Saltar navegación

1.1 Descrición da unidade didáctica

Dentro do módulo 4, esta é a terceira das catro unidades didácticas que o constitúen. Leva como título España en democracia e está estruturada en dúas partes.

A primeira inclúe conceptos básicos de política e unha análise sinxela dos alicerces do sistema democrático. É imprescindible o dominio destes conceptos e fundamentos para entender o proceso de transición dunha ditadura a unha democracia e, sobre todo, para comprender o que é unha democracia.

A segunda céntrase na historia máis recente de España e de Galicia. Abrangue desde a fin da ditadura franquista, en 1975, ata a actualidade, o período máis esperanzador e atraente da nosa historia contemporánea.

 

Logo de rematado o estudo desta unidade, deberá ser quen de:

  • Comprender os conceptos elementais da ciencia política.

  • Identificar os principios e institucións básicos do sistema democrático.

  • Diferenciar os estados democráticos das ditaduras.

  • Valorar a democracia como o sistema político que mellor responde á nosa dignidade como persoas.

  • Recoñecer os impostos como a contribución da cidadanía aos gastos e investimentos públicos.

  • Coñecer as etapas da transición democrática española.

  • Distinguir as persoas que, xunto coa grande masa social, foron protagonistas dos cambios dese período e responsables de estabilizar o réxime democrático.

  • Comprender os pasos seguidos e os instrumentos utilizados para rematar co réxime franquista e instaurar un réxime de liberdades democráticas.

  • Coñecer os principais obstáculos que se interpuxeron no camiño cara á democracia.

  • Recoñecer os principios fundamentais da Constitución de 1978.

  • Identificar e coñecer os dereitos, os deberes e as liberdades fundamentais que recoñecen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

  • Analizar a construción e consolidación do Estado das Autonomías.

  • Coñecer o proceso de ingreso de España na Comunidade Económica Europea.

  • Analizar a traxectoria política dos gobernos do PSOE entre 1982 e 1996.

  • Comparar as accións políticas das dúas lexislaturas do Partido Popular (1996-2004).

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0