Saltar navegación

Riscos naturais físicos: volcáns, terremotos e maremotos

 

Glosario

Epicentro

Pictograma do epicentro hipocentro dun terremoto

Definición:

Punto da superficie da Terra situado na vertical do hipocentro (onde se orixina un terremoto).

Exemplo:

A destrución das casas no epicentro do terremoto foi total.

Hipocentro

Pictograma do hipocentro dun terremoto

Definición:

Lugar no interior da Terra onde se orixina o terremoto.

Exemplo:

O hipocentro do terremoto estaba a seis quilómetros de profundidade.

Onda

Pictograma dunha ola

Definición:

Ondulación da auga sobre a superficie do mar

Exemplo:

Gústame moito flotar nas ondas do mar.

Volcáns

Que son os volcáns?

Fotografía da Vista do Teide en Tenerife
 

Un volcán é unha abertura ou greta da superficie terrestre pola cal aflora magma (rocha fundida que está no interior da Terra) que sobe á superficie a través da codia terrestre. Cando o volcán entra en erupción, expulsa lava, cinza, gases e rochas. Estas erupcións poden modificar a paisaxe, afectar a vida das persoas e provocar cambios no medio ambiente. Algúns volcáns están activos e poden entrar en erupción, mentres que outros están durmidos ou extinguidos.

A Terra está formada por distintas capas diferenciadas pola súa composición química: sendo a externa a codia e baixo da cal estaría o manto e  a capa máis interna é o núcleo.

Corte esquemático do interior da Terra

O vulcanismo en España

Vulcanismo en España
Mapa das áreas volcánicas en España


En España existen varias áreas volcánicas, como son:

  • As illas Canarias
  • A comarca da Garrotxa (Girona)
  • Cabo de Gata (Almería)
  • Cofrentes (Valencia)
  • As islas Columbretes (Castellón)
  • Illa de Alborán
  • Campo de Calatrava (Ciudad Real)

Caso real: O volcán da Palma

O 19 de setembro de 2021 comezou unha erupción volcánica na illa de La Palma. Durou 85 días.

O Volcán da Palma

Onde aparecen os volcáns?

A litosfera está formada por varios fragmentos chamados placas tectónicas. Estas placas móvense lentamente sobre unha capa máis branda chamada astenosfera, como se fosen pezas dun xogo de encaixar. A maior parte dos volcáns están situados nas zonas onde estas placas se xuntan ou se separan.


¿Están todos os volcáns nestes límites das placas?

Non todos. A maioría dos volcáns atópanse nos bordos das placas, pero tamén existen volcáns que están no interior dunha placa, afastados dos seus límites. Estes chámanse volcáns intraplaca.

A Sismicidade Mundial

Sabías que unha erupción volcánica pode ser beneficiosa?

As erupcións volcánicas tamén poden supoñer beneficios para as zonas nas que se producen.

Agricultura: Os materiais que veñen dos volcáns son ricos en elementos como ferro, magnesio e potasio. Cando estes materiais cambian co tempo, forman chans moi fértiles. Ademais, estes chans son porosos e poden gardar máis auga que os chans normais.

Enerxía renovable: A calor que xeran os volcáns no interior da Terra pódese usar para obter enerxía xeotérmica, unha fonte limpa e renovable.

Turismo: Os volcáns atraen moitos visitantes por ser lugares sorprendentes e cheos de beleza natural, o que favorece o turismo xeolóxico.

Recursos minerais: Nas zonas volcánicas créanse depósitos de minerais con metais como cobre, ouro, prata, chumbo e zinc. Algúns destes minerais son pedras valiosas, como o olivino, que se usan para facer xoias.

Creación de novo territorio natural sobre o mar: ás veces, cando a lava chega á costa e acumúlase xerando un novo terreo emerxido que incrementa a superficie  da illa.

Perigos

Erupción en zonas poboadas (La Palma)
https://www.lamarea.com/author/eduardorobaina/

Cando as erupcións ocorren en zonas poboadas existen numerosos perigos para a poboación.: 

Riscos relacionados cos volcáns:


Coladas de lava:
A lava quente pode destruír as vivendas, os cultivos, e causar queimaduras graves a calquera ser vivo que se achegue demasiado.

Gases volcánicos:
Respirar os gases que saen dun volcán provocan problemas respiratorios e poden, mesmo ser mortal en casos graves. O contacto directo con estes gases poden queimar a pel e as mucosas. Ademais, o dióxido de xofre (SO₂) ao combinarse co vapor de auga  forma choiva ácida, que dana as plantas, o solo, a auga e a saúde das persoas.

