os partidos políticos, prohibíndose igualmente as reunións superiores a catro persoas, así como a utilización por estes de calquera medio de comunicación social.

Art. 6º. Establécese o toque de queda dende as nove da noite ás sete da mañá, podendo circular unicamente dúas persoas, como máximo, durante o citado prazo de tempo, pola vía pública, e pasando a noite todos os grupos familiares nos seus respectivos domicilios.

Art. 7º. Só poderán circular os vehículos e transportes públicos, así como os particulares debidamente autorizados. (...)

Art. 9º. Todos os corpos de Seguridade do Estado se manterán baixo a miña autoridade.

Art. 10º. Igualmente, asumo o poder xudicial e administrativo, tanto do ente autonómico ou os provinciais e municipais. (...)

Por último, espero a colaboración activa de todas as persoas, patriotas, amantes da orde e da paz, respecto das instrucións anteriormente expostas.

Por todo iso, remato cun forte Viva o Rei! Viva por sempre España!.

Jaime Miláns del Bosch e Ussía (Tenente xeneral do Exército e capitán xeneral da Terceira Rexión Militar).

Valencia, 23 de febreiro de 1982.”

Bando do tenente xeneral Miláns del Bosch a tarde do 23 F

 

 

Imaxe de Valencia tomada polo exército, 0 23 de febreiro de 1981

 A actuación do rei foi clave na resolución do conflito. Durante as seguintes horas, desde a súa residencia do palacio da Zarzuela, púxose en contacto telefónico cos xefes militares explicando a súa postura e esixíndolles a súa lealdade; negouse a parlamentar cos partidarios do golpe (Alfonso Armada); convocou á Xunta de Xefes de Estado Maior e, vestido co uniforme militar, apareceu na televisión pronunciando un discurso no que desautorizaba os golpistas e manifestaba a súa intención de defender a orde vixente e respectar a vontade popular expresada nas urnas.

 

"(...) Ante a situación creada polos sucesos desenvolvidos no pazo do Congreso, e para evitar calquera posible confusión, confirmo que ordenei ás autoridades civís e á Xunta de Xefes de Estado Maior que tomen as medidas necesarias para manter a orde constitucional dentro da legalidade vixente (...).

A Coroa, símbolo da permanencia e unidade da Patria, non pode tolerar en forma ningunha accións ou actitudes de persoas que pretendan interromper pola forza o proceso democrático que a Constitución votada polo pobo español determinou no seu día a través de referendo"

Mensaxe televisiva do Rei unhas horas despois da tentativa do golpe militar

 

Tras a mensaxe do rei, os tanques de Valencia regresaron aos cuarteis, e Armada e Tejero rendéronse. O golpe non só fracasara, senón que serviu para superar as diferenzas existentes entre as distintas forzas políticas e afianzar o sistema democrático. Nos días seguintes tiveron lugar en España impresionantes manifestacións de apoio á democracia.

 

Aos poucos días do intento de golpe de Estado, Leopoldo Calvo Sotelo foi investido polas Cortes Presidente do Goberno. Durante o seu goberno, foron aprobados a Lei do Divorcio, a Lei do Defensor do Pobo, varios estatutos de autonomía e a petición de ingreso na OTAN.

 

Ante a imposibilidade de gobernar en minoría parlamentaria e coa UCD abocada á disolución, convocou eleccións lexislativas para o 28 de outubro de 1982, que foron gañadas polo PSOE por maioría absoluta.

 Os gobernos socialistas (1982-1996)

 

Felipe González foi o novo presidente do Goberno. A vitoria do PSOE pechou unha etapa de inestabilidade política e fortaleceu a nacente democracia española ao permitir, por unha parte, o acceso ao poder dun partido distinto ao que o viña gobernando desde 1977 e, por outra, que ese partido fose un dos perdedores da Guerra Civil. E o feito de que un partido de esquerdas gañase as eleccións supuxo a consolidación da democracia, abrindo unha etapa nova na política española.

