2.3.3 Os grandes desafíos da actualidade
-
Alto crecemento da poboación: nos países subdesenvolvidos é unha das dificultades máis importantes con que se atopan os países pobres para resolver os seus problemas, aínda que se están aplicando algunhas medidas para o seu control, sobre todo na China, cuxa poboación representa o 20 % da total mundial; e en Iberoamérica está a estabilizarse.
-
Produción de alimentos: é unha cuestión intimamente relacionada coa anterior. Non obstante, a produción mundial de alimentos é suficiente para alimentar a actual poboación mundial e aínda máis. Pero a falta de concienciación, os intereses económicos e a indiferenza ante a inxustiza impiden unha distribución correcta dos recursos. A fame é a causante de máis mortos que as guerras.
Co actual ritmo de crecemento da poboación, será necesario incrementar a produción de alimentos nun 60 % nos vindeiros 20 anos. Non obstante, cos 2.300 millóns de dólares diarios que se gastan en armamento habería recursos máis que suficientes para erradicar a fame do planeta
|
Hai un control cada vez maior sobre os alimentos por parte das grandes transnacionais, que son as que deciden sobre os recursos alimentarios no planeta. |
|
Pérez Esquivel, Adolfo. Premio Nobel da Paz |
.
-
Biodiversidade: é dicir, o mantemento do número de especies animais e vexetais que existen no planeta. Nas últimas décadas perdéronse o 45 % dos bosques, o 25 % dos mamíferos e o 33 % dos anfibios. Como dato que resume esta situación, podemos citar que tan só 30 produtos naturais proporcionan o 90 % das quilocalorías que necesita a humanidade.
-
Falta de liberdade: constitúe unha das lacras humanas máis magoantes dos nosos tempos. Aínda que máis da metade dos Estados se declaran democráticos, moitos deles o son a medias; outros carecen de institucións propias do sistema democrático; noutros a corrupción, as loitas civís e os intereses económicos limitan ou mesmo imposibilitan a aplicación do modelo.
Baixo o pretexto de protexer a democracia fronte ao terrorismo, desde o 11 de setembro de 2001, en países de tradición democrática como EEUU, ditáronse leis antidemocráticas que permiten a tortura e mesmo a suspensión do hábeas corpus e os cárceres secretos.
En resumo, só a quinta parte da poboación mundial goza de plenos dereitos e liberdades; dúas quintas partes vive en Estados parcialmente libres, e outras dúas quintas en países onde non se respectan os dereitos políticos nin as liberdades.
|
(…) Mentres a sociedade civil progresa adecuadamente no recoñecemento da igualdade e dos dereitos humanos, (…) os Estados e as organizacións internacionais están creando unha dura coiraza que, baixo o amable aspecto da protección da orde mundial e a loita contra o terror fan o que lles parece cos dereitos e costumes que ninguén puxo en dúbida desde a Revolución Francesa. Os países máis avanzados establecen leis de defensa da democracia que son contrarias aos dereitos humanos. A pena de morte aplícase con profusión, mesmo en países democráticos, sen que os organismos internacionais, a Igrexa e os líderes estatais se mollen contra ela. O centro de Guantánamo demostra a quen queira velo que a violencia e o fascismo de Estado seguen vixentes na gran nación americana e nos seus principais aliados da Unión Europea (…). E as cerimonias que se lles fan ás ditaduras como China, en nome da pura economía, demostran á súa vez que os dereitos humanos distan moito de ser a primeira preocupación no goberno do mundo. Se a isto engadimos a fame, a ditadura, a falta de auga, a destrución do planeta, o espolio material e intelectual do Terceiro Mundo, a pésima distribución da saúde e a vivenda e o crecente recurso ás guerras como arma de política económica, veremos que as maiores ameazas aos dereitos humanos veñen hoxe dos Estados máis poderosos, que xestionan o mundo, máis ca nunca, aplicando a lei do embude. |
|
Barreiro Rivas, Xosé Luís. La Voz de Galicia, 11 de decembro de 2008 |
Actividades propostas
S25. A quen afecta máis o problema da superpoboación?
-
Que medidas se toman para corrixilo?
S26. Cales son as causas que impiden unha dispoñibilidade suficiente de alimentos para toda a poboación mundial?
-
Que papel xogan neste problema as multinacionais da alimentación, segundo Adolfo Pérez Esquivel?
S27. Segundo o texto de Xosé Luís Barreiro Rivas:
-
Con que desculpas os Estados democráticos asoballan os dereitos humanos?
-
Que prácticas aplicadas polos gobernos dos países democráticos atentan contra estes dereitos?
-
Que outras situacións denuncia o autor como graves atentados contra os dereitos humanos?
-
Quen son os responsables desta situación?
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0