Saltar navegación

2.1.1 Conceptos básicos de política

A palabra poder refírese á capacidade de conseguir que a conduta dos demais se adapte á vontade de quen o exerce; esta adaptación pode facerse pola forza ou por convencemento. O poder político busca sempre a súa lexitimidade.

 

Non facemos o que os demais queren sen protestar, como as abellas, senón que é preciso convencernos e moitas veces obrigarnos a desenvolver o papel que a sociedade nos atribúe (... ) Non desobedecemos porque non queiramos obedecer xamais a nada nin a ninguén, senón porque queremos mellores razóns para obedecer das que nos dan e xefes que ordenen cunha autoridade máis respectable.

Savater, Fernando: Política para Amador. Ed. Ariel. 1994

Quen ten autoridade ten a capacidade de exercer o poder sobre outras persoas. Se unha autoridade exerce o poder buscando só someter as persoas á súa vontade ou sen facer caso das leis, está obrando de xeito autoritario.

Nos sistemas políticos modernos, a autoridade reside basicamente no Estado, do que forman parte o Goberno central, o das comunidades autónomas, os concellos (alcaldes e concelleiros), os parlamentos, calquera tribunal de xustiza, o exército, a policía...; é dicir, calquera persoa ou institución que teña autoridade.

 

 

A administración pública ou burocracia é a organización que ten o poder político para levar a cabo as súas actuacións. Divídese en administración central, autonómica e local (os concellos). Está constituída por elementos de distintos rangos, desde os máximos responsables (ministros, conselleiros e alcaldes), ata os funcionarios que nos atenden nos portelos.

Un dos trazos esenciais do Estado é que está lexitimado para exercer a violencia, a través do exército e dos corpos policiais, e para establecer a recadación de impostos. Dentro do Estado, o goberno é quen dirixe o exercicio do poder, por medio da administración, o exército e a diplomacia.

Os fundamentos do sistema democrático

A palabra democracia é de orixe grega, e refírese a un sistema político no que a soberanía (a orixe ou fonte do poder político) reside na cidadanía. Os seus fundamentos son:

 

  • División de poderes: executivo, lexislativo e xudicial; é dicir, independencia de cada un respecto aos outros dous. O poder lexislalivo controla o Goberno ou poder executivo.

  • Eleccións por parte da cidadanías das persoas que van exercer o poder político e a autoridade durante o tempo establecido pola lei. Xeralmente elíxese o poder lexislativo (deputados e senadores) nas eleccións xerais; os deputados autonómicos, nas eleccións autonómicas; e os concelleiros, nas eleccións municipais.

  • Soberanía popular. Todas as eleccións se basean neste concepto básico, que quere dicir que o poder reside no pobo: por iso a cidadanía elixe os seus gobernantes. Este concepto é o que lle dá lexitimidade ao sistema democrático.

    As eleccións democráticas deben ser libres (calquera persoa pode presentarse como candidata), plurais (os electores poden elixir entre diferentes opcións), por sufraxio universal (todas as    persoas maiores de idade poden votar sen ningún tipo de discriminación) e periódicas (celebraranse cada certo tempo).

 

 

O sufraxio universal foi un longo proceso que se iniciou co liberalismo. Nun primeiro momento estableceuse o sufraxio restrinxido ou censatario e exclusivamente masculino (só votaban os homes cuns ingresos económicos determinados). Posteriormente foise abrindo camiño o sufraxio universal masculino. Finalmente, o sufraxio universal de homes e mulleres estendeuse paseniño logo dunha longa loita das mulleres para alcanzar o seu dereito ao voto.

  • Respecto aos dereitos e ás liberdades: expresáronse por primeira vez durante a Revolución Francesa e plásmanse na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. As liberdades de expresión, de prensa, de opinión, de conciencia, de crenzas, de asociación... son os piares da democracia.

  • Pluralismo de partidos: é dicir, a libre participación dos partidos políticos nas eleccións. Son a canle a través da que as persoas participan na vida política: presentan as súas candidaturas e os seus programas, onde se recollen os obxectivos que se propoñen alcanzar se acceden ao poder.

  • Persoas libres e iguais ante a lei. Todos debemos ser tratados en igualdade de condicións e ter as mesmas oportunidades sen ter en conta a raza, a orixe, o sexo, a situación económica, as crenzas...

