2.2.1 A transición democrática (1975-1978)
Características da transición
-
O 20 de novembro de 1975 finaba en Madrid Francisco Franco, rematando así unha ditadura de case corenta anos.
Logo da morte de Franco iniciábase un proceso político destinado a instaurar a democracia, coñecido co nome de transición. Para uns historiadores, remataría en 1977, cando se aproba a Lei de Reforma Política; para outros, culmina coa aprobación da Constitución de 1978; hai opinións que defenden que acabaría en 1982, ano da vitoria socialista nas eleccións xerais; e outros van máis alá e póñenlle fin á transición en 1986, cando España ingresa na Comunidade Económica Europea. En síntese, caracterízase porque:
-
Foi un proceso graduado no tempo: os responsables políticos organizaron por prioridades as tarefas básicas para chegar á democracia.
-
Estivo baseada no equilibrio: foise desmantelando paulatinamente o réxime franquista e construíndo o sistema democrático.
-
Foi posible grazas ao consenso da maioría das forzas políticas, baseado na reconciliación social.
-
Os cambios foron lexitimados pola sociedade mediante dúas consultas populares: os referendos da Lei de Reforma Política, en 1977, e da Constitución, en 1978.
O Goberno de Arias Navarro
-
O 22 de novembro de 1975 Juan Carlos de Borbón foi proclamado rei polas Cortes. O primeiro Goberno da recentemente estreada Monarquía estivo presidido por Carlos Arias Navarro, presidente do derradeiro Goberno de Franco, o que xerou unha forte desilusión porque se interpretou como unha continuidade do réxime. Arias Navarro negábase a calquera cambio político. A actitude inmobilista de Arias, a súa incapacidade para solucionar os problemas de orde pública, e a presión das forzas democráticas e do rei forzaron a súa dimisión.
O Goberno de Adolfo Suárez
En xullo de 1976 o rei nomeou como presidente do Goberno a Adolfo Suárez. Aínda que procedía do Franquismo, desenvolveu un programa reformista que levaría á instauración da democracia mediante unha serie de actuacións:
-
Reformouse o Código Penal para permitir a legalización da maioría dos partidos políticos e concedeuse unha ampla amnistía para os presos políticos.
-
En novembro de 1976 promulgouse a Lei para a reforma política.
-
Regulamentouse o dereito de folga en marzo de 1977.
-
Legalizáronse o Partido Comunista e as centrais sindicais en abril de 1977.
-
O 15 de xuño de 1977 celebráronse eleccións xerais.
-
Elaborouse unha Constitución, aprobada en referendo o 6 de decembro de 1978.
-
“A transición política foi resultado do diálogo entre Goberno e oposición (...) Foi un proceso difícil onde houbo que ir eliminando, por ambas as partes, receos e incomprensións acumuladas ou herdadas, pero ao final chegouse á convicción de que o proxecto do Goberno era o mellor entre os posibles. Entre outra razóns porque non se presentou con seriedade e validez política ningún outro. (...) Cumpría usar os poderes que as Leis Fundamentais vixentes lle atribuían ao Rei para, renunciando a eles, establecer unha Monarquía Parlamentaria e moderna. Baixo a Coroa introduciuse como principio lexitimador básico o principio democrático da Era previsible que as Cortes e o Consello (Nacional do Movemento) reaccionaran de xeito contrario ante un proxecto que implicaba a súa disolución. Isto era o que había que evitar e iso é o que, pola actuación do entón presidente das Cortes, Torcuato Fernández Miranda, e de boa parte dos conselleiros e procuradores foi posible”soberanía nacional.”
Portada da revista Times en 1977
Artigo de Adolfo Suárez, en “Historia da Democracia” (Diario El Mundo. 1995)
-
1976: Lei para a Reforma Política.
A obra máis importante do Goberno de Adolfo Suárez foi a Lei para a Reforma Política, elemento fundamental para pasar desde a ditadura a un réxime democrático: suprimía as Cortes franquistas, e posibilitaba a convocatoria de eleccións xerais democráticas e a elaboración dunha Constitución. Esta lei foi aprobada polas Cortes franquistas, que eran as vixentes. O 15 de decembro de 1976 someteuse a referendo, sendo aprobada maioritariamente polo pobo.