 

  • Unha política reformista. A maioría absoluta obtida polo PSOE facilitou a súa acción de goberno, que fixou como prioridades a superación da crise económica, a implantación do Estado do Benestar, o impulso das obras públicas e a preparación do país para a súa integración na Comunidade Económica Europea.

 

Propoñémonos gobernar sobre a base de tres principios que debo proclamar categoricamente: a paz social, é dicir, a seguridade cidadá, (... ) A unidade nacional, que se fortalece coa diversidade dos nosos pobos (... ). O progreso, como instrumento ao servizo da xustiza (... ) que nos obriga a loitar contra as diferenzas que privilexian a certos grupos e marxinan dolorosamente outros. (... ).

A crise xeral, xunto coa nosa deficiente estrutura económica, legado do pasado, enfróntanos hoxe con catro desequilibrios fundamentais: o paro (... ), a inflación (... ) o déficit da balanza de pagamentos (... ) e o déficit das administracións públicas (... )

Traballaremos con tesón para achandar os obstáculos que aínda se opoñen á nosa plena integración nas Comunidades Europeas (... )

Discurso de investidura de Felipe González Márquez

 

  • Ingreso na CEE e a permanencia na OTAN. Os socialistas sabían que a integración e o recoñecemento de España a nivel internacional eran factores que estabilizarían a democracia; por iso negociaron a entrada na CEE e a incorporación definitiva á OTAN.

As negociacións para o ingreso na Comunidade Europea intensificáronse, dando os seus froitos en xuño de 1985, cando se asinou o tratado de adhesión, e, xunto con Portugal, España pasou a ser membro de pleno dereito da CEE o 1 de xaneiro de 1986. Con respecto á OTAN, na que España xa ingresara en 1981, convocouse un referendo para a permanencia.

  • Reconversión industrial da década dos 80. A crise industrial que afectou a todos os países industrializados a partir de 1975 incidiu duramente sobre a industria española debido á súa falta de competitividade; así, a industria siderúrxica, os estaleiros e o sector téxtil víronse seriamente afectados, producíndose numerosos peches de instalacións e un gran aumento do paro. Para diminuír os efectos da crise, os países europeos promoveron políticas de reconversión industrial. Por razóns políticas, estas medidas tardaron en aplicarse en España, limitándose os distintos gobernos a subvencionar as empresas con dificultades.

A partir de 1982, o goberno do PSOE abordou as inevitables medidas de reforma estrutural da economía española. En 1984 apróbase a Lei de Reconversión e Reindustrialización, que tiña como obxectivo levar a cabo unha política de axuste nos sectores industriais en crise e canalizar os recursos cara aos sectores máis rendibles.

As medidas aplicadas para a reconversión industrial consistiron en xubilacións anticipadas e coberturas de desemprego aos parados, concesión de créditos e subvencións a fondo perdido ás empresas que presentasen proxectos rendibles, recolocación dos parados das as áreas máis afectadas pola crise e o apoio á innovación tecnolóxica.

O axuste tivo resultados positivos: os indicadores económicos melloraron claramente a partir de 1986, aínda que as taxas de paro seguiron sendo as máis elevadas de Europa (20,6 % da poboación activa en 1985).

 

 

 

 

A perda de emprego pola reestruturación enfrontou o Goberno cos principais sindicatos, UGT e CC OO, e tivo un forte impacto social, como o demostraron as folgas e mobilizacións de Sagunto, Ferrol ou Vigo.

 

  • As eleccións xerais de 1993. Nelas, o PSOE xa non obtivo a maioría absoluta, e o Partido Popular de Aznar logrou aumentar en case tres millóns os votos obtidos respecto ás anteriores eleccións. Estes resultados puxeron de manifesto a tendencia ao bipartidismo do electorado. Os nacionalistas vascos e cataláns mantiveron as súas posicións.

