1.2 Contextualización histórica
Logo dunha longa ditadura, a instauración dun sistema democrático liberal como os de Europa Occidental foi a obra máis destacada do período.
O tránsito cara á democracia non foi sinxelo nin doado, e mesmo se lle puxeron fortes atrancos, como foi o intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 para volver á ditadura.
Ao intento golpista cómpre engadirlle outras dificultades que entorpecían o proceso democratizador: a crise económica mundial que afectou fortemente, dando lugar ao pechamento de empresas e a un grande número de desempregados; a oposición dos sectores adictos a Franco; as mobilizacións sociais; as reivindicacións dos partidos políticos, que non sempre se podían atender; e a presenza continua da acción terrorista.
Pero grazas á ilusión e á esperanza do pobo e ao esforzo e á vontade das forzas políticas e sindicais, chegouse a unha democracia moderna, baixo a forma de Estado dunha monarquía parlamentaria. A forte implicación no proceso democratizador por parte do rei e do presidente do Goberno Adolfo Suárez contou coa colaboración da maioría dos líderes políticos e sindicais.
En 1976, a aprobación da Lei para a reforma política constituíuse na base legal fundamental para pasar dun réxime ditatorial a outro democrático.
As primeiras eleccións democráticas desde a II República celebráronse en xuño de 1977. Delas xurdiron unhas Cortes que tiveron como misión primordial elaborar o elemento básico de toda democracia, unha Constitución, que sería referendada polo pobo español o 6 de decembro de 1978.
Tamén en 1977, os líderes dos partidos políticos asinaron os Pactos da Moncloa. A súa finalidade era acadar acordos económicos, políticos e sociais para reducir os conflitos sociais e afianzar a democracia.
Coa Constitución aprobada, desde 1979 celébranse periodicamente eleccións democráticas para elixir representantes municipais, autonómicos e estatais. A alternancia entre socialistas e populares no goberno de España consolidou e fortaleceu o sistema democrático.
O recoñecemento constitucional do dereito á autonomía por parte das nacionalidades e rexións de España deu lugar ao Estado das Autonomías, que posibilitou o seu autogoberno. Así, Galicia alcanzou o seu Estatuto de Autonomía, que se interrompera en 1936.
A proxección internacional de España viuse reforzada desde que en 1986 ingresou na Comunidade Económica Europea. Hoxe converteuse nunha potencia económica, afectada pola crise iniciada en 2008.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0