Materiais piroclásticos:
As pedras e fragmentos que expulsa o volcán poden caer en zonas habitadas, representando un grande perigo. A cinza volcánica causa danos nos pulmóns se se inhala, irrita os ollos e afecta aos motores de avións e drons. A acumulación de cinza e lapilli nos tellados pode facer que colapsen polo peso, provocando a súa vez novos danos.

Gretas e desprendementos:
Os terremotos causan danos e  gretas nos edificios. Ademais, as capas de lava acumuladas facilitan desprendementos de terra e caída de rochas, poñendo en risco ás persoas e construcións.

Lectura facilitada

Un volcán é unha montaña que ten unha abertura na parte de arriba.
Por esa abertura pode saír lava, cinza, gases e rochas.

No interior da Terra hai magma, que é rocha moi quente e fundida.
Cando o magma sobe e sae pola superficie, chámase erupción volcánica.

As erupcións poden cambiar a forma da terra, danar pobos ou bosques e afectar o clima.
Tamén poden ser perigosas para as persoas.

Hai volcáns que están activos (poden facer erupción).
Outros están durmidos (sen actividade, pero poden volver).
E algúns están extintos (xa non van facer erupción nunca máis)

A litosfera (a capa externa da Terra) está dividida en partes chamadas placas tectónicas.
Estas placas son como pezas dun quebracabezas que se moven lentamente sobre outra capa chamada astenosfera.

Nos límites onde as placas se xuntan ou se separan é onde hai máis volcáns.
É alí onde ocorren moitos movementos da Terra, como terremotos e erupcións volcánicas.


Todos os volcáns están neses límites?

A maior parte dos volcáns está nos bordes das placas tectónicas.
Pero tamén hai volcáns en lugares afastados deses límites.
Estes chámanse volcáns intraplaca e aparecen no medio dunha placa, non nos bordes.

Perigos das erupcións volcánicas en zonas con xente
Cando un volcán fai erupción nun lugar onde hai persoas, hai moitos perigos para elas.

Coladas de lava:
Pode destruír casas e campos onde se cultivan plantas.
Se alguén se achega moito, pode sufrir queimaduras graves.

Gases volcánicos:
Os gases que sae do volcán poden facer dano se os respiramos.
Poden causar problemas para respirar e, nalgúns casos, poden ser moi graves.
Se tocan a pel ou as mucosas, poden causar queimaduras.
Un gas chamado dióxido de xofre pode xuntarse coa choiva e facer choiva ácida, que prexudica ás plantas, ao solo, á auga e tamén á saúde das persoas.

Materiais piroclásticos:
O volcán lanza pedras e outros fragmentos que poden caer nas zonas onde hai xente, o que é perigoso.
A cinza volcánica é moi pequena e pode danar os pulmóns se se respira, irritar os ollos e prexudicar os motores de avións e drons.
Se a cinza e o lapilli se xuntan nos tellados, poden facer que se caian polo peso, o que pode causar máis danos.


Gretas e desprendementos:
Os terremotos poden rachar casas e edificios.
Tamén poden facer que a terra e as rochas se movan e caian das ladeiras.



 
 

Para saber máis: Canto tempo se considera un volcán activo?

Un volcán considérase activo cando tivo polo menos unha erupción nos últimos 10.000 anos. Tendo isto en conta, en España só se consideran zonas volcánicas activas as da Garrotxa (en Cataluña) e as Illas Canarias.

Se falamos de época histórica (os últimos 500 anos), só houbo erupcións nas Canarias, concretamente nas illas de Tenerife, La Palma, El Hierro e Lanzarote.

As dúas erupcións máis recentes foron:

  • A erupción submarina en El Hierro (entre 2011 e 2012), que creou un novo volcán chamado oficialmente Tagoro.
  • A erupción en La Palma (do 19 de setembro ao 13 de decembro de 2021), que fixo medrar a superficie da illa durante un tempo e causou importantes danos ao seu paso.
Erupción del volcán Cumbre Vieja - Mirador de Tajuya (La Palma, Islas Canarias, España) - 15-11-2021

Lectura facilitada

Un volcán chámase activo cando tivo algunha erupción nos últimos 10.000 anos.

