2.1 Comunicación escrita

Currículo persoal (aspectos teóricos)

O currículo persoal

O currículo persoal ou curriculum vitae (en latín significa a carreira da vida) é o historialda nosa vida académica e profesional. No currículo, ademais de presentarmos os nosos datos persoais, relatamos a nosa formación académica e intelectual, a nosa experiencia profesional e todos os outros méritos que consideremos que son importantes para un determinado posto de traballo que nos interesa ou algún beneficio que queremos conseguir. Velaquí algunhas situacións en que, normalmente, terá que presentar o seu currículo:

  • Como aspirante a un posto de traballo nunha empresa.

  • Como opositor ou opositora á función pública en calquera organismo público.

  • Como solicitante dunha bolsa de estudos ou de investigación.

Características do currículo

O currículo é un texto narrativo, xa que o interesado relata cronoloxicamente os acontecementos salientables que teñen que ver coa súa vida académica e profesional. Con todo, e dado que o destinatario é unha empresa ou un organismo, o currículo non é un texto narrativo literario, senón unha narración de carácter formal (comercial ou administrativa).

Por todo isto, debemos evitar redactar o currículo como se fose unha novela sobre a nosa vida. Este documento ten que concibirse como unha relación clara e unha exposición precisa dos méritos que se alegan para o emprego ou beneficio que se quere conseguir.

  • Formato e modo de elaboración. Debe seguir as seguintes pautas:

    • Pode elixir o tamaño de papel, aínda que se establece como modelo estándar o Din A4 (o utilizado na maioría de escritos en organismos públicos e empresas privadas).

    • Para facilitar a visualización do currículo, debe ser escrito unicamente por unha cara do folio. Podemos considerar esta norma como a máis elemental de todas.

    • A redacción debe ser cun procesador de textos. Debe deixar unha marxe de tres centímetros pola esquerda e dous pola dereita. Isto non é un capricho, é unha norma administrativa que facilita o arquivo do documento e a súa clasificación.

    • Algunhas veces, cando interesa coñecer o tipo de letra da persoa aspirante, é necesaria a elaboración do currículo á man. Mediante estudos e análises desa letra (grafoloxía, estudo grafolóxico) pódense coñecer algúns aspectos interesantes da persoa que axuden a decidirse ou non polo candidato ou candidata.

  • Características básicas. A modo de resumo, estas son as características básicas de redacción e de presentación do currículo:

    • Debe facer unha redacción clara sobre o que quere salientar.

    • Non utilice formas rebuscadas e redacte o escrito de maneira simple, sen complicar a sintaxe nin o contido.

    • Debe ser un escrito breve e conciso.

    • Sempre se presentará escrito por unha cara.

    • Debe estar redactado cun procesador de textos.

    • Nalgúns casos concretos é necesario elaboralo á man.

Clases de currículos

O currículo pode ser de dúas clases segundo se queira salientar a vida académica e profesional en xeral, ou se queira sinalar un aspecto concreto que sexa o realmente interesante.

  • Currículo xeral: é a compilación sistemática e completa de todos os datos persoais, académicos e profesionais que se foron alcanzando ano tras ano.

  • Currículo concreto: é o que se elabora para cada caso particular, concretando só os aspectos salientables, é dicir, é unha forma abreviada do currículo xeral.

Independentemente de que o currículo sexa xeral ou concreto, existen diferentes formas de estruturalo. Velaquí as máis utilizadas:

  • Cronolóxico: recibe este nome o currículo que vai redactando cronoloxicamente todos os aspectos salientables.

  • Funcional: denomínase así cando se presentan as actividades desenvolvidas en bloques independentes. Deste xeito destácanse só os datos que interesan, e quedan en segunda liña os que non son verdadeiramente importantes para ese posto de traballo.

Deseguido ten un exemplo de currículo onde a información aparece por bloques. Fíxese no primeiro (datos persoais) e logo no segundo (experiencia profesional), no seguinte (cursos efectuados) e no último (formación académica). Vexa como se salienta a experiencia (primeiros bloques) en detrimento da formación (derradeiro bloque).

 

  • Datos persoais

    • Nome e apelidos: Xosé Francisco Vázquez Couto.

    • Data de nacemento: 2 de xuño de 1978.

    • DNI: 03339888.

    • Enderezo: Praza de España nº 25, 6 E. C P 15625 Ferrol.

    • Teléfono: 653761242.

    • Correo electrónico: xfvcouto@gmail.com

    • Estado civil: solteiro.

  • Experiencia profesional

    • Vendedor na empresa de hipermercados "Carrocheo SA" no período 2002-2003.

    • Repoñedor na empresa de hipermercados "Carrocheo SA" nos anos 2004 e 2005.

    • Vendedor-repoñedor da cadea de supermercados "Bonus Plus " no período 2006-2007.

  • Cursos efectuados

    • Curso de informática para usuarios, 1999. (50 horas)

    • Curso de Word iniciación, 2000. (30 horas)

    • Curso de Word perfeccionamento, 2001. (30 horas)

    • Curso de informática de caixas (a cargo da empresa "Carrocheo SA"), 2002. (10 horas)

  • Formación académica

    • FP rama administrativa no IFP de Caranza-Ferrol, 1997.

 

Actividades propostas

Actividades propostas

Actividades propostas

S1. Lea os aspectos teóricos do currículo persoal e conteste ás seguintes cuestións:

    • Cales son as partes principais que debe ter un currículo funcional?

    • Cales son as características formais que debe ter un currículo?

Actividades propostas

S2. Elabore un currículo funcional cos seus datos persoais. Se aínda non ten experiencia profesional, imaxínea.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License