2.1.2 A bipolarización e a guerra fría (1945 - 1991)
Malia loitaren xuntos contra o nazismo, nas conferencias de Ialta e de Potsdam a URSS e os Estados Unidos fixaron o reparto das súas respectivas áreas de influencia, materializándose así a chamada bipolarización:
-
Bloque occidental: caracterizábase por sistema económico capitalista, politicamente fragmentado en democracias e ditaduras e liderado polos EEUU. Formábano a Europa occidental, o continente americano (agás Cuba), Xapón, Australia e Nova Zelandia.
-
Bloque oriental: tamén se coñeceu como bloque do leste, ou bloque soviético ou comunista. Nel estaban integrados a Unión Soviética, que exercía o liderado, e os países de Europa oriental, aos que se uniron posteriormente China, Corea do Norte, Vietnam e Cuba. En Europa, a separación entre os bloques estaba marcada polo denominado por Churchill pano de aceiro.
-
Desde Stettin, no Báltico, a Trieste, no Adriático, un pano de aceiro caeu sobre o continente europeo. Detrás desta liña atópanse todas as capitais dos antigos estados de Europa central e oriental: Varsovia, Berlín, Praga, Viena, Budapest, Belgrado, Bucarest e Sofía.
Todas estas cidades famosas e as súas poboacións están no que eu debo chamar a área de influencia soviética (…). Os partidos comunistas, que eran moi pequenos nestes países da Europa oriental (…), están pretendendo en todas partes obter o control absoluto.
Churchill, Winston. Discurso na Universidade de Fulton (EEUU). 5 de marzo de 1946

A Guerra fría
Durante máis de corenta anos, as relacións entre as dúas superpotencias caracterizáronse por un estado de tensión permanente, de acoso continuado do contrario, de ameazas de guerra tanto convencional coma atómica, de confrontación ideolóxica, de guerra económica e de espionaxe. Esta tensión e ameaza constantes coñécese co nome de Guerra fría, que perdurou ata a caída do réxime comunista na URSS en 1991.
Cada bloque tratou de manter a súa área de influencia con accións para contrarrestar a política do bloque contrario: atemorizábanse entre si aumentando o poder militar, o que deu lugar a unha atolada carreira armamentista, sobre todo de armas atómicas. Esta escalada armamentista conduciu a unha situación denominada equilibrio do terror. Por que se chegou a esta situación?
-
Polas profundas diferenzas ideolóxicas, políticas e económicas entre as dúas superpotencias.
-
Porque, logo de rematada a guerra, a URSS non só incumpriu a promesa que fixera de celebrar eleccións democráticas nos países de Europa do leste que liberara dos nazis, senón que ampliou a súa zona de influencia mediante a imposición pola forza réximes comunistas (tamén chamados democracias populares) en Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía, Bulgaria, Iugoslavia, Albania e zona oriental de Alemaña.
-
Porque en 1947, Truman, presidente dos Estados Unidos, expuxo nun discurso que lideraría o mundo libre e democrático para deter o avance do comunismo (doutrina Truman).
|
Os pobos de varios países tiveron que aceptar recentemente, contra a súa vontade, réximes totalitarios (…) Creo que a política dos EEUU debe dirixirse a apoiar aos pobos libres (…). Creo que a nosa axuda debería efectuarse primordialmente por medio da asistencia económica e financeira, que é esencial para a estabilidade económica e o desenvolvemento de procedementos políticos disciplinados. |
|
Truman, Harry. Discurso pronunciado no Congreso dos EE UU, 12 de marzo de 1947 |
-
Porque os EEUU aplicaron en 1948 un programa de axuda económica, coñecido como Plan Marshall, para a reconstrución dos países de Europa occidental destruídos pola guerra, excluíndo os países do leste.