-
-
Artigo 1. A democracia no Estado Español baséase na supremacía da lei, expresión da votade soberana do pobo (... ) A potestade de elaborar e aprobar as leis reside nas Cortes. O Rei sanciona e promulga as leis.
-
Artigo 2. As Cortes compóñense do Congreso dos Deputados e do Senado. Os Deputados do Congreso serán elixidos por sufraxio universal, directo e secreto dos españois maiores de idade.
-
Disposicións Transitorias. Primeira: o Goberno regulará as primeiras eleccións a Cortes para constituír un Congreso de 350 deputados e elixir 207 Senadores (...)
Lei para a reforma política
-
Logo de obter un resultado favorable no referendo, Adolfo Suárez preparou as primeiras eleccións democráticas desde febreiro de 1936.
Eleccións xerais do 15 de xuño de 1977
A elas concorreron moitos partidos políticos. Destacan as forzas de centro agrupadas na coalición UCD (Unión de Centro Democrático) liderada por Adolfo Suárez; os partidos de esquerda: PSOE, PCE e Partido Socialista Popular, encabezados respectivamente por Felipe González, Santiago Carrillo e Enrique Tierno Galván; Alianza Popular, partido de dereita, liderado por Fraga Iribarne; a extrema dereita, representada por FET-
JONS (Falange) e Fuerza Nueva; os partidos nacionalistas Partido Nacionalista Vasco e Convergència Democrática de Catalunya; de extrema esquerda, como o Movemento Comunista, a Liga Comunista Revolucionaria, o Partido dos Traballadores de España.
A vitoria foi para a UCD, seguida polo PSOE, o Partido Comunista e Alianza Popular. Agora o novo goberno, formado por ministros da UCD e presidido por Adolfo Suárez, tiña lexitimidade democrática, o primeiro despois de 41 anos.
Os partidos e as forzas de oposición durante a transición
Os grupos da oposición democrática constituíron Coordinación Democrática, que redactou un programa en marzo de 1976. Por outra banda, os seus representantes negociaron co Goberno de Suárez, entre decembro de 1976 e abril de 1977, a legalización dos partidos políticos, a lei de amnistía e a preparación das eleccións xerais do mes de xuño de 1977.
Pola súa banda, as forzas franquistas tentaban paralizar todo intento de reforma. Diversos grupos e partidos de extrema dereita coaccionaron ao Goberno, utilizando a violencia e tratando de mobilizar os sectores do exército máis antidemocráticos para dar un golpe de Estado que impedise á instauración democrática.
Os atrancos á transición
O camiño cara á democracia non estivo exento de sobresaltos. Grupos de extrema esquerda e de extrema dereita sacudiron a sociedade española cos seus atentados.
A finais de xaneiro de 1977 comandos de extrema dereita asasinaron a cinco avogados laboralistas vinculados ao Partido Comunista de España.
-

Nesas mesmas datas, a organización de extrema esquerda Grupo Revolucionario Antifascista Primeiro de Outubro (GRAPO), que iniciara a súa acción terrorista nos derradeiros días do Franquismo, secuestrou o xeneral Villaescusa (presidente do Consello Supremo de Xustiza Militar) entanto que mantiña tamén secuestrado a Antonio de Oriol y Urquijo (presidente do Consello de Estado). Días máis tarde asasinaron a dous policías e atentaron contra un coche da Garda Civil, resultando morto un dos seus ocupantes e feridos outros tres.
Pola súa banda, ETA intensificou a súa actividade co obxectivo de que o goberno aceptase o programa para a independencia do País Vasco. As súas accións terroristas dirixíronse preferentemente contra o exército, a policía e a Garda Civil, iniciando unha escalada de violencia que tivo o seu momento álxido nos anos 1978, 1979 e 1980, nos que perderon a vida máis de 250 persoas.
A tensión social e o medo temperáronse coa actitude serena do PCE, pola decisión do xeneral Gutiérrez Mellado, que se enfrontou aos militares ultras, e polo chamamento á calma de Suárez, quen insistiu en que a reforma seguiría adiante a malia o terrorismo.
