A Baixa Idade Media: cando algo se pode torcer...tórcese
3.1. As crises agraria e demográfica
Glosario
Pequena Idade de Xeo
Definición:
Período frío que abarcou dende comezos do século XIV ata mediados do XIX.
Exemplo:
Durante algúns momentos da Pequena Idade de Xeo os londinienses podían patinar sobre o Támese.
Peste negra
Definición:
Epidemia de peste bubónica que asolou Europa dende 1347.
Exemplo:
Os xudeus chegaron a ser acusados de provocar a peste negra.
Plena Idade Media
Definición:
Período central da Idade media. Comprende os séculos XI, XII e XIII.
Exemplo:
Na plena Idade Media tanto a poboación como o comercio, a agricultura ou a artesanía rexistraron un notable desenvolvemento.
A crise agraria
O arrefriamento xeneralizado contribuíu á redución das colleitas.
Durante o século XIV tiveron lugar en Europa diferentes ciclos de malas colleitas provocados pola acción combinada de varios factores:
Condicións meteorolóxicas adversas: no século XIV iniciouse a coñecida como Pequena Idade de Xeo que trouxo consigo anos de moitas precipitacións e frío intenso que reducían as colleitas. Documentos da época falan de “colleitas podres”.
Cesamento de novas cavaduras por terse chegado ao límite das terras cultivables tras os séculos previos de expansión.
Polo mesmo motivo, esgotamento das terras tras longos anos de explotación cunha fertilización moi escasa.
Limitado desenvolvemento técnico.
Substitución de cultivos: diferentes plantas téxtiles de gran demanda e elevado prezo, como o liño, foron desprazando cultivos destinados á produción de alimentos xa que estes eran menos rendibles.
Estes condicionantes negativos xeraron un gran descenso das producións agrarias, un importante incremento do prezo dos produtos agrícolas e polo tanto graves problemas de abastecemento e episodios de fame. Por exemplo, en 1315-17 tivo lugar en Europa a chamada Gran Fame.
Lectura facilitada
Crise agraria:
En Europa tiveron lugar varios ciclos de malas colleitas.
Estas malas colleitas producíronse por diversas causas:
• Malas condicións meteorolóxicas: anos de frío e neve,
coñecidos como “Pequena Idade de Xeo”.
O frío intenso fixo reducir moito as colleitas.
• Para alimentar á crecente poboación caváronse moitas terras.
Pero chegou un momento no que non se podían cavar máis.
• As terras esgotáronse por non se puideron explotar máis.
A fertilización era escasa. As terras pobres producían moi pouco.
• Había poucas máquinas ou aparellos no campo.
• Substituíronse cultivos de alimentación por outros téxtiles,
que eran máis rendibles.
Estas malas condicións
crearon un descenso da produción de alimentos.
Audio
Sabías que...
Nesta época de arrefriamento os viquingos terminaron abandonando as costas americanas e Groenlandia, na procura de terras máis cálidas e aptas para o cultivo.
Viquingos desprazándose nos seus drakkars.
Recreación de vivendas viquingas en Anse aux Meadows (Terranova).
Lectura facilitada
Polo arrefriamento os viquingos
abandonaron Groenlandia e América do Norte.
Buscaban terras máis cálidas.
A crise demográfica
A fame e a desnutrición xa fixeron aumentar a mortalidade a comezos do século XIV, e a poboación descendeu. Pero o peor estaba por chegar.
Entre 1347 e 1351 unha terrible epidemia denominada peste negra asolou Europa. Nalgunhas cidades e pobos morreu máis do 80% da poboación. Non se lembraba algo igual. Uns pensaron que os xudeus foran os causantes, outros creron que a enfermidade era un castigo de Deus polos pecados dos homes. Pero non, a culpable resultou ser unha bacteria que chegou a Italia dende Crimea a bordo de barcos xenoveses. En ditos barcos non só viaxaban mariñeiros e mercadorías senón tamén ratas infectadas. Chegadas as embarcacións a portos italianos a peste foi rapidamente contaxiada ás persoas mediante a picadura das pulgas que previamente se contaxiaran a través do sangue das ratas.
Cidadáns de Tournai enterrando mortos da peste negra.
Nun curto período de tempo a peste, altamente contaxiosa e especialmente agresiva nas cidades, estendeuse por boa parte de Europa e matou a uns 25 millóns de persoas, polo menos a cuarta parte da poboación europea. No mapa podes observar por onde se estendía a peste negra no ano 1351. Preme sobre el e poderás ver como foi a expansión da enfermidade polo continente europeo.
Lectura facilitada
Crise demográfica:
A principios do século XIV aumentou a mortalidade por culpa da fame.
A poboación descendeu moito por non ter que comer.
Pero a situación aínda se puxo peor
porque entre 1347 e 1351 chegou a Europa unha terrible enfermidade.
Esta epidemia chamouse a Peste Negra.
Morreu unha gran cantidade de homes e mulleres.
En moitos lugares morreu máis da metade da poboación.
A “Peste Negra” chegou a Italia en barcos dende Crimea.
Nos barcos había ratas infectadas coa bacteria da enfermidade.
A peste contaxiouse rapidamente
porque as pulgas das ratas picaban á xente.
Morreron, sobre todo nas cidades, arredor de 25 millóns de persoas.
(Unha cuarta parte da poboación de Europa).
Audio
Sabías que...
A peste negra foi provocada pola bacteria Yersinia pestis. Coñecíase deste xeito porque a pel e as chagas dos enfermos adoitaban poñerse desa cor. Houbo tres tipos de peste: a bubónica, a pneumónica e a septicémica. A primeira era a máis común e provocaba unha grave inflamación dos ganglios linfáticos (bubóns). A segunda afectaba aos pulmóns e a terceira causaba unha infección do sangue.
Clásica representación dos médicos da peste negra. O peteiro da careta ía cheo de herbas aromáticas para limitar o cheiro dos enfermos.
.
Lectura facilitada
A enfermidade provocábaa unha bacteria
A bacteria chamábase Yersinia pestis.
Produce tres tipos da enfermidade:
A peste bubónica, que causa chagas na pel ou bubóns.
A peste pneumónica, que afecta aos pulmóns.
A peste septicémica, que produce infección no sangue.