|
Non necesito dicirlles, señores, que a situación mundial é moi seria (...). A verdade da cuestión é que as necesidades de Europa para os próximos tres ou catro años en alimentos e outros produtos esenciais procedentes do exterior, principalmente de América, son tan superiores á súa presente capacidade de pago, que teñen que recibir unha axuda adicional substancial ou enfrontarse cun dano económico, social e político dun carácter moi grave (…). É lóxico que os Estados Unidos fagan canto estea no seu poder para axudar a volver a unha saúde económica normal ao mundo, sen a cal non cabe estabilidade política nin paz segura. |
|
Marshall, George. Discurso na Universidade de Harvard. 6 de xuño de 1947 |
-
Pola resposta da URSS ás dúas iniciativas anteriores dos EEUU, apoiando os partidos comunistas dos países democráticos para levaren a cabo a revolución (doutrina Jdánov, 1947).
-
As potencias que actúan no teatro mundial agrupáronse en dous campos: o campo imperialista e antidemocrático, dun lado, e o antiimperialista e democrático, do outro. Os EEUU son a forza dirixente no campo imperialista (…). O fin principal do campo imperialista é a preparación dunha nova guerra imperialista, a loita contra o socialismo e a democracia.
O outro campo está integrado polas forzas antiimperialistas e democráticas. A súa forza reside na URSS e nas novas democracias. O campo antiimperialista apóiase no movemento obreiro e nos movementos democráticos de todos os países, e nos partidos comunistas irmáns (…)..
Jdánov, Andrei. Discurso. Setembro de 1947
Os bloques militares
Cada un dos bloques creou unha organización militar para defender a súa zona de influencia e os seus intereses fronte a un posible expansionismo do bloque contrario. Os países do bloque occidental, por iniciativa dos Estados Unidos, constituíron en 1949 a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), composta nese momento polos Estados Unidos, Canadá, o Reino Unido, Francia, os Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, Italia, Portugal, Noruega, Dinamarca e Islandia.
Por outra banda, a URSS responde coa creación do seu propio bloque militar, o Pacto de Varsovia, no que se integraron os seus aliados comunistas de Europa oriental.
Conflitos durante a primeira fase da Guerra Fría
Aínda que as dúas superpotencias nunca se enfrontaron directamente, si que existiron conflitos puntuais, nos que se enfrontaron indirectamente, apoiando os seus aliados. Ao comezo da Guerra Fría, entre 1948 a 1953, ten lugar a fase de máxima tensión.
A crise de Berlín: os dous Estados alemáns
En xuño de 1948 os tres aliados occidentais reunificaron os territorios alemáns e crearon a República Federal Alemá. Como resposta, a Unión Soviética decretou o bloqueo de Berlín, que se atopaba en territorio baixo o seu control, impedindo o abastecemento e as comunicacións cos outros sectores berlineses dos EEUU, Gran Bretaña e Francia. Os EEUU e Gran Bretaña responderon cunha ponte aérea militar de 1.400 voos diarios para atender as necesidades dos berlineses occidentais.
A URSS constituíu a República Democrática de Alemaña, integrada no bloque comunista. Berlín quedou dividida tamén en dúas zonas en 1961 cando as autoridades deste Estado levantaron un muro entre as dúas zonas.
![]() ![]() |
|
|
A división de Alemaña e de Berlín |
|
A guerra de Corea (1950-1953)
Ao rematar a II Guerra Mundial e liberarse a Asia continental, que fora invadida por Xapón, Corea dividiuse en dous polo paralelo 38º N: Corea do Norte, cun réxime comunista e aliada da URSS, e Corea do Sur, cun réxime anticomunista e aliada dos EEUU.
En 1950 Corea do Norte invadiu Corea do Sur para unificar os dous territorios, o que provocou a intervención militar dos EEUU para evitar a extensión do comunismo. Despois de tres anos de guerra temíase que este conflito puidese xerar unha guerra mundial, e iniciáronse negociacións de paz. Ao remate, a situación volveu a como estaba en 1950, con Corea dividida en dous Estados, ata a actualidade.