Os Pactos da Moncloa
A política de consenso de Suárez logrou un dos maiores éxitos nos acordos cos axentes sociais e recollidos nos Pactos da Moncloa. Estes pactos, asinados en outubro de 1977 polos líderes dos partidos políticos con representación parlamentaria, establecían unha serie de acordos de carácter económico, político e social para consolidar a democracia e reducir a conflitividade social: moderación dos salarios, redución das cotas da Seguridade Social, reforma fiscal e financeira, control do gasto público, redución da inflación, mellora da balanza de pagamentos, control da Seguridade Social e un novo marco de relacións laborais.
-

Con estes pactos reduciuse a inflación do 40 ao 16 %, mellorou a balanza de pagamentos e reduciuse a conflitividade social coa celebración das primeiras elección sindicais e a elaboración do Estatuto dos Traballadores.
-
"Os efectos dos Pactos da Moncloa foron inmediatos: a inflación pechaba o ano nun 26,4 % e situábase en 1978 no 16%; recuperábase o equilibrio da balanza de pagamentos por conta corrente, obténdose superávit ao ano seguinte; as reservas de divisas pasaron de 4.000 millóns de dólares a mediados de 1977 a 10.000 millóns a finais de 1978; restablecíase certo equilibrio nas contas das empresas, iniciándose unha tendencia alcista dos beneficios. E, sobre todo, producíase un cambio importantísimo no clima político do país que permitiu chegar á Constitución. Os Pactos da Moncloa converteríanse na insignia do paso da ditadura a unha democracia sen convulsións sociais..
(...) este compromiso histórico complementouse un pouco máis tarde coa asunción dunha política de austeridade que consideraba a loita contra a inflación como prioritaria para a recuperación da economía".
Os resultados dos Pactos da Moncloa
[J. Estefanía: O compromiso histórico español.]
A Constitución de 1978
-

O 22 de agosto de 1977 constitúense as novas Cortes democráticas, como consecuencia das eleccións do 15 de xuño. Aos poucos días formouse unha comisión de deputados encargada de redactar un proxecto de Constitución. O 6 de decembro o pobo español ratificouna en referendo, cun 78,9 % de votos afirmativos sobre un 67,1 % de participación.
Esta constitución representa o segundo intento do século XX de establecer un sistema democrático en España; o primeiro foi a Constitución de 1931. Posibilitou a transición dun sistema político ditatorial a outro democrático, e foi o froito dun consenso entre os diferentes partidos políticos. Con ela implántase en España un Estado social e democrático de Dereito no que:
-
Prevalecen os intereses da sociedade sobre os de grupo (Estado social).
-
Asegúrase o poder da Lei como conxunto de normas que hai que respectar, sen diferenzas, discriminacións ou privilexios entre as persoas.
-
Adóptase a monarquía parlamentaria como forma de Estado.
-
Establécese a división de poderes..
-
A súa lexitimación é a soberanía nacional.
-
Garántese a liberdade, a igualdade ante a lei, o pluralismo ideolóxico e a convivencia democrática.
-
Recoñécense dereitos sociais (Estado do Benestar).
-
Recoñécese a existencia de nacionalidades e rexións que darán lugar ás Comunidades Autónomas.
-
Constitución española
-
Titulo Preliminar, artigos 1 a 9.
Artigo 1. España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político.
A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado.
A forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria.
Artigo 2. A Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da Nación española (... ) e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas.
Artigo 3. O castelán é la lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
-
Titulo I, artigos 10 a 55: Dos dereitos e deberes fundamentais.
Artigo 14. Os españois son iguais perante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Artigo 15. Todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que en ningún caso poidan ser sometidos a torturas nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Queda abolida a pena de morte, salvo o que se poida dispor nas leis penais militares para tempos de guerra.
Artigo 16. Garántese a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos e das comunidades, sen máis limitación nas súas manifestacións que a necesaria para a conservación da orde pública, protexida pola lei. Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas.
Artigo 17. Toda persoa ten dereito á liberdade e á seguridade (... ) Toda persoa detida debe ser informada de forma inmediata, e de modo que lle sexa comprensible, dos seus dereitos e das razóns da súa detención, sen que poida ser obrigada a declarar.
