1 - Introdución

1.1 Descrición da unidade didáctica

Esta unidade denomínase A comunicación profesional”. Por iso, analizaremos textos orais e escritos habituais no ámbito profesional (o currículo, os textos administrativos...) e perfeccionaremos a expresión propia neles grazas ao emprego de hiperónimos ou hipónimos (para evitar repeticións) e ao uso axeitado da ortografía e das categorías gramaticais. Como exemplos de mensaxes cunha expresión especialmente coidada, que nos han servir de modelo, tamén leremos obras literarias galegas do século XX e identificaremos as súas características principais, sempre relacionadas coa situación lingüística de Galicia. Dedicaremos a esta unidade o equivalente de 16 horas lectivas, e o recomendable é que diariamente traballe con ela entre unha e dúas horas.

  • Ademais, debe ter en conta as seguintes puntualizacións:

    • A unidade contén textos e exercicios en galego e castelán, separados en dúas partes. Ambas as linguas, xunto coa estranxeira, intégranse no ámbito da comunicación.

    • A unidade consta de dous tipos de textos ou contidos: uns que levan a etiqueta de "aspectos teóricos", que son os que debe comprender e memorizar, e outros que carecen desa etiqueta, que son os que debe ler, comprender e comentar.

    • Os contidos e exercicios van clasificados en bloques ou partes, relacionados con distintos aspectos do estudo da lingua: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria.

  • Logo de rematada a unidade deberá ser quen de:

    • Compoñer textos escritos propios das relacións profesionais (currículo ou textos administrativos) en soporte impreso e dixital, coidando a estrutura formal e respectando as normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

    • Comprender e analizar o uso das dúas linguas do ámbito nos documentos profesionais e administrativos de uso frecuente.

    • Coñecer e usar as normas ortográficas, empregando os termos apropiados na explicación sobre o seu uso.

    • Apreciar o valor social que leva consigo un bo uso das normas ortográficas e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

    • Distinguir entre a forma (categoría gramatical) e a función das palabras.

    • Identificar as clases de palabras e reflexionar sobre as posibilidades que ofrecen as linguas do ámbito para cambiar a categoría gramatical dun vocábulo.

    • Recoñecer os hiperónimos e os hipónimos para os empregar nos escritos propios como mecanismos de cohesión.

    • Coñecer a situación lingüística das comunidades bilingües de España, especialmente a galega.

    • Ser consciente da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

    • Coñecer as características xerais, os autores máis importantes e algunhas obras da literatura galega do século XX.

    • Desenvolver a autonomía lectora e o aprecio pola literatura como fonte de pracer.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License