2.2 Coñecemento da lingua

Cambio de categoría gramatical (aspectos teóricos)

Para nomearmos os obxectos ou as ideas, precisamos un substantivo. Cando a lingua non o posúe, permite crealo a partir doutras palabras existentes. A transformación dunha clase de palabra noutra prodúcese engadindo sufixos. Exemplos:

 

confiar (verbo) > confianza (substantivo).

humano (adxectivo) > humanidade (substantivo).

almacén (substantivo) > almacenaxe (substantivo).

Ademais, os determinantes (artigos e adxectivos determinativos) teñen a facultade de transformar calquera clase de palabra nun substantivo. Nestes casos o determinante cumpre a función de substantivador e o elemento transformado por el denomínase palabra substantivada. Exemplo: Gústame esa casa verde (adxectivo) / Colle o verde (adxectivo substantivado).

Tamén hai a posibilidade de crear adxectivos para expresar propiedades, calidades ou características:

adorar (verbo) > adorable (adxectivo).

verde (adxectivo) > verdoso (adxectivo).

heroe (substantivo) > heroico (adxectivo).

Para formar novos verbos, o procedemento é idéntico. Vexamos algúns exemplos:

profundo (adxectivo) > profundar (verbo).

flor (substantivo) > florecer (verbo).

No caso dos adverbios, é moi habitual que se lles engada o sufixo –mente aos adxectivos en feminino (placidamente, tranquilamente...).

 

Actividades propostas

Actividades propostas

S3. Identifique a palabra da que proceden os substantivos e sinale cal é o sufixo:

 

  • Abatemento:

  • Florista:

  • Brancura:

  • Patinaxe:

Actividades propostas

S4 Escriba un adxectivo engadindo un sufixo a cada unha das seguintes palabras:

 

  • Cultura:

  • Distar:

  • Azul:

  • Volcán:

Actividades propostas

S5 Sinale a palabra da que proceden os seguintes verbos:

 

  • Humanizar:

  • Saborear:

  • Pacificar:

  • Centrar:

Costa Norte/ZFK

CAPÍTULO DOUS

Feliz, feliz... nun hospital. Rosa alí descubrira o mundo. O hospital non. O mundo.

No hospital, o tipo de branco que apareceu na porta non era enfermeira.

De momento era o tipo, sen máis.

O hospital non era hospital e a enfermeira viña sen termómetro. Non era enfermeira. Non levaba os zoquiños brancos furados de enfermeira nin a bata verde cos botóns por diante de enfermeira. Zoquiños brancos, ringleira de botóns, bata verde. Todo limpo e transpirable. Quen lle dera a este tipo ser. Que non era.

As enfermeiras, poñamos, tiñan a nota máis alta: sobresaliente. Escollían elas, non entraba calquera. O tipo, insisto, de pé na porta estudou o chan cun xiro mecánico do pescozo. Uniforme de licra, axustado, marcando paquete, novos materiais. Un tanto superheroe e un tanto gay. Avaliou as opcións para dispoñer do cadáver dela unha vez morta. Ela, a única supervivente. Por que sempre se tiña que dar por morta?

Nos hospitais sempre hai unha planta especial para que a xente morra xunta, un ascensor especial, unha porta especial. Ás veces teñen as mellores vistas, coma se fose un ascenso. Ninguén fóra sabe nada, nin sequera nas outras plantas. A ninguén fóra lle van arrincar que coñeza o asunto, que teña indicios. Nada.

Nas outras plantas padécese, as feridas cicatrizan lentas. Nesta planta a morfina condimenta a sopa. Aos mortos dinlles que van facer unhas probas e sácanos na cama con rodas. Iso si, en principio, a todos nos abraia a cama con rodas, o respaldo abatíbel e o timbre directo. Algo tan técnico. Os compañeiros de cuarto nin se dan conta, a televisión está paga e eles cren nas probas, fixéronlles moitas, sempre volveron. O morto non. Xa se vía que estaba mal, dicían, pasara mala noite. Cambiárono de planta. Eles xa lle escoitaran á enfermeira algo de glicosa, ou da tensión, a temperatura, o fígado, unha hemorraxia interna... datos que falaban ben claro da inminencia de “o peor”.

[...]

Borrazás, Xurxo, Costa Norte/ZFK, Galaxia, Vigo, 2008

Actividades propostas

Actividades propostas

S6 Lea o texto e realice as seguintes tarefas:

    • Nesta serie de palabras, cambie a clase á que pertencen engadindo ou eliminando os morfemas necesarios: hospital, enfermeira, verde (adxectivo), estudar, avaliou, especial, condimenta.

    • Elabore unha oración con cada unha das palabras que vostede creou.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License