Busca de fontes de información
Na metodoloxía de proxectos a colaboración coas familias e outras institucións, aportando material bibliográfico ou que sirva para complementar información, é fundamental. A redacción dunha nota, en gran grupo, permítenos introducir un texto informativo e reflexionar acerca dalgunhas das súas propiedades: fórmulas fixas, formato, función... O contido da nota redactouse en gran grupo na asamblea, sendo a pesoa docente a encargada de escribila no taboleiro en presenza do alumnado para poder destacar así esas propiedades relevantes.
Outra estratexia é iniciar ao alumnado nos pasos necesarios para realizar unha busca de información en internet, reflexionando sobre a importancia de comprobar a veracidade da información. Para iso é preciso abrir varias páxinas coa mesma información e contrastar o seu contido, resulta fundamental compartir coas nenas e nenos as estratexias lectoras que empregamos, como por exemplo a lectura en diagonal para localizar un dato.
É convinte a realización destas dúas propostas combinando o gran grupo co pequeno grupo para asegurarse de que todos captan os procesos realizados e poder respostar ás características individuais de cada neno e nena.
Tamén accedemos á biblioteca do centro escolar, para revisar os fondos e localizar bibliografía sobre o tema, e á biblioteca pública Ánxel Casal co mesmo fin.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0