Saltar navegación

2.1.1 A organización das nacións unidas

Este organismo internacional foi creado polos Estados Unidos, a Unión Soviética, o Reino Unido, Francia e China na Conferencia de San Francisco, en xuño de 1945, cando se rematou de redactar a Carta das Nacións Unidas.

Fixáronse como obxectivos propios da ONU o mantemento da paz mundial, a defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais do ser humano, o cumprimento dos tratados internacionais, a procura do progreso social e a mellora do nivel de vida da humanidade.

O 24 de outubro dese ano iniciaba o seu funcionamento oficial, substituíndo a desacreditada Sociedade de Nacións, por non ter sido quen de impedir a II Guerra Mundial.

Nós, os pobos das Nacións Unidas, decididos a preservar as xeracións do drama da guerra (…); a reafirmar a fe nos dereitos fundamentais das persoas, na dignidade e o valor da persoas, na igualdade dos dereitos de homes e mulleres, e das nacións grandes e pequenas; a crear condicións baixo as cales poidan manterse a xustiza e o respecto ás obrigas que xorden dos tratados internacionais, a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo de liberdade (…), decidimos xuntar os nosos esforzos para realizar estes designios.

Principais órganos da ONU

  • Asemblea Xeral. Principal órgano deliberativo, composto por todos os estados membros, cada un con dereito a voto. Ten como funcións principais, entre outras, a aprobación do orzamento e a elección dos membros non permanentes do Consello de Seguridade; pode adoptar medidas de forza en caso de que estea ameazada a paz. Ten unha serie de programas de actuación, como o ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para Refuxiados) ou a UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a Infancia)

  • Consello de Seguridade. Está formado por 15 membros: cinco permanentes (os países fundadores), que teñen dereito a veto, e dez renovables cada dous anos. É o principal órgano de deliberación e de adopción de resolucións; sobre el recae a responsabilidade do mantemento da paz e da seguridade internacionais. Ten poder para levar a cabo accións contra calquera país agresor.

 

 

Quen decide son os cinco países do Consello de Seguridade da ONU, que son os que poden vetar. As cinco potencias que velan pola paz son as cinco maiores potencias fabricantes de armas. Os que velan pola paz… O mundo está do revés.

Eduardo Galeano (escritor)

 

 

  • Secretaría Xeral. Presta servizos aos outros órganos e encárgase de administrar os programas que elaboran. O seu xefe é o Secretario Xeral.

  • Tribunal Internacional de Xustiza. É o órgano xudicial principal da ONU.

  • Consello Económico e Social. É o órgano que coordina o labor económico e social das Nacións Unidas e dos organismos especializados: OIT (Organización Internacional do Traballo), FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura), OMS, (Organización Mundial da Saúde), etc.

 

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclama a presente Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

  • Art. 1.º Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.

  • Art. 2.º Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

  • Art. 3.º Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa..

Declaración Universal dos Dereitos Humanos (fragmento). París, 10 de decembro de 1948

 

 

Actividades propostas

S1. En que conferencia e en que ano se fundou a ONU?

    • Que Estados a crearon?

    • Con que obxectivos?

S2. Resuma as principais ideas do Preámbulo da Carta das Nacións Unidas.

    • Consulte en Internet a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (introduza nun buscador, Google, por exemplo, a expresión inmediatamente anterior) e analice outros artigos que considere importantes.

S3. Tendo en conta o texto, cite os principais órganos da ONU e indique as súas respectivas funcións.

    • Saque as principais ideas do texto de Eduardo Galeano.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0