 

Co fin de obter maioría no Congreso dos Deputados, Felipe González negociou cos nacionalistas cataláns de Convergencia i Unió o seu apoio para a nova lexislatura. Coa colaboración dos nacionalistas cataláns, os socialistas buscaban, ademais do apoio parlamentario, solucionar o preito histórico da incorporación dos partidos nacionalistas e rexionalistas ás tarefas de goberno, o que non ocorría desde a II República.

 

 Os gobernos do Partido Popular (1996-2004)

 

 

Tras catorce anos de sucesivos gobernos socialistas, as eleccións de 1996 trouxeron o relevo no poder. Nesta ocasión, o vencedor foi o Partido Popular, que recolleu os froitos dunha profunda reestruturación na súa organización e un cambio xeracional na dirección. A esta vitoria do partido conservador contribuíu o descrédito dos últimos gobernos socialistas por casos de corrupción.

 Como a vitoria non foi por maioría absoluta, José María Aznar tivo que buscar o respaldo parlamentario de partidos nacionalistas: Convergencia i Unió, Partido Nacionalista Vasco e Coalición Canaria.

Na primeira lexislatura (1996-2000), mantivo a política social dos gobernos anteriores, dialogou cos sindicatos e achegouse aos partidos nacionalistas.

Nas eleccións xerais do ano 2000, o Partido Popular obtivo maioría absoluta. Agora, sen depender de ningún partido para aprobar nas Cortes Xerais as leis que propuxese, iniciou unha serie de reformas educativas (Lei de calidade do ensino), laborais (Lei de contratación laboral), de inmigración (Lei de estranxeiría) e antiterroristas (Lei de partidos políticos), e aplicou unha política económica de carácter neoliberal.

En política exterior produciuse un achegamento a EE UU, apoiando a este país na invasión de Iraq, o que provocou protestas sociais.

O 11 de marzo de 2004, tres días antes das eleccións xerais, nas que o Partido Popular presentaba a Mariano Rajoy como novo candidato, produciuse o tráxico atentado terrorista en Madrid, perpetrado por islamistas.

 As eleccións foron gañadas, contra todos os prognósticos, polo PSOE, que presentaba como candidato a José Luis Rodríguez Zapatero, quen formou novo goberno.

Os gobernos socialistas (2004-2011)

A súa época como presidente estivo dividida en dúas etapas. Durante a primeira lexislatura, as principais medidas do seu goberno foron a retirada das tropas españolas de Iraq, o envío de tropas a Afganistán e o desenvolvemento dun programa de cambios lexislativos (legalización do matrimonio homosexual, Lei da dependencia, a Lei para a igualdade entre mulleres e homes, a creación dos Xulgados de Violencia sobre a Muller, o intento de proceso de paz con ETA, a Lei antitabaco ou a reforma de Estatutos de Autonomía, como o de Cataluña).

 

Tras catorce anos de sucesivos gobernos socialistas, as eleccións de 1996 trouxeron o relevo no poder. Nesta ocasión, o vencedor foi o Partido Popular, que recolleu os froitos dunha profunda reestruturación na súa organización e un cambio xeracional na dirección. A esta vitoria do partido conservador contribuíu o descrédito dos últimos gobernos socialistas por casos de corrupción.

O seu segundo mandato estivo intensamente marcado polo impacto dunha crise económica moito máis grave e profunda do previsto polo seu Goberno e pola maioría dos organismos económicos internacionais. Un período de recesión, agravado polo colapso do sector financeiro e polo desastre do sector inmobiliario (principal motor económico e laboral de España nos quince anos previos), trouxo consigo unha brusca deterioración da economía e un rápido crecemento do desemprego. A reacción do Goberno consistiu, primeiro, en programas de estímulo económico, como o Plan E, nos anos 2008 e 2009; e en políticas de recorte orzamentario, os maiores da historia recente, en 2010 e 2011, incluíndo a retirada de moitas das medidas sociais postas en marcha na primeira lexislatura.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0