En España, só hai volcáns activos en dúas zonas:

A Garrotxa (en Cataluña)
As Illas Canarias

Nos últimos 500 anos, só houbo erupcións nas Canarias, nas seguintes illas:

Tenerife
La Palma
El Hierro
Lanzarote

As dúas erupcións máis recentes foron:

El Hierro (2011-2012):
Foi unha erupción baixo o mar..
La Palma (2021):
Comezou o 19 de setembro e rematou o 13 de decembro.


Para saber máis: A influencia dos volcáns no clima

As erupcións volcánicas teñen como principal consecuencia unha diminución das temperaturas globais. Durante unha erupción, o po e os gases que son expulsados poden permanecer na atmosfera durante anos, impedindo parcialmente o paso dos raios solares e causando un arrefriamento. Estudos recentes destacan que as gotiñas de ácido sulfúrico formadas na explosión teñen unha capacidade de bloqueo solar maior que o po ou as cinzas.

Un caso notable ocorreu en 1815 coa erupción do volcán Tambora, que baixou a temperatura global case 1 °C. Este evento volcánico liberou ao redor de 40.000 millóns de toneladas de material á atmosfera.

Imaxe do volcán Krakatoa

Lectura facilitada

As erupcións volcánicas poden facer que a temperatura da Terra baixe.
Cando un volcán entra en erupción, bota po e gases ao aire.
Estas partículas poden quedar na atmosfera durante moito tempo e evitan que entre toda a luz do sol.
Isto provoca que o planeta se arrefríe un pouco.

Os científicos descubriron que as pequenas gotiñas de ácido sulfúrico que se forman nas erupcións bloquean mellor o sol ca o po ou as cinzas.

Un exemplo importante foi o volcán Tambora, que entrou en erupción no ano 1815.
Esa erupción fixo que a temperatura media da Terra baixase case 1 grao.
O volcán lanzou ao aire arredor de 40.000 millóns de toneladas de materiais.

Contesta sobre o volcán da Palma

Observa o video que resume as diferentes fases da erupción do volcán da Palma en 2019.

Pregunta 1

Un volcán pode ser un perigo para a poboación da Illa?

Suxestión

Imaxina que a túa contorna, vése afectada por unha erupción volcánica.....cantas perdas materiais habería.....?

Pregunta 2

Cando a lava chega a lava ó mar, arrefría e xera gases non tóxicos e amplía a superficie da illa?

Os terremotos

Que son?

Un terremoto é un movemento brusco do chan que se produce cando se libera enerxía acumulada no interior da Terra. Esta enerxía fai tremer a superficie terrestre e, ás veces, causar danos en edificios, estradas ou pontes. Os terremotos poden ser pequenos, case imperceptibles, ou moi fortes e perigosos.

Evolución terremotos ata 2016



Nun terremoto hai que diferenciar entre o hipocentro, que é o punto do interior da Terra onde se orixina o terremoto, e o epicentro  é o punto da superficie terrestre que está xusto enriba do hipocentro, que é onde se orixina o terremoto no interior da Terra. e onde máis sente o terremoto.

Se queres saber como se escoita un terremoto:


Como se miden?

Sismógrafo quinemétrico do Departamento do Interior de Estados Unidos.

O sismógrafo é un instrumento que serve para detectar e rexistrar os movementos da Terra cando hai un terremoto. Grazas a este aparello, os científicos poden saber cando, onde e con que intensidade se produciu un sismo... Foi inventado en 1842 polo físico escocés James David Forbes.

Os terremotos mídense con dúas escalas diferentes:

Magnitude: rexistra a cantidade de enerxía liberada por un terremoto. A Escala de Richter vai desde 1 ao 10, mide a magnitude dun tremor de terra no cal cada número supón o aumento da intensidade dez veces  o valor do anterior. O maior terremoto rexistrado foi o de Chile en maio de 1960, que alcanzou os 9,5º na escala Richter.

Intensidade: mide os efectos que tivo o terremoto para a poboación. A Escala de Mercalli é unha forma de medir como se sente un terremoto e os danos que causa. Vai do grao I (moi débil) ao grao XII (moi destrutivo). Non mide a forza exacta do terremoto, senón como o percibe a xente e que efectos ten nos edificios e no terreo.

Gráfico dos Terremotos de maior magnitude




Lectura facilitada

Un terremoto é un tremor repentino do chan.
Prodúcese cando se libera a enerxía acumulada no interior da Terra.

Esta enerxía fai que a superficie trema.
Ás veces, o terremoto é pequeno e case non se nota.
Outras veces, é forte e pode romper estradas, edificios ou pontes.