  • Tolerancia. A democracia implica convivir cos que non esteamos de acordo, cos que defenden outras ideas e outros intereses. A verdadeira democracia fundaméntase no respecto polas persoas.

  • Constitución. Sometemento de todos os cidadáns a unha lei fundamental, a Constitución, creando así o chamado Estado de Dereito.

 Diferenzas cos sistemas non democráticos

Os sistemas non democráticos reciben o nome de ditaduras, réximes autoritarios ou tiranías. as súas características fundamentais son as seguintes:

 

 
  • O poder reside nunha soa persoa ou nun grupo reducido, que gobernan segundo os seus intereses.

  • Non se respecta a división de poderes: controlan todo o poder do Estado, ditan as leis e interveñen no poder xudicial.

  • O Goberno non ten límites nin control.

  • Non existe un Estado de Dereito que garanta as liberdades individuais e colectivas, nin os dereitos humanos.

  • Non hai pluralismo político nin ideolóxico; ás veces só se permite a existencia do partido do goberno.

  • Non hai eleccións libres; reprímese toda disidencia política, de acordo coa ideoloxía dos que teñen o poder.

  • Contrólase ferreamente a sociedade, impondo ideas relixiosas e valores mediante a propaganda e o control dos medios.

  • Descualifícase a función política.

 

As eleccións: un modo de participación democrática

Nas actuais democracias os cidadáns non somos os que tomamos as decisións políticas, senón que son os nosos representantes elixidos os que exercen directamente o poder; por iso se lle dá a este sistema o nome de democracia representativa. Os elementos fundamentais das votacións democráticas son:

  • Circunscricións ou distritos electorais. O conxunto de electores agrúpase dentro dun territorio chamado circunscrición electoral; en España a base das circunscricións electorais son as provincias, para as eleccións xerais e autonómicas, e os concellos, para as eleccións municipais.

  • Candidaturas. Son as listas de candidatos que cada partido presenta ás eleccións.

  • Fórmula electoral. É a ecuación matemática que converte o total de votos emitidos en número de representantes elixidos. En España aplícase a fórmula proporcional, que distribúe os escanos proporcionalmente ao número de votos que cada partido obtén nunha circunscrición. Para realizar o reparto de escanos, en España utilízase a fórmula D´Hont, que esixe un mínimo de votos para que o partido teña representación, polo que favorece os grandes partidos, que son os máis votados.

A responsabilidade cidadá: os impostos e os servizos públicos

Os impostos son as contribucións económicas que os cidadáns e as cidadás lle fan ao Estado, co fin de organizar a vida social, contribuír a soster os servizos públicos do Estado e responder ás necesidades de todos os membros da sociedade. A través deles distribúense os recursos, para garantir a igualdade de oportunidades e a protección dos membros máis débiles da sociedade. Existen varios tipos de impostos:

  • Impostos directos: aplícanse sobre os ingresos e as propiedades das persoas. Establécense sobre unha base de porcentaxes progresivassobre o nivel de renda de cada persoa traballadora. O imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) é un imposto sobre a renda obtida polas persoas residentes en España nun ano. O imposto de sociedades (IS) recae sobre os beneficios que xeran as empresas.

  • Impostos indirectos: aplícanse aos que adquiren ou reciben un ben ou servizo. O imposto sobre o valor engadido (IVE), é un imposto indirecto. Tamén existen outros impostos indirectos sobre o consumo de determinados produtos como son os combustibles, as bebidas alcohólicas e o tabaco.

 

En España, o organismo que recada os impostos é a Axencia Tributaria, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, aínda que parte dos impostos a xestionan as comunidades autónomas. Os concellos e as autonomías teñen tamén impostos propios.

Todas as persoas cun traballo remunerado teñen a obriga de pagar impostos e facer a declaración da renda anual, na que se teñen que declarar os bens persoais, as ganancias recibidas e todos os impostos pagados nun ano. Págase proporcionalmente ao que se ingresa anualmente.

Os gobernos de España e das Comunidades Autónomas presentan cada ano os Orzamentos Xerais aos respectivos parlamentos para a súa aprobación. Nos orzamentos aparece a previsión de gastos do Estado e das Comunidades Autónomas para ese ano, e ao mesmo tempo reflíctese o que se prevé ingresar para facer fronte a eses gastos.

