2.1.3 A desconolización e o terceiro mundo
O proceso histórico do imperialismo acontecido entre 1870 e 1914 inicia unha rápida viaxe de volta cando remata a II Guerra Mundial. Afectou a máis da metade da superficie do planeta e a máis da metade da poboación mundial: é a descolonización, é dicir, o remate do sistema colonial e a creación de novos Estados independentes nos territorios ata daquela controlados polas potencias imperialistas occidentais.
Factores da descolonización
-
As dúas guerras mundiais. Estes conflitos puxeron de manifesto a importancia das colonias como provedoras de materias primas, alimentos e soldados, e tamén a fraxilidade, a decadencia moral e a hipocrisía das potencias colonizadoras, que aplicaban os valores democráticos na metrópole e conculcábanos nos seus imperios.
-
A ONU. Este organismo internacional favoreceu o proceso descolonizador a través de resolucións favorables.
|
A Asemblea Xeral proclama solemnemente a necesidade de poñer fin rápida e incondicionalmente ao colonialismo en todas as súas formas e manifestacións. Para tal fin declara que: 1. A suxeición dos pobos a unha dominación e explotación estranxeiras constitúe unha negación dos dereitos humanos fundamentais, é contraria á Carta das Nacións Unidas e compromete a causa da paz e da cooperación mundiais. |
|
Resolución 1.514 da ONU. 14 de decembro de 1960 |
-
A Guerra Fría. As dúas superpotencias, os EEUU e a URSS, déronlle pulo a este proceso, xa que coa creación de novos estados en Asia e África, fráxiles e dependentes económica e politicamente, vían neles a oportunidade de ampliar as súas áreas de influencia, substituíndo as potencias coloniais europeas no espolio económico.
![]() |
|
Nehru e Ghandi, artífices da independencia de India |
-
Os movementos nacionalistas. Baseándose no desexo de independencia da maioría da poboación autóctona das colonias, estes movementos de liberación iniciaron un proceso de loita contra as potencias ocupantes do seu territorio.
-
Cambios económicos, sociais e mentais provocados nas colonias pola influencia occidental. As obras públicas, o crecemento da poboación e das cidades, a destrución da estrutura social, a aculturación e o nacemento dunha burguesía autóctona con estudos universitarios realizados en Europa foron factores que crearon unha conciencia de autodeterminación que se foi concretando en movementos nacionalistas que tiñan como obxectivos a independencia e as melloras sociais.
O proceso de descolonización
Uns procesos foron pacíficos e outros violentos. Nos primeiros, a metrópole cedeu a soberanía sen moitas tensións, para seguir gozando dos beneficios económicos (o caso do Reino Unido); nos segundos, a colonia accede á independencia pola vía revolucionaria, logo de violentos enfrontamentos.
-
A independencia de India. Era a colonia máis prezada do Reino Unido, a que denominaban a xoia da coroa. A súa poboación estaba constituída por dúas culturas, os hindús e os musulmáns. En 1885 fundouse un partido independentista, o Partido do Congreso, dirixido por Gandhi e Nehru, que seguía as tácticas da resistencia pacífica, a non violencia, a desobediencia civil e a non cooperación coas autoridades británicas. En 1947 o Goberno británico concedeulle a independencia, pero partindo o territorio en dous Estados: un hindú, a India, e outro musulmán, Pakistán. Esta partición provocou, ata a actualidade, un profundo odio, guerras entre os dous Estados, e reivindicacións por parte destes países da rexión de Cachemira.
-
A independencia de Indonesia. Era unha colonia dos Países Baixos, de relixión musulmá. En 1927 Sukarno fundou o Partido Nacional lndonesio, nacionalista e socialista, que tiña como meta a independencia. Rematada a II Guerra Mundial, comeza unha guerra de liberación, que remata coa independencia de Indonesia en 1949.
-
A descolonización no resto de Asia. Foi tamén despois da II Guerra Mundial cando alcanzaron a independencia outras colonias asiáticas: Birmania (hoxe, Myanmar), Malasia, Sri Lanka, Laos, Camboxa, Irán, Iraq, Siria, Líbano, Xordania, Kuwait, Iemen, Qatar, Bahrein, Vietnam, etc.
-
A Conferencia de Bandung. En 1955 celebrouse en Bandung (Indonesia) unha conferencia internacional para reclamar a descolonización dos países aínda sometidos, na que participaron maioritariamente estados independizados recentemente (Indonesia, Exipto, India, Libia, Arabia, os dous Vietnam, China, Xapón, etc.) e líderes destacados da independencia como Nehru e Sukarno. A conferencia rematou cun comunicado que incluía varias reivindicacións: respecto dos dereitos humanos, respecto á soberanía das nacións, condena do sistema colonial e chamada á rebelión contra el, igualdade entre razas e nacións, non intervención nos asuntos internos dos países, rexeitamento da guerra, e sobre todo, o dereito dos pobos á autodeterminación.
![]() |
Estamos decididos a non ser dominados por ningún país nin por ningún continente (…). Nós somos grandes países do mundo e queremos vivir libres, sen recibir ordes de ninguén. Somos conscientes da importancia que ten manter relacións de amizade coas grandes potencias (…), pero no futuro só cooperaremos en relación de igual a igual. Todas as nacións teñen dereito a escoller libremente os seus propios sistemas políticos e económicos e o seu propio medio de vida de conformidade cos principios das Nacións Unidas (…). Porque sufrimos durante moito tempo o colonialismo é polo que alzamos a nosa voz contra eles. |
|
Dirixentes de Exipto (Nasser), Iugoslavia (Tito) e India (Nehru) |
Discurso de clausura da Conferencia de Bandung. 24 de abril de 1955 |
Bandung marca tamén o inicio da creación dun terceiro bloque de países, o Movemento de Países non Aliñados, que pretendían non ser incluídos en ningún dos bloques enfrontados na Guerra Fría, o que supuña unha forte crítica ao modelo bipolar.