Nun terremoto hai dúas partes importantes:

O hipocentro é o lugar do interior da Terra onde comeza o terremoto. Alí é onde se libera a enerxía.
O epicentro é o punto da superficie terrestre que está xusto enriba do hipocentro.
É o lugar onde máis se nota o tremor do terremoto.

Un sismógrafo é un instrumento que serve para detectar e rexistrar os movementos da Terra cando hai un terremoto.
Grazas a este aparello, os científicos poden saber cando, onde e con que intensidade se produciu un sismo.

Descubre acerca dos terremotos

Duración:
5 min
Agrupamento:
Grupos de 2

Cal é a diferenza entre magnitude e intensidade dun terremoto?

Os maremotos

Que son?

Fotografía dobre cos efectos dun Tsunami
 


Denomínase maremoto ou tsunami, a  un grande movemento do mar que se produce cando hai un terremoto baixo o océano. Iso provoca que as ondas se propaguen a través da auga e cren ondas xigantes chamadas tsunamis, que,  de chegar á costa causan moitos danos, e, en ocasións, teñen efectos devastadores para edificacións e persoas.

Un exemplo con historia

Un exemplo con historia: O maremoto de Lisboa.

1 de novembro de 1755, Día de Todos os Santos, 9:30 da mañá. Un sismo de arredor de 8,5 graos que durou varios minutos ía cambiar para sempre a historia de Portugal. 

Lisboa foi a cidade máis afectada polo terremoto e o posterior tsunami que arrasou a zona baixa da cidade. Onde non chegou a auga, chegou o lume: un incendio propagado, segundo algunhas testemuñas, polos centos de candeas prendidas para celebrar a festividade católica magnificou a catástrofe.

Milleiros de persoas morreron tamén noutras zonas litorais do oeste da península Ibérica, en cidades como Faro, Lagos, Cádiz, Ayamonte ou Lepe, e tamén en Marrocos, debido á serie de ondas xigantes propagadas polo sismo, que tivo o seu epicentro ao suroeste do cabo San Vicente, na zona de confluencia entre as placas africana e eurasiática. As crónicas dan conta de que os cidadáns recibiron a traxedia como a ‘ira de Deus’, xa que crían que a divindade castigara aos humanos polos seus pecados, precisamente no día no que se rende homenaxe aos mortos.

Maremotos en Galicia

En Galicia, o gran terremoto tamén deixou pegada. No tocante a perdas humanas, os datos apuntan que faleceron entre 2 e 6 persoas. A natureza tamén deu sinais que abraiaron aos habitantes do entón Reino de Galicia: en vilas como Oia, Baiona, Redondela, Vigo, A Coruña ou Viveiro, o mar avanzou e retrocedeu de forma anormal durante horas; incluso o Miño se comportou de xeito estraño.

Tamén houbo importantes danos materiais, con monumentos seriamente afectados, sobre todo nas provincias de Pontevedra (naquel momento dividida entre Tui e Santiago) e Ourense.

Lectura facilitada

Os tsunamis son olas xigantescas no mar.

Os maremotos son terremotos que se producen no fondo mariño.

Os tsunamis son consecuencia de maremotos.

Lisboa foi arrasada por un tsunami en 1755.

Para informarse

O 11 de marzo de 2011, ás 14:46:23 hora local (05:46:23 UTC), produciuse un forte terremoto na rexión de Tōhoku, fronte á costa do Océano Pacífico. Este sismo, que inicialmente foi cualificado cunha magnitude de 8,9 na escala sismolóxica de magnitude de momento (MW), xerou un devastador tsunami que afectou gravemente a zona.

O 13 de marzo, dous días despois, a axencia sismolóxica de Xapón revisou a súa intensidade, elevándoa a unha magnitude de 9. Este evento converteuse no cuarto terremoto máis poderoso documentado na historia. O epicentro situouse no océano, a uns 130 km ao leste da cidade de Sendai, na prefectura de Miyagi.


A cantidade de enerxía liberada foi equivalente a 200 millóns de toneladas de TNT.

Observa un tsunami

  • Fíxate na esquina inferior esquerda. A escala de cores indican a altura das ondas. 
  • Despois de producirse o terremoto desde o epicentro, xurden ondas que se desprazan cara ó exterior coma cando tiramos unha pedra no río, de xeito concéntrico, chegando á costa con grande forza destrutiva.
  • Á chegada á costa, entra na terra firme asolagando as zonas máis próximas ó mar.

