Iniciación á lingua galega para estranxeiros. Unidade 7: A rúa
A incorporación de alumnas e de alumnos procedentes do estranxeiro ao sistema educativo galego é unha realidade que se vén incrementando ao longo das últimas décadas e un desafío para todas aquelas persoas que, por intervir directamente con este alumnado, deben ofrecer unha resposta educativa o máis axeitada posible ás súas necesidades, garantindo os principios de equidade e igualdade de oportunidades.
A Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, con relación á exención da materia de Lingua Galega establece no seu artigo 4.2 que “O alumnado terá que asistir ás aulas como medio de integración lingüística e coa finalidade de que co seu esforzo persoal, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado poida ter, ao remate do prazo da exención, un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou en que vaia matricularse, en igualdade de condicións ca os demais compañeiros ou compañeiras da clase”. Cómpre, polo tanto, que o profesorado teña ao seu dispor eses materiais didácticos específicos aos que fai referencia dito artigo.
A finalidade do presente proxecto é a elaboración de materiais educativos dixitais (nivel iniciación) que resulten motivadores e accesibles para que o alumnado potencialmente destinatario poida acadar o nivel de competencia en lingua galega preciso para seguir con aproveitamento as ensinanzas que estea cursando, ou que vaia cursar, e por tanto, para potenciar a súa integración persoal, escolar e social na nova realidade que está a vivir.
Nesta sétima unidade abórdase o vocabulario relacionado coa rúa.