-
A descolonización de África. A Conferencia de Bandung xogou un papel fundamental na independencia africana porque estimulou os movementos de liberación nacional africanos, a maior parte deles de tendencia socialista.
![]() |
|
Proceso de descolonización en África |
Alxeria, colonia francesa, padeceu un dos procesos de descolonización máis longo e violento de África. A numerosa poboación de orixe francesa opúñase á independencia, así como o goberno francés. Isto provocou un duro e cruento enfrontamento co nacionalismo independentista alxeriano, representado pola Fronte de Liberación Nacional (FLN). En 1962 Alxeria independízase e establécese un réxime socialista presidido por Ben Bella.
O resto do norte de África foise independizando na década de 1950: Exipto, en 1953; Sudán, en 1956, onde permanece un conflito civil entre o norte e o sur; Libia, colonia italiana, en 1951; Marrocos, en 1956; Tunisia, en 1956.
A África negra seguiu o exemplo e iniciou un longo proceso de liberación, no que destacan líderes africanos que contribuíron intelectualmente ao proceso, como L. S. Senghor, que foi presidente de Senegal, e K. Nkrumah, presidente de Ghana. A grande diversidade étnica, lingüística e cultural desta área deu lugar á creación de estados en que conviven comunidades humanas con culturas distintas en permanente conflito civil.
|
Primeiro foron as dúas grandes guerras, nas que os brancos se destruíron. A atrocidade da guerra e os medios de propaganda empregados contribuíron a espertar as conciencias dos pobos dominados. En segundo lugar, os propios vicios da explotación colonialista, isto é, a explotación económica, a destrución das civilizacións autóctonas, o menosprezo de todo o que é indíxena e, por descontado, o feito de que os colonizadores non puñan en práctica as virtudes que ensinaban e predicaban, por todo isto, os europeos deixaron de aparecer como seres infalibles. Foi así como chegamos a tomar conciencia da absoluta necesidade de recuperar a nosa identidade orixinal, a nosa civilización orixinal e a recuperar a nosa dignidade. |
|
Senghor, Léopold Sédar. Declaracións de 1962 |
Consecuencias da descolonización: o neocolonialismo
A independencia dos antigos territorios coloniais non supuxo a fin dos seus problemas, que mesmo nalgúns casos empeoraron. Os novos estados continúan nunha situación de dependencia denominada neocolonialismo.
Estes países seguen vinculados economicamente a Occidente; e agora, na etapa da globalización económica, o problema agrávase. Os ingresos que lles proporcionan as materias primas exportadas son cada vez menos porque son as multinacionais as que fixan os prezos das mesmas. Por outra banda, como carecen dunha industria competitiva, dependen da tecnoloxía e dos produtos industriais importados, o que lles provoca un elevado déficit comercial ao que non lle poden facer fronte e que os endebeda a perpetuidade.
Para remediar estes problemas, reciben créditos da banca internacional e do Banco Mundial, pero o que en realidade ocorre é que o endebedamento medra nunha escala exponencial ao teren que devolver o capital e mais os xuros nos prazos estipulados, o que os obriga a pedir novos créditos para pagar os anteriores.
Este conxunto de países conforman o que se coñece como Terceiro Mundo, que inclúe xeograficamente África, Asia (agás Xapón), Oceanía (agás Australia e Nova Zelandia) e América Latina, e comprende máis da metade da poboación mundial.
O mundo islámico
Cando se producen a expansión imperialista europea de finais do XIX e o derrubamento do imperio turco despois da I Guerra Mundial, naceu dentro do mundo islámico un movemento que propoñía a unión de todos os practicantes desta relixión. Despois da II Guerra Mundial, coa descolonización e as guerras contra Israel, o movemento refórzase e propón a unidade política entre os estados árabes: en 1971 créase a Conferencia Islámica, integrada por máis de 50 Estados.
Nas décadas de 1940 e 1950 os movementos islamitas foron apoiados polas potencias occidentais para lle facer fronte ao comunismo. Bin Laden recibiu, como xa vimos, apoio da CIA (servizo de intelixencia dos EEUU) na década de 1980 para loitar contra a invasión soviética en Afganistán.
A frustración social e a dominación estranxeira foron e seguen sendo factores que levan a estas sociedades ao integrismo ou fundamentalismo islámico, caracterizado por:
-
Estar en contra dos poderes políticos occidentais e da súa influencia corruptora.
-
Concibir que a lei de Deus é a orixe do poder político, do dereito e da acción dos políticos, rexeitando calquera fundamento democrático.
-
Considerar que o Islam é a base da vida persoal, das relacións sociais e do Estado.
-
Avogar por unha nova orde social e política baseada no Corán, na tradición e na Sunna (modelo de comportamento de Mahoma).
O islamismo fundamentalista ten o poder en Irán; está detrás dos atentados de Nova York, Madrid, Londres; está presente en conflitos como o de Palestina; e oponse á hexemonía mundial estadounidense.
Actividades propostas
S7. Cando se inicia o proceso descolonizador?
-
A que porcentaxe de persoas e de territorio mundiais afectou?
-
Enumere as causas do proceso descolonizador.
S8. Que dous tipos de procesos descolonizadores se poden establecer?
-
A que zonas ou países afectou?
-
En que lugares a independencia supuxo unha guerra coa metrópole?
S9. Como contribuíu a Conferencia de Bandung ao proceso de descolonización?
-
Que entende vostede por neocolonialismo?
-
Caracterice o fundamentalismo islámico.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0



