Agora que xa temos escollida á nosa protagonista é o momento de abordar o RETO!
Cinema con conciencia consiste en elaborar unha curta de animación sobre unha muller artista da vosa elección, dando así visibilidade ás mulleres na historia da arte.
Lectura facilitada
Xa temos a nosa protagonista.
É o momento de realizar o RETO!
Chamámolo "Cinema con conciencia".
Será unha curta de animación.
É sobre unha muller artista da vosa elección.
Damos visibilidade ás mulleres na historia da arte.
Escollede unha destas opcións para a vosa curta de animación
O primeiro que imos facer é seleccionar a técnica de elaboración do noso reto. Podedes escoller unha das seguintes opcións:
Opción 1
Elaboraredes a vosa curta de animación empregando a técnica do STOP MOTION.
O stop motion é unha técnica de animación moi divertida e creativa! Consiste en sacar moitas fotos dun obxecto ou personaxe mentres se move pouco a pouco. Cando xuntamos todas as fotos e as reproducimos rápido, parece que o obxecto se move só, coma nunha película máxica.
Para facer a vosa curta de animación sobre unha muller artista, podedes usar bonecos, plastilina, debuxos ou mesmo obxectos reais. O importante é planificar ben a historia, mover os elementos con coidado e sacar moitas fotos para que os movementos sexan suaves.
Lectura facilitada
Utiliza STOP MOTION.
O stop motion é unha técnica de animación moi divertida e creativa!
Este proceso consiste en sacar fotos dun obxecto ou personaxe.
En cada foto, cambias un pouco a súa posición.
Despois, xuntas todas as fotos.
Cando as ves seguidas, parece que o obxecto se move.
Podes usar estas opcións:
- bonecos.
- plastilina.
- debuxos.
- obxectos reais.
- planifica a historia antes de comezar.
Move os elementos con coidado.
Saca moitas fotos para que o movemento sexa suave.
Opción 2
Elaboraredes a vosa curta de animación empregando a técnica do KAMISHIBAI.
O kamishibai é unha forma de contar historias que vén do Xapón e significa "teatro de papel". Trátase dunha maneira especial de narrar contos usando debuxos grandes que se van cambiando dentro dun pequeno teatro de madeira chamado butai.
Mentres se mostran os debuxos, unha persoa conta a historia en voz alta, como se fose unha mestura entre un libro ilustrado e unha obra de teatro. O narrador usa diferentes tons de voz, sons e xestos para que a historia sexa máis emocionante e entretida, podedes empregar tamén sons e música para acompañar a historia.
Lectura facilitada
Utiliza a técnica do KAMISHIBAI.
O kamishibai é unha maneira especial de narrar contos
Os debuxos son grandes e cámbianse dentro do butai.
Unha persoa conta a historia en voz alta.
O narrador usa tons de voz diferentes.
Tamén fai sons e xestos.
Ademais, pódese usar música e outros sons para acompañar a historia.
Opción 3
Elaboraremos a nosa curta de animación empregando a técnica de ANIMACIÓN DIXITAL.
A animación dixital é unha técnica que permite crear debuxos que se moven, como os que vemos nas películas animadas ou nos videoxogos. Antes, os debuxos facíanse en papel un a un, pero agora usamos ordenadores para facelos de forma máis rápida e precisa.
EmpregaremosScratch que é unha ferramenta moi sinxela e divertida para crear animacións e pequenos xogos sen necesidade de saber programar con códigos difíciles. Permite mover personaxes, cambiar escenarios, engadir sons e facer que a túa historia cobre vida.
Lectura facilitada
Utiliza a técnica de ANIMACIÓN DIXITAL.
Coa animación dixital creamos debuxos que se moven.
Coa animación dixital facemos os debuxos máis rápido.
Scratch é fácil de usar.
Podes mover personaxes, cambiar escenarios ou engadir sons, entre outras.