2.3.2 A globalización: fase actual do capitalismo
Como se tratou en unidades anteriores, globalización ou mundialización é o nome que se lle dá á actual etapa do sistema económico capitalista. Caracterízase por un mundo sen fronteiras, no que se xeneraliza a escala mundial o sistema capitalista e se globaliza non só a economía, senón as relacións políticas, sociais e culturais, e os problemas ambientais. Desde o punto de vista económico, supón a globalización da produción, do consumo e dos intercambios comerciais.
Malia irreversible, ten unhas consecuencias que afectan a centos de millóns de persoas; un exemplo: o 20 % da poboación mundial benefíciase do 80 % da riqueza do planeta.
A mundialización do capitalismo
Desde 1975 o capitalismo adquire caracteres mundiais ou globais debido a varios factores:
-
A revolución tecnolóxica baseada na microelectrónica (informática, robótica, etc.), que permite crear, almacenar e transmitir inxentes cantidades de información en tempo real.
-
A mellora nos transportes, que amplía os mercados e facilita uns intensos e densos movementos de mercadorías a escala planetaria.
-
O progreso das telecomunicacións reduce ou anula a importancia do factor da distancia, o que lles permite ás compañías transnacionais e aos poderosos centros financeiros establecer uns intensos e densos movementos de capitais e de decisións económicas que os conectan con calquera rexión do mundo, creando redes interdependentes.
|
No 2005, as 500 maiores multinacionais privadas controlaron o 52 % do Produto Mundial Bruto (…). O volume de negocios de Exon Mobil (multinacional estadounidense do petróleo) é superior ao PIB de Austria; o de General Motors é superior ao de Dinamarca. |
|
Ziegler, Jean. Escritor e político |
-
A liberalización do comercio mundial, é dicir, a redución ou mesmo a supresión dos aranceis, levada a cabo polos gobernos dos países desenvolvidos e pola Organización Mundial do Comercio (OMC).

A mundialización da produción, do consumo e dos intercambios comerciais
Polos factores anteriormente sinalados, a economía funciona a escala planetaria ou global.
-
A produción, controlada por multinacionais dos países máis desenvolvidos localízase nos territorios onde as condicións sexan máis favorables para a obtención dos maiores beneficios producíndose unha división internacional e deslocalización do traballo.
|
Se un traballador europeo está disposto a cobrar o que un chinés, a empresa non se vai. O Parlamento alemán aprobou a lei de 35 horas de traballo semanais. A multinacional Siemens manifestou que esa lei non lle gustaba e que levaría as fábricas a outra parte. Para evitar isto, os traballadores alemáns fan 40 horas semanais polo mesmo salario; a cambio, non se perderon 2.000 empregos. |
|
Ramonet, Ignacio. Director de Le Monde Diplomatique |
-
Os medios de comunicación e a publicidade determinan os comportamentos das masas de consumidores, estendéndose así por todo o planeta as mesmas preferencias polos mesmos produtos xerados polas multinacionais, o que implica a uniformización do consumo.
-
Os capitais tamén circulan libremente por todo o mundo, ben sexa comprando accións de empresas para obter beneficios a curto prazo (especulación), ben realizando investimentos produtivos.
|
O capitalismo actual deixou de ser un capitalismo produtivo e industrial para converterse nun capitalismo puramente especulativo. (…) É un capitalismo que non produce, que non xera postos de traballo novos. |
|
Fariñas, Mª José. Profesora de Filosofía do Dereito da U. Carlos III, de Madrid |
A mundialización política, social, cultural e ambiental
-
No terreo político hai, desde a fin da Guerra Fría, unha nova orde internacional, dirixida polos principais centros da economía capitalista (os EEUU, a UE e Xapón), que teñen unha enorme influencia política e económica a escala mundial debido ao control que exercen sobre organizacións internacionais como a ONU, o G8, o FMI e o Banco Mundial.
|
Seremos moi inxenuos se concluísemos que as persoas que dirixen os nosos sistemas políticos teñen unha verdadeira capacidade de decisión no que se refire ao verdadeiramente importante. Son, máis ben, as grandes corporacións financeiras que operan na parte de atrás as que ditan as regras do xogo político. |
|
Taibo, Carlos. Profesor de Ciencias Políticas da U.A. de Madrid |
-
Os medios de comunicación (prensa escrita, televisión, internet, etc.) controlados mundialmente por poucos grupos, facilitan a transmisión de información ao momento a case todo o planeta, sobre todo a través da publicidade de multinacionais e doutros produtos audiovisuais (películas, series, videoclips, etc.). Isto provoca a mundialización dunha mesma cultura e dos comportamentos persoais e sociais: modelos estéticos, tendencias artísticas, gustos musicais, ideoloxía e comunicacións persoais (chats, foros, blogs, YouTube, Facebook, Tuenti, etc.) tenden á estandarización, é dicir, responden a tipos, modelos e normas universalizados.
