Saltar navegación

Actividades

 
  • Debuxo recollida das ideas previas. Para poder realizar aprendizaxes significativas é fundamental coñecer as ideas previas do alumnado acerca do tema de estudio. Son dous os procesos que permiten coñecelas: a través dun debuxo ou a través dunha conversa ao mesmo tempo que se abre o panel que recollerá a guía do proxecto. Que sabemos?, introdúcese deste xeito un texto enumerativo.
  • Petición de colaboración ás familias. Elaboraremos unha nota solicitando a colaboración das familias aportando material bibliográfico. A redacción desta nota en gran grupo permítenos introducir un texto informativo e reflexionar acerca dalgunhas das súas propiedades: Relación co real, relación imaxe-texto, función, léxico. Esta nota redáctase en gran grupo e é a persoa docente a encargada de escribila en presenza do alumnado (taboleiro, PDI,..) guiándoo a través das súas preguntas na reflexión sobre as propiedades deste texto. É interesante tamén delegar nas nenas e nenos a solicitude de colaboración nun exercicio de responsabilidade e autonomía, que sexan quen de levar unha mensaxe da escola á casa e viceversa. Accederemos á biblioteca do centro escolar para revisar os fondos e localizar bibliografía sobre o tema. Poñerémonos en contacto coas bibliotecas públicas (Anxel Casal) para solicitar o empréstamo de material bibliográfico de interese.
  • Panel do proxecto. Este panel recolle as ideas previas (Que sabemos?), cara a onde imos orientar a nosa busca de información (Que queremos saber?) e as posibles fontes de información que podemos empregar (Onde buscamos información). Cada apartado realízase en sesións diferentes. É necesario un lapsus temporal entre a recollida de ideas previas e os interrogantes acerca do tema de estudo para que non se confundan. Debe estar presente ao longo do desenvolvemento do proxecto nun lugar visible e accesible da aula.
  • Lectura de textos expositivos acerca dos tiburóns. Negociaremos co alumnado o procedemento para realizar as lecturas da información aportada  (gran grupo e pequeno grupo) e a elaboración dos textos expositivos. Algúns dos libros serán dixitalizados para poder realizar lecturas en gran grupo e guiar ao alumnado na reflexión acerca dalgunhas propiedades destes textos: a función como transmisores de información veraz, mellor calidade cando as imaxes son fotografías, ausencia de imaxes en moitos deles, información contrastada en distintas fontes, presenza de gráficos e mapas…
  • Colocar tarxetas referidas á morfoloxía do tiburón na parte correspondente. Empregamos unha imaxe do tiburón "Marrajo" para estudar a morfoloxía dos tiburóns en xeral (na maioría dos libros que visualizamos emprégase como modelo. Realizamos, por parellas, unha actividade de lectura na que as nenas e nenos comparaban tarxetas das partes dun tiburón atendendo ás súas propiedades cualitativas (por que letra empeza, por cal remata) e cuantitativas (cantas ten, é longa, é curta) das palabras
  • Escritura libre atendendo ás distintas etapas no proceso de adquisición da lingua escrita desas palabras.
  • Elaboración do panel informativo de cada tiburón. Acordamos estudar con máis profundidade 5 clases de tiburóns: Marraxo (marrajo), melgacho (pintarroja), martelo (martelo), raposo (zorro) e branco (branco). Para cada un destes tiburóns elaboramos un panel que recollía información acerca dalgunha característica peculiar da morfoloxía, o seu tamaño, a súa alimentación, a súa perigosidade, a súa reprodución e o seu hábitat.
  • Unidades de medida convencionais e non convencionais. Un dos datos importantes acerca de cada tiburón é o seu tamaño. Para poder interpretar as medidas reais de cada especie empregamos medidas convencionais (metros con diferente soporte e cinta métrica) e medidas non convencionais (o seu propio corpo). Representamos no espazo da aula as medidas reais coas dúas unidades de medida. Realizamos tamén cálculo por estimación acerca de cal sería a medida de cada tiburón.
  • Debuxo individual da morfoloxía de cada tipo de tiburón. De xeito individual, cada nena e neno, realizou un debuxo reflectindo as características e peculiaridades morfolóxicas dos cinco tiburóns estudados en profundidade: o ollo prominente no marraxo, a cabeza peculiar no martelo, a aleta caudal do raposo, o tamaño do melgacho, a boca do branco,...Estes debuxos formaron parte dos dosieres individuais do alumnado.
  • Coloreado atendendo ás súas características. Cada nena e neno coloreou as producións da actividade anterior atendendo ás fotografías visualizadas na aula de cada tiburón para qu se asemellasen o máis posible á realidade.