Le acerca

Le con atención as cartas da época sobre as consecuencias do terremoto en dúas zonas de Galicia

Don Joseph Blanco Sacido, Comisario extraordinario de Real Artillería, destinado por S. M. a esta Praza de Baiona do Reino de Galicia. 
Digo:
Que o día primeiro de novembro do presente ano da data, ás nove e tres cuartos da mañá, pouco máis ou menos, principiou nesta vila e Praza de Baiona a tremer a terra (antecedendo un forte aire especie de furacán) por moito tempo, cuxo terremoto observei que foi con movemento regular sen que a terra fixese declivio a parte algunha, polo que todos os edificios en dita trepidación non perderon a ortogonal elevación, padecendo algún esborrallo contra a súa construción, con todo de caerse un perpiaño dos que compoñen a cornixa da casa dun cabaleiro Rexedor, e así mesmo unha viga das tirantes do coro alto das monxas Dominicas, perdendo a súa situación, quedou asida a unhas tesoiras de madeira (que así chaman a dous paus, que na devandita figura comprimen polos seus extremos ditas tirantes) e solta da outra parte (non sen admiración) mantívose sen caer no aire algúns días, a cuxo tempo estaban as religiosísimas monxas no devandito coro, sen que nin estas nin outra algunha persoa houber padecido lesión algunha, como nin tampouco animal irracional algún, en todo o tempo de sete a nove minutos que durou devandito tremor.

Só si, quedou quebrantada en cousa de pouca entidade a parede do miradoiro deste convento, como tamén de dúas casas de distintos particulares. (...)
E tanto, que a unha embarcación que abandonada do seu dono, ha moitos anos áchase flotando preto da ponte que chaman da Ramallosa, elevouna fóra das augas e ao caer dividiuse en dous pedazos.
Tamén observei que o día antes do terremoto aleteaban con demasía as aves domésticas, tanto na miña casa como noutras, unha dos sinais que refire o Pai Zaragoza e o Pai Ricciolo, no tratado da Sphera terráquea, que indican un próximo terremoto.
É canto podo dicir neste asunto.

E asínoo en Baiona ao 17 de decembro de 1755.



O Alcalde maior.                                                                                                                                                                                                                                                                    
Señor:
O tremor de terra que o día primeiro do mes que rexe, experimentouse nesta cidade e máis pobos das súas proximidades, e aínda do Reino [= de Galicia] foi dos maiores e máis duración que acordan os naturais.
Tivo principio despois do terceiro para as dez da mañá, e continuou polo discurso de 5 a 6 minutos. O principio foi terrible, porque se vían mover edificios, sepulturas dos templos, e aínda as columnas deles;
templose algo ao medio tempo, e tivo fin co mesmo furor do seu principio.(...).
Non houbo ruínas de Igrexas, casas, racionais nin brutos, o que se atribúe á Divina Misericordia da súa Maxestade Divina, noite e día patente no altar maior da Santa Igrexa Catedral, e á súa Santísima Nai a Virxe dos Ollos Grandes, Patroa titular.(...)

Lugo, novembro 20 de 1755.
Ilustrísimo Señor:
Bica a man de V. S. I. o seu máis rendido servidor.

Fonte: Martínez Solares, José Manuel (2001).  Los efectos en España del terremoto de Lisboa (1 de noviembre de 1755). Dirección General del Instituto Geográfico Nacional

Pregunta Verdadeiro-Falso

Segundo o que liches nos textos contesta as seguintes cuestións:

Pregunta 1

Na zona de Baiona as consecuencias do terremoto foron maiores que en Lugo.

Pregunta 2

O terremoto en Lugo se sinte como "máis forte que os habituais" esto é debido a que en Lugo non se sinten habitualmente tremores de terra.

Suxestión

Busca na prensa dixital as novas relacionadas cos tremores en Galicia.

Pensa

Por que pensas que os efectos foron máis intensos na costa que no interior?

Voltamos ao diario de aprendizaxe!

Debuxo dun diario de aprendizaxe

En equipo, reflexionade sobre os contidos agora vistos e elaborade un esquema simple coas zonas volcánicas de España e a súa importancia. Podedes empregar aplicacións informáticas como FreeMind ou similares. Lembra que FreeMind é unha aplicación de software libre e que está preinstalada no software da maqueta Abalar. Pega a imaxe do resultado do esquema no teu diario de aprendizaxe (tes un oco dispoñible).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)