Saltar navegación

2.3.1 Unha nova xeoestratexia desde 1991

A hexemonía de Estados Unidos

Desde que se produce o derrubamento do sistema comunista en 1991, aparece unha nova orde internacional na que o capitalismo se impón a escala mundial, e os Estados Unidos desenvolven o papel de única superpotencia. Dispoñen dun inmenso poder militar e interveñen en calquera rexión do planeta, segundo lle conveña aos seus intereses económicos, que son en realidade os intereses das multinacionais: é unha nova xeoestratexia.

 

Vimos no Goberno de Washington a influencia das multinacionais do petróleo. George Bush é un petroleiro fracasado. Dick Cheney foi o antigo xefe da maior empresa de servizos petroleiros do mundo; agora é o vicepresidente dos EEUU, e aínda recibe diñeiro desa empresa, Halliburton. Condoleeza Rice, Secretaria de Estado, foi parte da xunta directiva da empresa petroleira Chevron durante dez anos.

Goodman, Amy. Directora de Democracy Now.

 

En 1990, cando Iraq invadiu Kuwait, os EEUU interviñeron para controlar esta zona de alto valor estratéxico polas súas reservas de petróleo. A URSS admitiu esta intervención sen emitir protesta ningunha: este feito marca o inicio da nova consideración internacional de EE UU.

A inseguridade internacional

Aínda que se puidera pensar que coa fin da Guerra Fría se entraba nunha etapa de seguridade internacional e de cooperación entre os Estados, os feitos demostraron que estes presupostos non eran realistas.

O 11 de setembro de 2001 produciuse o atentado contra as Torres Xemelgas de Nova York e contra o edificio do Pentágono en Washington; é dicir, contra as sedes dos poderes económico e militar de EE UU. Os autores eran membros da organización fundamentalista islámica Al-Qaeda, liderada por Osama Bin Laden, a quen EE UU apoiara anos antes para enfrontarse á URSS en Afganistán.

O balance do terrible atentado foi de case 3.000 mortos, e provocou na sociedade estadounidense unha sensación de grande inseguridade e vulnerabilidade, ao padecer por primeira vez na súa historia e no seu territorio un atentado perpetrado por organizacións terroristas estranxeiras. Tamén puxo en evidencia que o xeito que tiñan os EE UU de exercer o seu liderado mundial non era o correcto. Como resposta, os EEUU interviñeron en Afganistán e Iraq.

  • Intervención en Afganistán. Ao mes seguinte dos atentados de Nova York e de Washington, os EEUU atacaron este país, gobernado polo réxime dos talibáns, e que acollía os campos de adestramento de Al-Qaeda e quizá a Bin Laden. O ataque a Afganistán contou coa aprobación do Consello de Seguridade da ONU para establecer un réxime democrático, e co apoio militar doutros países. O réxime talibán foi derrubado pero na actualidade estase a desenvolver unha guerra de guerrillas na que os talibáns aparecen como unha forza difícil de derrotar.

  • Invasión de Iraq. Este país, gobernado por Saddam Hussein, foi considerado polo goberno dos EEUU como pertencente ao eixe do mal.

 

 Iraq

Iraq foi acusado de ter armas de destrución masiva e de formar grupos terroristas, polo que, sen aprobación de todos os membros do Consello de Seguridade da ONU, coa axuda militar do Reino Unido e doutros países, os EEUU invadírono en marzo de 2003, derrubaron o réxime de Sadam e intentaron establecer un réxime democrático acordado entre as etnias e confesións relixiosas do país.

 

Pero a poboación iraquí non confía nos plans das potencias estranxeiras, que son vistas como invasoras e non como liberadoras, que pretenden facilitarlles ás multinacionais o control da produción petroleira do país. Ademais, a falsidade sobre a existencia das armas de destrución masiva, a execución de Saddam Hussein nun xuízo dubidoso, as torturas aplicadas polas potencias democráticas no cárcere de Abu Ghraib, os atentados terroristas cotiáns, a guerra civil entre as etnias e faccións, mais a humillación que supón a ocupación do país por potencias estranxeiras, lonxe de solucionar os problemas están a levar o conflito a unha fase de enquistamento e de difícil saída.

 

Cando todo é criticar os EEUU, primeiro, non é os EEUU. Nunca hai que criticar os pobos, que sempre merecen no seu conxunto todo o respecto. Os que traballan arreo todos os días, mulleres e homes, non merecen que todos fagamos xuízos xerais. Pero ao goberno, si.

Mayor Zaragoza, Federico. Presidente da Fundación para unha Cultura de Paz, e ex Director Xeral da UNESCO

O 20 de xaneiro de 2009 Barack H. Obama tomou posesión como novo presidente dos EEUU. Del espérase un cambio de rumbo na política exterior deste país que permita rebaixar a tensión creada nos últimos oito anos de mandato de George W. Bush, o presidente con menor índice de aceptación da historia dos EEUU, e a recuperación dunha imaxe que transmita seguridade e honestidade a esta potencia.

 

 

No que respecta á nosa defensa común, rexeitamos como falso que haxa que elixir entre a nosa seguridade e os nosos ideais. (…) a todos os demais pobos e gobernos que hoxe nos contemplan (…), dígovos: sabede que os Estados Unidos son amigos de todas as nacións (…)

Empezaremos a deixar Iraq, de xeito responsable, en mans do seu pobo, e a forxar unha merecida paz en Afganistán. Traballaremos sen descanso con vellos amigos e antigos inimigos para diminuír a ameaza nuclear e facer retroceder o espectro do quecemento do planeta (...).

Ao mundo musulmán: buscamos un novo camiño para adiante, baseado en intereses mutuos e mutuo respecto.

Obama, B. H. Discurso da toma de posesión como Presidente dos EEUU. 20 de xaneiro de 2009

 

 

Actividades propostas

S19. Explique por que os EEUU se converteron na única superpotencia mundial.

    • Resuma as intervencións militares estadounidenses nos últimos anos.

S20. Determine se estas frases son verdadeiras ou falsas.

    • Os EEUU interviñeron militarmente onde creron que os seus intereses se vulneraban.

    • A fin da Guerra Fría deu lugar a unha época de paz internacional.

    • Os EEUU apoiaron no seu día a Bin Laden.

    • Os atentados do 11 de setembro de 2001 crearon unha grande inseguridade nos estadounidenses.

    • Os movementos islamistas están en retroceso.

S21. Destaque a idea principal do texto de Federico Mayor Zaragoza.

    • Do discurso de B. H. Obama, explique o significado das expresións "rexeitamos como falso que haxa que elixir entre a nosa seguridade e os nosos ideais" e "Traballaremos sen descanso con antigos inimigos para diminuír a ameaza nuclear."

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0