2.5.2 Educación literaria

Literatura galega no século XX (aspectos teóricos)

Nas primeiras décadas do século XX destaca a creación en 1916 das Irmandades da Fala, movemento promovido polos irmáns Vilar Ponte co obxectivo de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. A el pertenceron moitos intelectuais da época, pero como poeta representativo deste compromiso co galeguismo debemos recoñecer a Ramón Cabanillas.

Entre 1920 e 1936 edítase a revista Nós, que dará nome ao grupo formado por Florentino Cuevillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao (este con características peculiares). O labor literario máis importante de Nós foi a modernización do discurso segundo os movementos estéticos universais, e o desenvolvemento da narrativa e do ensaio en galego.

Pero a ruptura decidida coas propostas estéticas anteriores para atopar novos xeitos de expresión chegou á literatura galega coas vangardas. Claros exemplos destas novas tendencias son a poesía de Manuel Antonio (De catro a catro) e os contos experimentais de Rafael Dieste (Dos arquivos do trasno).

A guerra civil (1936-1939) e a posterior ditadura franquista supuxeron o declive da literatura galega, pois moitos intelectuais foron fusilados, encarcerados ou exiliados.

Literatura de posguerra

Na Xeración do 36 é salientable a poesía social de Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra. Da Xeración dos 50 ou Xeración das Festas Minervais, os poetas máis destacados son Manuel María, Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín, o autor de Con pólvora e magnolias.

No ámbito da narrativa de posguerra é imprescindible recoñecer a traxectoria de Eduardo Blanco Amor (A Esmorga foi un fito do realismo social), Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro (autor de Merlín e familia, aínda que cultivou todos os xéneros literarios).

Como representantes da Nova Narrativa sobresaen Carlos Casares, Méndez Ferrín e María Xosé Queizán pola introdución das técnicas renovadoras empregadas por Kafka, Joyce ou Faulkner. Tampouco podemos esquecer o éxito dun autor inclasificable: Xosé Neira Vilas, con Memorias dun neno labrego.

Últimos anos

Co fin da ditadura de Franco (1975) e a chegada da democracia, a poesía galega das últimas décadas do século XX ten unha ampla nómina de autores de gran calidade, como Yolanda Castaño, Álvarez Cáccamo, Fernán-Vello ou Ana Romaní. En xeral, é unha poesía que amosa unha maior preocupación pola palabra e o seu valor estético, ao tempo que incrementa a súa variedade temática.

A diversidade de rexistros e posibilidades tanto temáticas como formais tamén é perceptible na narrativa galega dos anos 80 e 90 do século XX, unha época de forte expansión. Ao lado de autores xa consagrados, consolídanse Víctor F. Freixanes, Alfredo Conde, Suso de Toro ou Manuel Rivas.

Tamén o teatro galego medrou considerablemente nestes anos, sobre todo a partir da creación do Centro Dramático Galego en 1984. Entre os autores máis significativos, destaca Roberto Vidal Bolaño.

Na morte de Estreliña

Chamábase Estreliña e era moi gabaxeira e linda.

Dicíalle a nai: “Vai á fonte, Estreliña”.

E Estreliña ía á fonte.

Dicíalle a nai: “Vai á horta, Estreliña, e dille a papá que deixe a poda e veña xantar”.

E Estreliña ía a correr, moi contenta de cumpri-lo mandado e chamaba polo pai.

Dicíalle o pai: “Ponte queda, Estreliña, que che vai traba-lo can”.

E Estreliña poñíase queda, toda a cara en lume, a surrir.

E dicíalle a irmá casadeira: “Vai á escola, Estreliña”. E Estreliña collía o catón e moi direita e leda íase camiño da escola.

E así sempre.

E cando a vían os outros picariños berraban xa de lonxe: ¡Estreliña! ¡Estreliña!

E alá ía Estreliña a correr, depenicando un cornecho, e dáballes un anaco e xogaban ás moradas.

E ás veces, moi cedo, pasaba por baixo da súa fiestra un neno, e dicía: “¡Estreliña!

E a cara de Estreliña, a sorrir tan campante, aparecía na fiestra un intre. Un intre nada máis. E o neno íase a correr e a rir, coma se fixese unha trasnada.

E así sempre.

E un día Estreliña morreu. Estaba no cadaleito bonita coma sempre, e tan campante.

E a nai, e a irmá casadeira, atrás do cadaleito, choraban e lembraban as cousas miúdas das que a miúda Estreliña facía tódolos días.

E a nai case que non dicía nada.

Só dicía por veces, medindo e apoiando o pranto da filla casadeira:

Estreliña, vai á fonte. Estreliña, vai á horta. Estreliña, vai á escola... ¡Estreliña onte! ¡Estreliña hoxe! ¡Estreliña mañá!