![]() |
|
Hai un control sobre os medios de comunicación que converte o planeta nun mundo de xordomudos. Escoitamos a través deles só o que di a minoría que nos manexa.. |
|
Galeano, Eduardo. Escritor |
-
Os problemas ambientais (quecemento do planeta, redución da capa de ozono, contaminación, esgotamento de recursos naturais, redución de especies, etc.) tamén son problemas mundializados.
A crise económica de 2008
A práctica económica neoliberal, aplicada desde comezos da década de 1980, afronta desde finais de 2007 unha forte crise financeira de dimensións mundiais, que se foi agravando ao longo de 2008 e estendeuse a todos os sectores económicos.
Esta crise financeira ten a súa orixe en Estados Unidos, onde os bancos concederon créditos hipotecarios, sen controlar se os clientes poderían devolvelos ou non; estes créditos son coñecidos co nome de subprime. Cando os prezos da vivenda comezan a baixar, os tipos de xuro a subir e os clientes dos bancos deixan de pagar as cotas dos créditos, estala o problema.
Por que este problema estadounidense contamina o sistema económico mundial? Porque coas técnicas do que se coñece como enxeñería financeira, os bancos norteamericanos que concederan as hipotecas, repartiron o risco en moitas partes ou paquetes, colocándoos en bancos de todo o mundo, aos que lles ofrecían unha elevada rendibilidade. Cando caen os prezos da vivenda en EE UU e os clientes deixan de pagar, o valor dos paquetes afúndese.
E así vaise extendendo unha forte desconfianza entre todos os bancos a escala mundial, porque non saben con exactitude cal é a situación dos seus competidores, que acochan os seus balances. Moitos bancos dos países máis desenvolvidos quebraron.
A partir desta situación, os bancos deixan de conceder créditos: ás industrias, ao comercio, aos autónomos…, co que a actividade económica sofre unha forte desaceleración a escala mundial: recesións, descenso do consumo privado, diminución das vendas, redución da produción industrial, pechamentos temporais de empresas, incremento do paro, aumento da pobreza...
Nesta situación xorde un gran paradoxo: os defensores do neoliberalismo abandonan os seus fundamentos ideolóxicos e, polo momento, piden a intervención do Estado na economía. Tal foi o caso de George Bush, gran defensor da causa neoliberal, que nas derradeiras semanas do seu mandato aprobou unha axuda do Tesouro de EE UU, por un importe de 750.000 millóns de dólares aos bancos privados para que recuperen liquidez.
|
(…) todo está permitido mentres hai beneficios a cachón, sabendo que cando se entra en perdas, o Estado inxecta diñeiro dos contribuíntes para salvar as desfeitas realizadas polos irresponsables. |
|
Ramoneda, Josep. El País, 18 de setembro de 2008. |
Esta mesma política de socorro da banca e das multinacionais se está a aplicar por parte dos demais gobernos dos países occidentais.
|
A economía clásica dicía que a resposta a case todos os problemas era deixar que as forzas da oferta e a demanda fixeran o seu traballo. Pero a economía clásica non ofrecía nin explicacións nin solucións para a Gran Depresión. Cara a mediados da década de 1930, Keynes, que non era nin moito menos de esquerdas –veu a salvar o capitalismo, non a enterralo- expuxo a súa teoría na que afirmaba que non se podía esperar que os mercados libres proporcionaran pleno emprego, e estableceu unha nova base para a intervención estatal a grande escala na economía. (…) Hai moito que o Goberno dos EEUU pode facer pola economía. Pode proporcionar prestacións aos desempregados, o que á súa vez axudará ás angustiadas familias a amañarse e poñerá diñeiro nos petos da xente que probablemente o gastará. Tamén pode proporcionar axuda de emerxencia aos gobernos locais, para que non se vexan forzados a recortar os gastos que á súa vez degraden os servizos públicos e destrúan empregos (…). Este é un bo momento para embarcarse nalgúns investimentos en infraestruturasimportantes. |
|
KRUGMAN, Paul. Profesor de Economía na Universidade de Princeton e Premio Nobel de Economía 2008. El País, 19 de outubro de 2008. |
Actividades propostas
S22. Caracterice a globalización.
-
Que factores facilitaron a mundialización da economía?
S23. Diga se as seguintes frases son verdadeiras ou falsas.
-
En 2005, 500 multinacionais controlaban o 25 % do Produto Mundial Bruto.
-
As multinacionais instalan as fábricas nos países onde teñan máis beneficios.
-
O capitalismo actual inviste máis en especulación que en produción.
-
Os dirixentes políticos son autónomos á hora de tomaren decisións.
-
A información emitida polos medios de comunicación contrólaa unha minoría.
-
A deslocalización consisten en trasladar fábricas aos lugares máis rendibles.
S24. Como se desencadeou a actual crise económica?
-
Como pasou de crise financeira a crise económica total?
-
Que cambio de actitude se observa agora nos mandatarios anteriormente partidarios do neoliberalismo?
-
As medidas propostas polo premio Nobel Paul Krugman para remediar esta crise, están máis próximas ao keynesianismo ou ao neoliberalismo?
-
Razoe a resposta.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
