A Baixa Idade Media: cando algo se pode torcer...tórcese
2.1. No medio de que?
Glosario
Alta Idade Media
Definición:
Período inicial da Idade Media. Abarca dende o século V ata o X.
Exemplo:
A caída do Imperio Romano marca o inicio da Alta Idade Media.
Plena Idade Media
Definición:
Período central da Idade Media. Comprende os séculos XI, XII e XIII.
Exemplo:
Na plena Idade Media tanto a poboación como o comercio, a agricultura ou a artesanía rexistraron un notable desenvolvemento.
No medio de que?
A etapa coñecida como Idade Media non recibiu este nome.... ata que xa non existía. Ningunha persoa deses séculos tería dito de si mesma “eu vivo na época medieval”. En cambio as persoas do Renacemento (movemento cultural que se dou en Europa durante os séculos XV e XVI e que estudarás nun próximo REA) si crearon ese nome, porque se consideraban herdeiros da época clásica romana e querían facer “renacer” a súa cultura. E no século XVII utilizouse o termo “Idade Media” para denominar o período comprendido entre a fin de Roma e o Renacemento, porque era literalmente o que estaba no medio desas dúas etapas. Como podes comprender, consideraban a Idade Media pouco importante, unha época de retroceso cultural, uns séculos de escuridade e barbarie. Tamén crían que ao longo de toda a Idade Media Europa permaneceu practicamente igual.
Rei de Galicia Ariamirus. Corte altomedieval.
Buliciosa cidade baixomedieval.
Xa sabes que non foi así. Foron uns mil anos da historia europea nos que houbo unha grande evolución e moitos cambios. Este curso estudaches xa gran parte deste período.
Os primeiros séculos da Idade Media forman a Alta Idade Media. Como sabes, nesta etapa as cidades baléiranse, Europa vólvese rural, a poboación séntese insegura ante as diferentes invasións que se suceden, e o poder pasa aos señores que lles poden ofrecer protección. É a época na que se crea o feudalismo. A sociedade concíbese composta por tres grupos de persoas ben diferenciados: a nobreza que ten por misión loitar, o clero que ten por misión rezar e o pobo común que ten por misión traballar para soster aos outros dous grupos.
Os séculos XI a XIII forman a Plena Idade Media. Nesta etapa viches que as invasións cesan, a sensación de seguridade volve á poboación, as poucas pequenas cidades que existían medran e moitas outras nacen. Co auxe das cidades crece un novo grupo social: os burgueses, os habitantes dos burgos ou cidades. Non son nobres, non teñen privilexios, pero poden chegar a acumular grandes riquezas co comercio e a banca.
Aos dous séculos finais da Idade Media, o XIV e o XV, chamámoslles Baixa Idade Media. Nela sucede que.... ben, iso é o que vas aprender neste REA.
Lectura facilitada
A etapa coñecida como Idade Media recibiu ese nome
cando xa non existía.
As persoas que viviron nese tempo non dicían:
“Eu vivo na época medieval ou na Idade Media”.
En cambio, as persoas do Renacemento (etapa que ven a continuación),
si crearon ese nome
porque querían facer “renacer” a cultura da época antiga romana.
No século XVII utilizouse o termo Idade Media
para se referir á etapa entre a fin de Roma e o Renacemento.
Porque era o que estaba no medio desas dúas etapas.
Daquela, consideraron a Idade media pouco importante,
como unha época de retroceso cultural,
como uns séculos de escuridade e barbarie.
Tamén crían que toda a Idade Media foi sempre igual.
Ti xa sabes que non foi así.
A Idade Media foron uns mil anos da historia europea
nos que se produciron moitos cambios.
Os primeiros séculos da Idade Media forman a Alta Idade Media.
Nesta etapa as cidades baléiranse. Europa vólvese rural.
A poboación séntese insegura polas invasións que se suceden
e o poder pasa aos señores que lles ofrecen protección.
Na Alta Idade Media créase o feudalismo.
A sociedade está formada por tres grupos de persoas:
1. A nobreza, que ten por misión loitar.
2. O clero, que ten por misión rezar.
3. O pobo común, que ten por misión traballar
para soster aos outros dous grupos.
Os séculos XI a XIII forman a Plena Idade Media.
Nesta etapa cesan as invasións e aumenta a seguridade.
Medran as cidades e nacen outras.
Nas cidades crece un grupo social novo chamado os burgueses.
Os burgueses son os habitantes dos burgos ou cidades.
Os burgueses non son nobres, non teñen privilexios,
Pero poden chegar a ter grandes riquezas co comercio e a banca.
Aos dous séculos finais da Idade Media, séculos XIV e XV,