2.5.1 Situación lingüística en Galcia (aspectos teóricos)

En Galicia hai dúas linguas en contacto recoñecidas como oficiais na Constitución Española (1978) e no Estatuto de Autonomía (1981), pero nunha situación de desigualdade.

Tras aprobarse a Lei de Normalización Lingüística en 1983, existe unha decidida promoción do galego, con resultados de sentido contraposto. Por unha banda, a lingua galega continúa a perder falantes de xeito constante e, por outra, ampliáronse os seus ámbitos de uso (incluíndo os prestixiados), o que fixo que mellorase moito a súa consideración social.

A oficialización do galego pola Xunta de Galicia tamén potenciou o seu prestixio, pois é a lingua empregada no Parlamento, na televisión autonómica, na radio, no ensino, etc.

Aínda que moitos especialistas consideran preocupantes as perspectivas do galego, hai unha alta porcentaxe de poboación que aínda ten este idioma como lingua inicial e, en xeral, as competencias lingüísticas (expresión e comprensión tanto oral como escrita) melloraron substancialmente a partir dos anos 80 do século XX, o momento en que o galego comeza a ter presenza nas aulas.

Plan xeral de normalización da lingua galega

O Plan xeral de normalización da lingua galega aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004. Nel recóllense máis de catrocentas medidas concretas, elaboradas a partir da realidade lingüística de Galicia, para favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego. Este documento, concibido coa participación de máis dun cento de profesionais representativos de todos os ámbitos da sociedade galega, constitúe un dos avances máis importantes en política de extensión do uso social do galego, tras a aprobación da Lei de normalización lingüística de Galicia, en xuño de 1983.

O Plan xeral de normalización da lingua galega establece obxectivos xerais e concretos, estruturados en dous grandes bloques sectoriais de actuación. O primeiro bloque integra os sectores de carácter transversal: dereitos lingüísticos, novas tecnoloxías e implementación do corpus. O segundo grupo correspóndese cos denominados bloques verticais, correspondentes aos sete ámbitos sociais nos que se pretende actuar: Administración, educación, familia e mocidade, economía, sanidade, sociedade e proxección exterior da lingua.

Texto extraído da páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia: [http://www.xunta.es/linguagalega/plan_xeral_de_normalizacion]

 

Actividades propostas

Actividades propostas

S15. Que se quere dicir no texto cando se fala de carácter transversal? E implementación do corpus?

Actividades propostas

S16. Redacte un texto en que expoña a súa opinión de por que é necesario normalizar a lingua galega nos sete ámbitos que se mencionan na parte final do texto (extensión máxima unha cara dun folio).

Actividades propostas

S17. En Galicia temos dúas linguas que comparten cooficialidade: a galega e a castelá. Cre que este feito nos beneficia ou enriquece persoalmente fronte a outras comunidades lingüísticas nas que só é oficial unha lingua? Razoe a resposta.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License