2.1.4 Evolución económica e sociopolítica do bloque comunista (1945-1991)
Como vemos no mapa (Historia do mundo contemporáneo. Vicens Vives, 2008, páx. 283), durante a Guerra Fría, o réxime comunista estaba implantado na URSS, en Europa oriental (democracias populares), China, Corea do Norte, Vietnam e Cuba. En todos eles o modelo económico, social e político é semellante ao da URSS:
-
Planificación estatal da economía: nacionalización da industria, da banca e dos transportes; colectivización da agricultura.
-
Partido único, o comunista, que exerce un control absoluto do poder; supresión do Estado de dereito e dos dereitos e liberdades individuais e colectivos.
![]() |
|
Influencia soviética no mundo |
Evolución económica da URSS
No campo económico Stalin aplicou durante o seu mandato, ata 1953, un programa de colectivización da terra e iniciou a industrialización mediante os plans quinquenais, experimentando a URSS unha transformación espectacular: suprimiu a propiedade privada en favor da propiedade do Estado e da propiedade colectiva. En poucos anos a URSS converteuse na segunda potencia económica mundial.
Baixo o mandato do seu sucesor Kruschev (1953-1964) descentralizouse o control da economía. Déuselle autonomía ás empresas e aos traballadores, co fin de aumentar e diversificar a produción, favorecendo a produción de bens de consumo para mellorar o benestar da poboación.
De 1964 a 1982 o poder da URSS estivo controlado por Breznev. Neste período intentouse aumentar a produtividade e a calidade dos produtos e estimular a renovación tecnolóxica. Pero ao final do seu mandato a situación da economía era crítica.
En 1985 accede ao poder o derradeiro mandatario da URSS, Mijail Gorvachov. No sector económico intentou levar a cabo unha profunda reforma económica incorporando elementos propios da economía capitalista: libre comercio, liberdade de empresa, fomento da iniciativa privada, e privatización das terras.
Pero estas medidas non tiveron tempo de ser aplicadas: en 1989 comeza a derrubarse este sistema nacido en 1917. Estableceuse unha economía de mercado e de libre empresa. Pero o brusco paso dunha economía planificada e centralizada a unha economía capitalista e competitiva resultou moi difícil e complicado ao non haber experiencia nin persoas cualificadas.
Evolución política da URSS
Stalin concentrou todo o poder na súa persoa e no partido comunista. Consolidou a revolución, controlou totalmente a poboación e os órganos políticos, e estableceu un réxime de terror que acabou con toda a oposición. Kruschev desmontou o estalinismo e avogou pola coexistencia pacífica entre os bloques. Breznev controlou con man de ferro as democracias populares do leste de Europa, invadindo Checoslovaquia cando intentou humanizar o réxime. No ámbito internacional iniciou conferencias con EE UU para a redución do armamento nuclear; pero invadiu Afganistán, enfriando as relacións cos norteamericanos.
-
O derrubamento do sistema comunista. Á parte das reformas económicas, Gorbachov decidiu transformar o sistema comunista para sacar a URSS da crise económica, social e política en que se atopaba: foi a chamada perestroika (reorganización, reformismo).
![]() |
Perestroika significa a superación dun proceso de estancamento económico; significa o desenvolvemento da democracia; supón a supresión das tendencias niveladoras na paga. É unha renovación a fondo de todos os aspectos da vida soviética: a economía, a sociedade, a política e a moral. |
|
|
Gorbachov, Mijail. Perestroika. Ediciones B. 1987. |
||
Politicamente propuxo a democratización do sistema: pluripartidismo, eleccións libres e dereitos e liberdades individuais. Socialmente intentou atallar a corrupción, rematar cos privilexios da nomenklatura, diminuír o absentismo laboral e transmitir esperanza no futuro.
Para alcanzar estes fins, fomentou a crítica ao sistema e a liberdade de expresión (glasnost: transparencia, apertura informativa) para crear unha nova mentalidade na sociedade capaz de xerar os cambios necesarios para a transformación. Estas propostas foron moi ben acollidas nos países occidentais porque reducían a tensión propia da guerra fría.