A época da coexistencia pacífica
Rematada a guerra de Corea, entre 1953 e 1975, pásase á segunda fase da Guerra Fría, coñecida como a época da coexistencia pacífica. Agora a tensión redúcese debido ao talante dos novos dirixentes das dúas superpotencias (Kruschev sucede a Stalin na URSS, e Eisenhower e Kennedy suceden a Truman en EE UU), que deron un xiro importante na política exterior, decatándose de que tiñan que convivir e que evitar unha confrontación militar, pois a URSS conseguira a bomba atómica en 1949.
|
O recoñecemento da existencia de dous sistemas diferentes (…), o respecto da soberanía, o arranxo de todos os problemas internacionais por medio de negociacións; isto é o que implica a coexistencia pacífica. |
|
Kruschev, Nikita. Informe ao Soviet Supremo. 1959 |
![]() |
A aquelas nacións que serían os nosos adversarios, non lles ofrecemos un compromiso, senón unha petición: que ambas as partes comecen de novo a procura da paz antes de que os sombríos poderes de destrución desencadeados pola ciencia afundan a humanidade enteira nunha autodestrución (…). Que ambas as partes analicen os problemas que nos unen en vez de insistir nos problemas que nos separan. | |
|
Kennedy, John F. Discurso da toma de posesión como presidente dos EEUU. Xaneiro de 1961 |
||
Con todo, os conflitos máis graves ocorreron nesta fase:
-
Crise de Cuba. En 1959, Fidel Castro tomou o poder. Rexeitado polos EEUU, achegouse á URSS, ata implantar un réxime comunista en 1961. No verán de 1962 os norteamericanos descobren ramplas de foguetes soviéticos que poderían levar armas atómicas. Xa que logo, a seguridade dos EEUU viuse ameazada. Neste punto, a tensión entre os EEUU e a URSS alcanzou o máximo nivel de toda a Guerra Fría: Kennedy ordenou a blocaxe naval da illa para impedir a chegada de barcos soviéticos, advertíndolle a Kruschev que ordenase aos seus barcos volver ás súas bases ou os Estados Unidos o impedirían pola forza. O mundo enteiro estivo a piques dunha guerra nuclear. Kruschev ordenou a retirada dos seus barcos e as bases de lanzamento foron desmanteladas.
-
Guerra de Vietnam, froito da descolonización e da Guerra Fría. Rematada a II Guerra Mundial e tras a expulsión dos xaponeses do sueste asiático, Francia quixo manter a colonia, pero os vietnamitas querían a independencia. En 1954, e tras seren derrotados os franceses, na Conferencia de Xenebra decidiuse a independencia e a partición de Vietnam en dúas zonas separadas polo paralelo 17º N: Vietnam do Norte, cun réxime comunista apoiado pola URSS e a China, e Vietnam do Sur, cunha ditadura apoiada por Francia e os Estados Unidos, para evitar a expansión do comunismo nesa zona de Asia.
En 1965 estoupa o conflito. Os EEUU enviaron armas e soldados para apoiar a Vietnam do Sur. A URSS e China apoiaron a Vietnam do Norte. En 1975 o exército norteamericano foi derrotado e todo país quedou reunificado baixo un réxime comunista.
-
Conflito de Oriente Medio. En 1947 a ONU autorizou a creación do Estado de Israel en terras de Palestina. A raíz deste feito xerouse un permanente estado de tensión entre xudeus e palestinos, con catro guerras e conflitos e tensións permanentes ata hoxe.
|
Invitamos a todos os xudeus do mundo a unírense a nós na tarefa da inmigración e da construción, e a axudar no combate emprendido para realizar o soño perseguido de xeración en xeración: a redención de Israel. |
|
Declaración israelí de independencia, 1948 |
|
Palestina é unha patria árabe unida polos lazos do nacionalismo árabe aos outros países árabes que no seu conxunto forman a gran nación árabe. A unidade árabe e a liberación de Palestina son dous obxectivos que se complementan. |
|
Manifesto da Organización para a Liberación de Palestina, 1964 |
-
Primeira guerra. Tivo lugar en 1948 contra os países veciños (Exipto, Xordania, Siria e o Líbano), que non aceptaban a existencia de Israel. Israel ocupou case toda Palestina, agás Gaza e Cisxordania.
