Saltar navegación

3.4. Consecuencias: a crise produce cambios

 

Glosario

Danza da morte

Debuxo duns esqueletos bailando

Definición:

Representacións artísticas que amosan á Morte conducindo a persoas de todas as clases sociais cara ó alén. Simbolizan a inevitabilidade da morte.

Exemplo:

Nas danzas da morte todos son iguais, ricos e pobres bailan xuntos cara ó mesmo destino.

Fidalguía

Imaxe dun sepulcro cunha escultura dunha fidalga

Definición:

Conxunto de persoas da baixa nobreza. Gozaban de certos dereitos e privilexios pero tiñan menor poder e riqueza.

Exemplo:

Violante Núñez Pardo de Aguiar y Montenegro, membro da fidalguía de Betanzos, mandou esculpir a súa imaxe no seu sepulcro para reafirmar a súa relevancia.

Flaxelantes

Procesión de flaxelantes

Definición:

Movemento relixioso cristián que promovía a autoflaxelación pública como un medio para manifestar o arrepentimento dos seus pecados e os dos demais.

Exemplo:

O flaxelantes, ao azoutárense co látego, ferían moi seriamente as súas costas.

Menos poboación, menos man de obra

Como viches, a Baixa Idade Media coñeceu múltiples crises, tan intensas que deixaron unha profunda pegada en Europa. Cambiaron non so aspectos económicos ou políticos, senón que a propia sociedade e os seus valores sufriron unha profunda transformación.

A primeira consecuencia da crise foi demográfica: a poboación europea diminuíu de maneira realmente notable tras a epidemia da peste. Non se coñecen os datos con exactitude, non todos os territorios europeos se viron afectados por igual, e hai discrepancias entre historiadores, pero do que non cabe dúbida é do descenso xeneralizado da poboación no continente. Morría tanto xente nova como vella, homes como mulleres. Iso quere dicir que a mediados do século XIV desapareceu unha porcentaxe importante da poboación traballadora europea.

Un gran cambio social:

(...) Se lemos os textos legais (a situación da muller na Idade Media) é terrible, temos unha imaxe catastrófica (...). Agora se miramos a realidade vivida, seguramente a Idade Media non foi a etapa en que as mulleres coñeceron as peores condicións. Por exemplo comparado coa Antigüidade, unha muller medieval é desde logo máis libre e moito máis feliz que na Antigüidade grega.

Tamén as mulleres no traballo (…). Nos séculos XIV e XV acontecen a peste e guerras, moitos homes desapareceron sexa de enfermidade sexa pola guerra, e foi necesario, por exemplo, que as mulleres traballasen, que os substituísen nos seus empregos, e tamén mulleres da nobreza atopáronse xestionando soas os seus dominios. Tiveron que saír adiante (...), tiveron que soster o país en ausencia de homes. E iso durou 200 anos (...). A principal herdanza, e é bastante divertido porque pouca xente o sabe e se interesa por iso, é que a Idade Media inventou o feminismo.

Transcrición dunha entrevista á escritora Sophie Cassagnes-Brouquet sobre o seu libro “A vida das mulleres na Idade Media”. Orixinal en francés. Tradución dos autores.

Podedes ver a entrevista enteira na rede. Picade aquí.

Médica medieval. Ilustración do século XV.
Médica medieval Ilustración do século XV
Ilustración do libro "A cidade das damas " do século XV.
Ilustración do libro

 

Lectura facilitada

Tras as múltiples crises da baixa Idade Media

houbo cambios profundos en Europa. Cambios económicos e políticos,

pero tamén cambios nos valores da sociedade.

O resultado foi un mundo novo que dá paso á Idade Moderna.

Consecuencias demográficas:

Menos poboación, menos man de obra.

A poboación europea diminuíu notablemente tras a epidemia da peste.

Morreron homes e mulleres, novos e vellos.

Iso quere dicir que a mediados do século XIV,

desapareceu gran cantidade de poboación para traballar.

Os ollos apártanse do ceo

As consecuencias psicolóxicas e culturais de tanta morte e tanta dor foron tamén importantes. A idea de que a morte nos agarda en calquera momento chegou a obsesionar a moita xente, e por exemplo popularizáronse as representacións pictóricas das chamadas “danzas da morte”, esqueletos danzando entre si ou cos vivos.

A danza da morte de Michael Wolgemut.
Imaxe de Danzas de morte. Esqueletos bailando

A peste, a fame e as guerras lembraban continuamente a fugacidade da vida, e a xente reaccionou de maneiras moi diferentes:

  • Unha parte da poboación pensaba que todos os males eran castigos divinos polos pecados do mundo, polo que había que facer penitencia. Expandíronse as ordes mendicantes e apareceron por toda Europa grupos de persoas, flaxelantes, que ía de pobo en pobo azoutándose a si mesmos cun pequeno látego chamado flaxelo. Na maior parte dos casos organizábanse á marxe da igrexa, que estaba perdendo autoridade e influencia.
  • Outra parte da poboación pensou que os rezos e a obediencia á Igrexa non servían de nada ante as calamidades, porque a xente boa e piadosa morría igual.

O cisma de Occidente, co espectáculo de papas enfrontados entre si, terminou de desacreditar a igrexa ante un sector da sociedade.

Se te fixas, tanto nun caso como noutro a Igrexa estaba perdendo autoridade sobre a poboación. Isto é moi importante, porque sen este proceso non se entende que décadas despois da peste empece a triunfar en Europa unha corrente de pensamento que pon no centro ao ser humano e non a Deus.

Os flaxelantes azoutándose pedindo perdón polos pecados do mundo.
Pintura que representa unha procesión de flaxelantes

Lectura facilitada

A peste, a fame e as guerras fixeron que a xente

pensase sempre na morte.

Fixéronse famosas as pinturas chamadas “danzas da morte”,

representaban esqueletos bailando con vivos.

Ante este medo a xente reaccionou de diferentes maneiras:

  • Uns pensaban que os males eran castigos de Deus

 polos pecados do mundo. Por iso había que facer penitencia.

Apareceron persoas que ían polos pobos

azoutándose cun flaxelo ou pequeno látego.

  • Outros pensaron que os rezos e a obediencia á Igrexa

non servían para nada porque a xente boa morría igualmente.

O Cisma de Occidente, cos Papas enfrontados entre si,

terminou de desacreditar á Igrexa ante este grupo de persoas.

 Co que acabas de ler ves que a Igrexa perdeu autoridade

sobre a poboación.

Isto é importante porque, décadas despois da peste,

empezou a triunfar en Europa unha corrente de pensamento nova.

Dita corrente pon no centro ao ser humano

e non a Deus.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)