Pero Gorbachov non puido materializar as reformas: conxugar comunismo e democracia nin equilibrar as forzas que se querían manter no pasado e as que querían acabar co comunismo. Para complicar a situación, xurdiron con forza as tendencias nacionalistas das repúblicas que integraban a URSS, solicitando a independencia.
En 1990 celebráronse as primeiras eleccións libres, nas que Boris Yeltsin acadou a presidencia da Federación Rusa, a maior e a máis importante e rica das repúblicas que formaban a URSS. Yeltsin era partidario de rematar co sistema comunista e enfrontouse con Gorbachov.
No verán de 1991 produciuse un intento de golpe de Estado por parte dos que querían manter o comunismo. Yeltsin foi quen logrou paralizar o golpe. Estes feitos puxeron de manifesto que era imposible levar a cabo unha reforma do socialismo, como pretendía Gorbachov.
Agora, o poder pasa a Rusia: Yeltsin disolveu o Partido Comunista e confiscou os seus bens. Nas demais repúblicas da URSS (Estonia, Letonia, Lituania, Ucraína, Xeorxia, Bielorrusia e Uzbekistán…) desencadeouse un forte descontento contra os respectivos gobernos comunistas, motivado polas dificultades económicas, a falta de liberdades, o nacionalismo. Nas seguintes semanas declaráronse independentes. En decembro de 1991 desapareceu a URSS.
Nos outros países comunistas do leste europeo o proceso xa comezara uns meses antes, e seguiron unha pautas similares: a oposición democrática clandestina uniuse contra os gobernos comunistas, fixo folgas e manifestacións, obrigou á convocatoria de eleccións libres e, tras o triunfo, desaloxou do poder os comunistas e iniciou a implantación de sistemas democráticos. Moitos deles ingresaron na Unión Europea.
O derrubamento do muro de Berlín en 1989 e a reunificación das dúas Alemañas simbolizaron a fin dun sistema iniciado en 1917 e o remate da división bipolar do mundo e da guerra fría.
O comunismo na China
A China era un imperio feudal e milenario, que no século XIX foi ocupado polas potencias imperialistas para o seu espolio. En 1911 unha revolución nacionalista e democrática, dirixida polo partido burgués Kuomintang (Partido Nacionalista Chinés), derrocou o derradeiro emperador e instituíu unha república.
![]() |
En 1921 Mao Zedong fundou o Partido Comunista Chinés, que en 1927 pasou á clandestinidade tras pórse a mal co Kuomintang. Cando Xapón invadiu a China en 1937 ambos os partidos aliáronse contra o invasor. |
Ao rematar a II Guerra Mundial, iniciouse unha guerra civil (1945-1949) que rematou coa vitoria dos comunistas de Mao Zedong, quen proclamou en outubro de 1949 a República Popular de China.
Tras a morte de Mao (1976), o poder pasou ás mans de dirixentes reformistas e moderados, como Deng Xiaoping. Iniciouse un profundo cambio na política económica: propiedade privada, libre mercado e apertura ao comercio exterior, producíndose un ritmo de crecemento económico extraordinario.
Hoxe a China é unha potencia económica mundial, cun réxime político ditatorial e un sistema económico case capitalista, sobre todo nas occidentalizadas cidades costeiras: é o que se coñece coa contraditoria expresión de economía socialista de mercado.
Actividades propostas
S10. Diga se son verdadeiras ou falsas estas afirmacións:
-
O comunismo só triunfou na URSS e nalgúns países africanos.
-
O partido comunista exerce o control absoluto do poder.
-
A URSS foi unha potencia económica de segunda fila.
-
Un dos problemas máis importantes da economía da URSS foi o atraso tecnolóxico.
-
A Guerra Fría rematou porque EE UU e a URSS destruíron as armas atómicas.
S11. Explique as reformas aplicadas por Gorbachov.
-
Puido levalas a cabo?
-
Por que?
S12. Que características presentaba China antes da revolución comunista de Mao?
-
Cando e como se levou a cabo esta revolución?
-
Describa a situación política e económica de China despois da morte de Mao.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0