Rafael Dieste: Dos arquivos do trasno (1926)

 

Actividades propostas

Actividades propostas

S19. Lea este conto de Rafael Dieste e perciba que, para este autor, o remate ten sempre un protagonismo especial, pois concentra toda a forza do relato. Que sensacións lle transmite?

No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro)

No niño novo do vento

hai unha pomba dourada,

meu amigo!

Quen puidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer

en frauta de verde olivo.

Quen puidera namorala,

meu amigo!

Ten áers de frol recente,

cousas de recén casada,

meu amigo!

Quén puidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra

e andar primeiro de río.

quén puidera namorala,

meu amigo!

Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama Riveira, 1933

Actividades propostas

Actividades propostas

S20 Lea este poema de Álvaro Cunqueiro, moi coñecido polas adaptacións musicais que del se teñen feito, e responda ás seguintes cuestións:

    • Cal é o tema desta composición?

Os vellos non deben de namorarse (Castelao)

 Lance terceiro. Escena I

(Fondo negro e chan negro. Aparece Pimpinela sentada, coa nai á súa dereita e o pai á súa esquerda)

A NAI: Anda Pimpinela! Anda miña variña de abelao!

PIMPINELA: Non!

NAI: Non reparas na que che espera se te casas con ese cuspe? Vivires nunha terroeira como esta, andares coma min. Chegares do traballo feita un esterco, sen roupa que mudar, sen frescuriña para botares no xergón de casulo...

PIMPINELA: Non!

NAI: Ai, meu caravel de cera! ¡Ai, como te diexaches rular por un pito cairo! ¡Ai de ti, se non te coutas! Andarás sempre co corazón enloitado, sen pan no forno, sen lume na lareira, sen estrume na corte. Mirrada de frío e chuchada de fame.

O PAI: Faille caso a túa nai, Pimpinela!

PIMPINELA: Non!

NAI: Esvaeranse as cores que che pintou Noso Señor á mantenta. Deixarás de ser mazán e cereixa. Trocaraste nun figo merado. Cuberta de remendos, torrada pola raxeira, a fuxires dos espellos para non verte. En troques...

PAI: En troques, se lle pos cara ao señor Fuco...

PIMPINELA: Non!

NAI: Que dis, toliña! Quen te cegou para non veres a regalía do mundo? Quen che botou terra nos ollos? Esperta!

PIMPINELA: Non!

PAI: Queres ser un baldreu coma moitas?

NAI: Quérenche poñer brincos de ouro e ti queres piollos de miseria! Quérenche dar onzas recortadas e prefires lixos do ar! Ai, miña flor de gala, abre os ollos! Xa quixeran as fillas dos máis principales!

PAI: Xa quixeran elas!

PIMPINELA: Non!

NAI: Terías unha casa de vinte fiestras e unha solaina; terías criadas e criados ao teu servizo; terías fartura de pan, de viño e de todo canto pode dar a terra.

PAI: Dúas xuntas de bois e sete vacas.

NAI: Arderían carballos enteiros para que a túa parrumeira botase fume e o señor Fuco cegaría coa túa fermosura.

PAI: E todos sairiamos desta pobreza.

NAI: Arcas acuguladas de lenzo, almarios cheos de roupa, e ti a rir sempre coma se foses unha fidalga. Anda meu luceiro!

PAI: E que diaño! O señor Fuco é un vello e cando lle chegue a sú hora, xa verás ti como chaman na túa porta os mellores mozos da parroquia.

NAI: O señor Fuco é un home de ben e anda ceguiño por ti, ¡e valo desprezar, meu corazón! (O pai volve a tusir para impor respecto).

NAI: Serás quen de desbotares o consello de teus pais? Unha filla tan boa coma ti...! Deixa ese mozo, Pimpinela (...) Boeno, miña filliña, boeno. Xa o pensarás mellor (...) Compara, miña filla, e cavila no que che espera con un e co outro. Dunha banda, o rir, e da outra, o chorar.

PAI: O día e a noite. O pan e a fame. Escolle!

A. D. Rodríguez Castelao: Os vellos non deben de namorarse (1941) (adaptación)

Actividades propostas

Actividades propostas

S21. Lea este texto e responda ás seguintes cuestións:

    • O teatro é un espectáculo, polo que o autor dá indicacións para a súa posta en escena (movementos, xestos, decorados, iluminación...) ás que chamamos anotacións ou didascalias. Localice neste fragmento dous exemplos, tendo en conta que adoitan ir entre parénteses.

    • Cal é a súa opinión sobre os matrimonios por interese, como o que lle recomendan a Pimpinela os seus pais?

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License