Virán sempre tempos mellores?
En primaria estudaches conceptos básicos de poboación, e aprendiches a interpretar gráficos. Sabes que ata hai non máis de 200 anos a poboación crecía lentamente, porque a alta natalidade compensábase cunha mortalidade tamén alta. E este crecemento pausado víase interrompido por episodios de mortalidade catastrófica, causada por epidemias, fames e guerras. Neses momentos a mortalidade superaba á natalidade, de maneira que a poboación diminuía.

Tamén aprendiches que a unha etapa de crecemento e auxe séguelle outra de declive. Ningún gran reino ou imperio, por grande e poderoso que fose, ningunha cultura ou civilización, por esplendorosa que fose, duraron para sempre. A inevitable etapa de declive acaba dando lugar a un cambio máis ou menos profundo. Nalgúns casos tan profundo, que os historiadores consideran que finaliza unha etapa histórica e comeza outra.
Pois ben, xustamente todo isto sucedeu coa Idade Media. Empezou trala gran crise que significou a caída do imperio romano de Occidente, e finalizou con outra gran crise.
En efecto, tralo período de expansión da Plena Idade Media, no século XIV as tornas cambian e unha crise moi ampla e moi fonda afectou a Europa. Foi tan fonda que provocou grandes transformacións no continente, que acabaron dando lugar a un mundo tan distinto que a finais do século XV os historiadores consideran que xa non se debe falar de Idade Media, senón de Idade Moderna.
Como comprenderás, estes cambios non suceden dun día para outro, senón que se desenvolven durante anos. Porén, os historiadores utilizan algún acontecemento destacado como elemento divisor entre as etapas históricas. Para a fin da Idade Media, moitos utilizan a chegada de Colón a América en 1492. Outros, a caída de Constantinopla en poder dos turcos en 1453.


Neste REA aprenderás en que consistiu a crise que caracteriza a Baixa Idade Media e que cambios trouxo a Europa.
Lectura facilitada
Virán sempre tempos mellores?
En Primaria estudaches conceptos básicos de poboación,
e aprendiches a interpretar gráficos.
Sabes que até hai 200 anos a poboación crecía lentamente,
porque a natalidade era alta e a mortalidade tamén o era.
Cando había epidemias, fame e guerras a mortalidade era catastrófica.
Morría máis xente da que nacía e a poboación diminuía.
Tamén aprendiches que despois dunha etapa de crecemento
ven outra de declive. Ese declive trae cambios importantes.
Ningún Imperio, cultura ou civilización duraron por sempre.
Cando os cambios son profundos,
Os historiadores consideran que finaliza unha etapa e comeza outra.
Pois isto é o que sucedeu coa Idade Media,
que empezou trala crise da caída do Imperio Romano de Occidente
e finalizou con outra gran crise en Europa.
Os cambios foron tan grandes que deron lugar a un mundo distinto
a finais do século XV.
Os historiadores falan xa de Idade Moderna.
Como comprenderás, estes cambios non pasan dun día para outro
senón que se desenvolven durante anos.
Máis, os historiadores utilizan algún acontecemento importante
para dividir as etapas históricas.
Para a fin da Idade Media,
moitos utilizan a chegada de Colón a América en 1492.
Outros utilizan a caída de Constantinopla polos turcos en 1453.
Neste REA aprenderás en que consistiu a crise da Baixa Idade Media
e que cambios trouxo a Europa.
Agora, e antes de facer as actividades que aparecen seguidamente, toca volver ao 