Artigo 21. Recoñécese o dereito de reunión pacífica e sen armas.
Artigo 22. Recoñécese o dereito de asociación.
Artigo 23. Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal.
Artigo 27. Todos teñen dereito á educación. Recoñécese a liberdade do ensino. O ensino básico é obrigatorio e gratuíto. Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación.
Artigo 31. Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto e inspirado nos principios de igualdade e progresividade.
Artigo 35. Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo...
Artigo 41. Os poderes públicos manterán un réxime público de seguridade social para todos os cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes perante situacións de necesidade, especialmente no caso de desemprego.
Artigo 47. Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada.
Artigo 50. Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade.
-
Título II, artigos 56 a 65. Da Coroa
Artigo 56. O Rei é o Xefe do Estado, asume a máis alta representación do Estado nas relacións internacionais; a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade.
Artigo 62. Corresponde ao Rei: sancionar e promulgar as leis; convocar e disolver as Cortes Xerais; propoñer o candidato a Presidente do Goberno; (... ) o mando supremo das Forzas Armadas (... )
-
Título III, artigos 66 a 96. Das Cortes Xerais.
Artigo 66. As Cortes Xerais exercen a potestade lexislativa do Estado, aproban os seus orzamentos, controlan a acción do Goberno...
Artigo 68. O Congreso componse dun mínimo de 300 e un máximo de 400 Deputados, elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto...
Artigo 87. A iniciativa lexislativa corresponde ao Goberno, ao Congreso e ao Senado...
Artigo 88. Os proxectos de lei serán aprobados en Consello de Ministros, que os someterán ao Congreso.
- Título IV, artigos 97 a 107. Do Goberno e da Administración.
Artigo 97. O Goberno dirixe a política interior e exterior, a Administración civil e militar e a defensa do Estado. Exerce a función executiva...
Artigo 98. O Goberno componse de Presidente, dos Vicepresidentes no seu caso, dos Ministros e dos demais membros que estableza a lei. O Presidente dirixe a acción do Goberno e coordina as funcións dos demais membros do mesmo...
Artigo 104. As Forzas e Corpos de Seguridade, baixo a dependencia do Goberno, terán como misión protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá.
-
Título V, artigos 108 a 116. Das relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais.
Artigo 108. O Goberno responde solidariamente na súa xestión ante o Congreso dos Deputados.
Artigo 110. As Cámaras (Congreso e Senado) poden reclamar a presenza dos membros do Goberno.
Artigo 111. O Goberno e cada un dos seus membros están sometidos ás interpelacións e preguntas que se lle formulen nas Cámaras...
-
Título VI, artigos 117 a 127. Do Poder Xudicial.
Artigo 117. A xustiza emana do pobo e adminístrana, en nome do Rei, os xuíces e maxistrados, independentes, inamovibles, responsables e sometidos unicamente ao imperio da lei.
-
Título VII, artigos 128 a 136. Economía e Facenda.
Artigo 131. O Estado, mediante lei, poderá planificar a actividade económica xeral para atender as necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución.
Artigo 134. Corresponde ao Goberno a elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado e ás Cortes Xerais o seu exame, emenda e aprobación. Os Orzamentos Xerais do Estado terán carácter anual, incluirán a totalidade dos gastos e ingresos do sector público estatal...
-
Título VIII, artigos 137 a 158. Da Organización Territorial do Estado.
Artigo 148. As Comunidade Autónomas poderán asumir competencias nas seguintes materias: organización das súas institucións de autogoberno; (... ) organización do territorio, urbanismo e vivenda; a agricultura e gandaría; (... ) a xestión en materia de protección de medio ambiente; (...) asistencia social; sanidade e hixiene...
-
Título IX, artigos 159 a 165. Do Tribunal Constitucional.
Artigo 148. O Tribunal Constitucional ten xurisdición en todo o territorio español e é competente para coñecer: do recurso de inconstitucionalidade contra leis... ; do recurso de amparo por violación dos dereitos e liberdades...
-
-

Sistema político español [Gráfico extraído do libro de texto Fisterra 4. Ed. Vicens Vives -ISBN 978-84-316-8743-4-]
-
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0