Saltar navegación

1 - Introdución

Esta unidade abrangue un período de pouco máis de sesenta anos, desde o remate da II Guerra Mundial ata a actualidade.

Durante os primeiros corenta anos do período, o trazo fundamental foi o profundo enfrontamento ideolóxico entre os Estados Unidos e a Unión Soviética, o que provocou a división do mundo en dous bloques antagónicos, a creación dun estado de tensión permanente que puña en perigo a supervivencia do planeta ao posuír ambas as potencias armas atómicas. A principios da década de 1990 afúndese o sistema comunista soviético, co que remata a política de bloques. A partir desta data, nace unha nova orde internacional, na que os Estados Unidos se constitúen na única superpotencia.

Logo de rematada a II Guerra Mundial, os países de Europa occidental recuperaron a súa economía, e incrementaron o nivel de vida dos traballadores ao implantarse un tipo de política social denominado Estado do benestar. Por outra banda, iniciouse o proceso cara á unidade económica.

Un feito de grande importancia foi a descolonización, que afectou a máis da metade da humanidade e trouxo un aire de esperanza na mellora da situación de millóns de persoas. Pero os novos estados dependen economicamente das grandes transnacionais, nunha nova situación coñecida como neocolonialismo.

Por outra banda, desde a década de 1980, imponse o sistema capitalista, creándose a escala mundial unhas relacións económicas totalmente interdependentes. É a fase actual do capitalismo, coñecida co nome de globalización.

Ao remate desta unidade, vostede estará capacitado para:

  • Coñecer a finalidade para a que se creou a ONU e identificar os seus organismos.

  • Coñecer a evolución das relacións entre EE UU e a Unión Soviética durante a Guerra Fría e identificar os principais conflitos.

  • Explicar as causas e comprender as consecuencias da descolonización do Terceiro Mundo, e identificar os trazos do mundo islámico.

  • Recoñecer as características da URSS como gran potencia mundial e analizar as causas do afundimento do sistema comunista.

  • Coñecer os factores que levaron os EEUU a converterse en líder do mundo capitalista.

  • Analizar o proceso de construción da Unión Europea e valorar a súa importancia.

  • Recoñecer as características da nova orde internacional existente desde 1991.

  • Explicar as causas que conduciron ao fenómeno da globalización das relacións económicas e valorar as consecuencias que ten sobre as sociedades actuais.

  • Tomar conciencia dos desafíos cos que se enfrontan as sociedades actuais.

  • Valorar a importancia da imaxe na sociedade actual e recoñecer a súa manipulación como o elemento básico para o estímulo do consumo.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0