Saltar navegación

2.2 A unidade europea

 

Aínda que ao longo da historia houbo propostas para lograr a unidade dos países do occidente de Europa, non foi ata despois da II Guerra Mundial cando se puxo de manifesto que non se podía demorar máis un proxecto de cooperación entre eles. Dúas guerras mundiais en corenta anos deixaran o continente arruinado economicamente e moralmente afundido.

A actual Unión Europea é o resultado dun longo proceso de integración supranacional que se foi afondando e ampliando:

  • 1946: Churchill propuxo a creación duns Estados Unidos de Europa para acabar coas rivalidades entre países, coordinar as súas economías e formar un terceira potencia mundial fronte aos EEUU e a URSS.

  • 1951: polo Tratado de París creouse a CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro), un mercado común (libre de aranceis) para estes dous produtos. Asinaron este tratado Bélxica, os Países Baixos, Luxemburgo, Francia, a República Federal de Alemaña e Italia.

  • 1957: polo Tratado de Roma, os estados da CECA crearon a CEE (Comunidade Económica Europea) e o Euratom (Comunidade Europea de Enerxía Atómica).

 Roma

Art. 1. Polo presente tratado, as Altas Partes Contratantes constitúen entre si unha Comunidade Económica Europea.

Art. 2. A Comunidade terá por misión, mediante o establecemento dun mercado común e a progresiva aproximación das políticas económicas, un desenvolvemento harmonioso das actividades económicas, unha estabilidade crecente, unha elevación acelerada do nivel de vida e relacións máis estreitas entre os Estados que a integran.

Art. 3. Para acadar os fins enunciados, a Comunidade levará consigo:

a) A supresión, entre os Estados membros, dos dereitos de aduana e das restricións á entrada e saída das mercancías (…).

c) A eliminación entre os Estados membros dos obstáculos á libre circulación de persoas, servizos e capitais.

Tratado de Roma, 25 de marzo de 1957

 

A CEE, coñecida como Mercado Común, establecía o mercado único ou libre circulación de persoas, mercadorías, servizos e capitais entre os membros (en xullo de 1968 suprimíronse totalmente os aranceis); tamén creaba unha política común agrícola e de transportes. Tiña como obxectivos a mellora das condicións de vida e de traballo da cidadanía, asegurar o progreso económico e social, e a eliminación das barreiras que dividiran Europa.

O Euratom pretendía desenvolver a investigación e a industria nuclear con fins pacíficos e crear un mercado común de combustibles nucleares.

  • 1967: a CECA, a CEE e o Euratom unificáronse formando unha única institución: a Comunidade Europea (CE). Os artífices destes primeiros pasos cara a unha Europa unida foron os dirixentes J. Monnet e R. Schuman.

  • Década de 1970: a Comunidade ampliouse con Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido e creouse o Sistema Monetario Europeo (SME) para facer estables os cambios das moedas.

  • Década de 1980. Súmanse Grecia, España e Portugal. En 1987 entra en vigor a Acta Única Europea, coa que se reducen as diferenzas de desenvolvemento entre estados. Para isto duplícanse os fondos estruturais destinados ás rexións máis atrasadas.

 Fondos

Os fondos estruturais son orzamentos destinados a corrixir as desigualdades territoriais, apoiando as rexións máis atrasadas mediante axudas económicas.

Son catro: o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para corrixir desequilibrios rexionais, investindo en infraestruturas e en zonas industriais en declive; o IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación Pesqueira), para modernización do sector e da comercialización; o Fondo Social Europeo (FSE), que realiza programas de formación para diminuír o paro xuvenil, feminino e de longa duración; o Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria (FEOGA), que financia a Política Agrícola Común (PAC), garantindo prezos e orientando a produción para aumentar a competitividade. O Fondo de Cohesión creouse en 1993 para financiar proxectos ambientais e redes de transporte.

 

  • 1992: asinouse o Tratado da Unión Europea, ou Tratado de Maastricht, que entrou en vigor en 1993. Por el a CE cambiaba o seu nome polo de Unión Europea (UE), e establecíanse os seus fins básicos: a unión económica e monetaria, suprimindo os derradeiros obstáculos á libre circulación de persoas; avances significativos en política social; unha política exterior e de seguridade común (PESC); e a cooperación nos ámbitos da xustiza e asuntos de interior.

  • 1993: implantouse o mercado único de forma definitiva.

  • 1995: a UE ampliouse con Austria, Suecia e Finlandia.

  • 1997: asinouse o Tratado de Amsterdam, que entrou en vigor en 1999 e que revisa o de Maastricht, facendo fincapé na necesidade de lograr unha Europa máis democrática.

  • 2001: asinouse o Tratado de Niza, polo que se designa unha comisión que elabore o proxecto de Constitución Europea, que aprobará en xuño de 2004 o Consello Europeo.

  • 2002: o 1 de xaneiro comeza a circular o euro, actualmente moeda común para quince países e 320 millóns de europeos.

  • 2004: a UE acometeu a maior ampliación da súa historia: Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, a República Checa, Eslovaquia, Hungría, Eslovenia, Chipre e Malta.

  • 2007: incorporáronse Romanía e Bulgaria, constituíndose con eles a Europa dos 27.

 Territorio actual

Territorio actual da Unión europea

 

 Institucións e organismos da Unión Europea

  • Comisión Europea. É o poder executivo da UE. Está formada por un presidente e un comisario por cada estado membro, que se encarga dunha área da política comunitaria. Funcións: administrar as políticas da UE, propoñer leis, asegurar o cumprimento da lexislación e dos tratados, e elaborar o orzamento.

  • Parlamento Europeo. Representa os pobos da Unión. 0s parlamentarios son elixidos por sufraxio universal cada cinco anos. Funcións: aprobar a lexislación proposta pola Comisión e o orzamento, controlar o Consello de Ministros e a Comisión, e ratificar os acordos internacionais.

  • Consello da Unión Europea ou Consello de Ministros. É o principal organismo de toma de decisións; está formado por un ministro de cada Estado, segundo os temas a tratar. Funcións: aprobar, xunto co Parlamento, as leis propostas pola Comisión e o orzamento.

  • Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas. Está formado por un xuíz de cada país máis un rotatorio. Funcións: asegurar que se respectan as normas europeas e os tratados, e resolver as disputas relativas ás leis comunitarias.

Actividades propostas

S16. Explique a razón polas que se iniciou o proceso de integración europea despois da II Guerra Mundial.

S17. Que obxectivos establece o artigo 2 do Tratado de Roma?

    • Que medidas propón o artigo 3?

    • Cales foron os momentos transcendentais para a construción da UE?

    • Verifique se no seu entorno se realiza algunha infraestrutura que estea financiada por algún dos fondos estruturais.

S18. Que funcións desempeñan a Comisión, o Parlamento e o Consello da UE?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0