  • Debuxo representativo das características de cada tiburón. Acordamos editar un libro para cada tiburón dos seleccionados para seu estudo. Este sería un texto expositivo, con información veraz, síntese dos nosos coñecementos sobre ese animal froito da información lida e os vídeos visualizados. As imaxes que acompañarían ese texto foron unha combinación de debuxos realizados polo alumnado e fotografías  sendo coñecedores de que canto máis real a imaxe máis información aporta. Para cada clase de tiburón os grupos mantivéronse pero foron rotando as características que tiñan que representar.
    Organizados en pequeno grupo cada un era o encargado de transferir á linguaxe plástica unha información concreta, referida aos ámbitos que abordamos de cada tiburón e que recollemos nun mapa conceptual. Resulta fundamental destacar que o alumnado non tiña un modelo polo que copiar, as producións son froito do seu coñecemento e da súa capacidade de representación.
  • Colocar tarxetas referidas ás distintas clases de tiburón en cada un. Esta é unha actividade de lectura na que novamente o alumnado, reflexionando sobre propiedades cualitativas (por cal empeza?, por cal termina?) e cuantitativas das palabras (cantas ten?, é longa?, é curta?) intentaba asinar a cada tiburón a tarxeta correspondente.
  • Escritura libre, atendendo ás distintas hipóteses, desas palabras. Si a actividade anterior era de lectura, esta é de escritura. Empregando a mesma imaxe na que colocaron as tarxetas correspondentes agora escribiron, atendendo ás diferentes etapas no proceso de adquisición da lingua escrita, o nome de cada tiburón.
    A escritura libre non responde a un proceso de copia. Este alumnado, de 6º curso de educación infantil, xa escribe con hipóteses moi evolucionadas pero ao ser propostas abertas permiten ser abordadas desde diferente nivel de dificultade e diferente nivel de competencia lectora e escritora.
  • Análise das cualidades dos tiburóns de xoguete traídos á aula.  Un xoguete non se pode considerar unha fonte fiable de información pero ante o interese que despertou o tema de estudo entre o alumnado e a cantidade de tiburóns que trouxeron decidimos aproveitar este material para reflexionar sobre a súa morfoloxía. Había exemplares moi fieis ás características reais pero outros carecían das aletas anal e pelviana fundamentalmente.
  • Composición con letras móbiles dos nomes das clases de tiburón estudadas. Para axudar ao alumnado a evolucionar de hipótese as letras móbiles son o recurso fundamental. Permiten abordar a mesma tarefa desde diferente nivel de dificultade: con tarxeta modelo, sen modelo, con máis letras das que preciso, formando palabras novas con esas letras,...O requisito imprescindible é que esas palabras sexan significativas para o alumnado. Esta proposta desenvolveuse co nome dos cinco tiburóns estudados: marrajo, pintarroja, zorro, martelo e branco.
  • Escritura colectiva dun texto acerca das características xerais que comparten todos os tiburóns.  Paralelamente aos dosieres sobre cada tiburón estudado recollemos información xeral referida a todos eles en xeral. Este texto expositivo é unha síntese dos coñecementos do alumnado sobre estes animais e escribiuse para formar parte do libro de información xeral sobre tiburóns que tamén pasou á biblioteca de aula.
  • Mapa conceptual. O mapa conceptual do proxecto foi unha das últimas actividades. Dada a idade do alumnado resultáballe moi difícil a categorización dos contidos que íamos incorporando, telo realizado despois de rematar o estudo e da preparación do dosier de cada tiburón axudoulles a ver a relación que houbo entre as categorías que reflectimos en todos eles e a súa síntese.
  • Debuxo libre sobre tiburóns. Reflicten os seus coñecementos sobre a morfoloxía e características dos tiburóns e amosan cal dos estudados provocou máis impacto ou empatía en cada neno e nena. A realización de proxectos desenvolve dun xeito lóxico e natural a capacidade de observación do alumnado ao traballar con imaxes reais e fotografías e textos de calidade.
  • Responder ás preguntas que abriron o proxecto. A última actividade desta fase foi unha reflexión sobre o que aprendemos ao longo do desenvolvemento do proxecto. Retomamos as preguntas que nos formulamos no inicio, revisamos cales engadimos (a medida que ampliábamos coñecementos xurdían novas cuestións) e comprobamos para cales tiñamos resposta e cales quedaron sin ela, por exemplo descubrir si as femias poden morrer no parto. Non pretendemos tampouco ser capaces de responder a todo, o saber é inabarcable e resulta moi interesante deixar a inquedanza de saber algo máis.
  • Maquetación dos dosieres de aula