 

En que se gastan os nosos impostos

  • Soster a Seguridade Social e garantir a atención médica a toda a cidadanía.

  • Pagarlles as pensións ás persoas xubiladas.

  • Facilitar a educación gratuíta a todas a cidadanía.

  • Construír vivendas sociais e de protección oficial para as persoas sen vivenda ou máis necesitadas.

  • Construír estradas e mellorar os sistemas de transportes do Estado.

  • Construír hospitais, escolas, centros sociais, museos, centros lúdicos, etc.

  • Manter as forzas de seguridade do Estado, como son a policía, garda civil ou militares.

  • Desenvolver políticas de benestar social para os grupos máis desfavorecidos.

  • Recollida de lixos, abastecemento de auga potable, transporte público ...

A cidadanía activa: a participación cidadá nos estados democráticos

Nos réximes democráticos as persoas poden agruparse segundo as súas opinións, crenzas ou valores. Este é a orixe das asociacións voluntarias de persoas, que actúan como intermediarias entre a cidadanía e o Estado. Así, a cidadanía pode participar activamente nos centros de ensino, nas asociacións veciñais, nas decisións políticas locais, ou nas de carácter autonómico, estatal e europeo.

En Galicia temos exemplos da cidadanía activa, con manifestacións cidadás contra algo que se consideraba inxusto: o caso do Prestige, que deu lugar ao movemento cidadán Nunca Máis, e tamén a campaña contra a Guerra de Iraq.

  • Partidos políticos. Son asociacións voluntarias de persoas, dotadas de programas de goberno da sociedade, que concorren ás eleccións mediante a presentación dos seus candidatos. Cada partido político ten a súa ideoloxía, que se reflicte no programa.

  • Sindicatos. Son organizacións de traballadores para mellorar as súas condicións laborais. Teñen como funcións principais representar os intereses dos seus afiliados; fixar, xunto cos empresarios, os salarios e as condicións laborais mediante a negociación colectiva; convocar folgas como forma de presión.

  • Organizacións non Gobernamentais (ONG). Son organizacións privadas, constituídas por voluntarios, que non dependen de ningún Estado e perseguen, polo xeral, fins humanitarios. Para lograren os seus obxectivos, financian proxectos propios e mobilizan a opinión pública para obrigar os gobernos a aplicar políticas para resolvelos. Fináncianse coas achegas de socios particulares, empresas ou asociacións. Xorden a partir da década de 1970, e desde finais do século XX e primeiros anos do século XXI a súa influencia foi aumentando. Dependendo das causas que defendan, hai varios tipos:

 

    • Unhas promoven accións humanitarias ante a fame ou catástrofes naturais: Cruz Vermella, Mans Unidas, Intermón-Oxfam, Médicos sen Fronteiras...

    • Outras promoven os dereitos humanos, como Amnistía Internacional, ou traballan para protexer a natureza e o medio natural, como Greenpeace, WWF...

 

Actividades propostas

S1. Relacione estas palabras coas frases que as seguen: poder, lexitimidade, autoridade, Estado, goberno, diplomacia e burocracia.

    • Exerce o poder sobre outras persoas.

    • Aceptación pacífica do poder por parte dos que obedecen.

    • Exerce a autoridade nos sistemas políticos actuais.

    • Encárgase das relacións cos outros estados.

    • Instrumento do poder político para realizar as súas funcións.

    • Capacidade para que os demais obedezan a quen manda.

    • Dirixe o exercicio do poder.

S2. A idea do texto de Savater, con que frase do punto anterior a relacionaría?

 

S3. Das seguintes características, indique as que definen un Estado democrático.

    • a) A súa lexitimidade reside na soberanía popular.

    • b) Unha única autoridade controla os tres poderes.

    • c) Está vixente o Estado de Dereito.

    • d) O poder executivo non está sometido a ningún control.

    • e) Respéctase a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

    • f) Nas eleccións participan máis dun partido político.

S4.  Explique os requisitos que deben reunir as eleccións para que se poidan considerar democráticas.

 

S5.  En que se diferencian os impostos directos dos indirectos? Poña un exemplo de cada clase. Cal é o destino dos nosos impostos?

S6.  Que función desenvolven os partidos políticos nos sistemas democráticos?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0