-
Segunda guerra. En 1956 (crise da canle de Suez), sen alteracións da situación.
-
Terceira guerra. En 1967 contra Exipto, Xordania e Siria. Israel ocupou a península do Sinaí, Cisxordania, Gaza, os altos do Golán e a parte occidental de Xerusalén.
-
Cuarta guerra. Estoupa en 1973. Esta vez Israel foi atacado. A consecuencia máis importante deste conflito foi a utilización do petróleo como arma por parte dos países árabes produtores, que aplicaron unha redución da produción que provocou unha suba moi grande do prezo do barril, o que desencadeou a crise económica de 1973.
|
Proceso de perda de territorio de Palestina |
|||
|
Situación en 1946 |
Partición da ONU. 1947 |
1949-1967 |
2000 |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Posteriormente celebráronse reunións entre palestinos e israelís na procura dunha solución. Pero Israel, que asinou o acordo Paz a cambio de territorios para crear unha rexión autónoma palestina, incumpriu o pactado, en parte polos ataques de extremistas palestinos. Hoxe este conflito segue sen solución, como o evidencia a tensión xerada en Gaza entre o sector palestino radicalizado de Hamas e Israel a principios de 2009.
Fase final da Guerra Fría (1975-1991)
Caracterízase pola distensión, os rebrotes dos conflitos, a desaparición da URSS e o inicio dunha nova orde mundial. A influencia soviética esténdese por Angola, Mozambique, Afganistán e Nicaragua. En 1979 a URSS invade Afganistán para evitar que o goberno prosoviético fose derrotado polos islamistas (talibáns), o queprovoca que os EEUU apoien con armas esta guerrilla e a Bin Laden. Logo de dez anos de guerra a URSS retírase derrotada de Afganistán. A partir de 1981, os EEUU (con Ronald Reagan), comezan o custoso plan de defensa chamado Iniciativa para a Defensa Estratéxica (Guerra das Galaxias).
A grave crise económica que padecía a URSS impediulle levar a cabo un plan semellante para contrarrestar o plan norteamericano. Por iso van ser os soviéticos os que lles propoñan aos EEUU o desarmamento nuclear, nas reunións celebradas entre Reagan, presidente dos EEUU e Gorbachov, máxima autoridade soviética desde 1985.
Finalmente, a caída do muro de Berlín en 1989, a democratización da Europa do leste, a reunificación das Alemañas en 1990 e a disolución do Pacto de Varsovia en 1991 marcan a fin da Guerra Fría e da división do mundo en bloques. Tras a desaparición da URSS, estableceuse unha nova orde mundial, baseada na hexemonía de Estados Unidos.
Actividades propostas
S4. Por que se deterioraron as relacións entre os EE UU e a URSS ao rematar a II Guerra Mundial?
-
Cales foron as razóns desta ruptura?
S5. Que se entende por Guerra Fría?
-
Que conflitos se desenvolveron durante a Guerra Fría?
-
Cal foi o momento de máxima tensión entre os dous bloques?
-
Resuma o conflito de Oriente Medio.
S6. Complete as seguintes frases:
-
Nas conferencias de os EE UU e a URSS fixaron as zonas de influencia.
-
Os EE UU crearon o bloque militar da e a URSS o
-
A Doutrina Truman denunciaba a implantación do comunismo en países ocupados por a URSS, e para frear a expansión comunista concedeuse o Plan Marshall , un préstamo para a reconstrución de Europa Occidental.
-
A URSS no Informe denunciaba esta actuación de como un modo de dominio, e apoiou os dos países democráticos para levar a cabo a
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0






