A Baixa Idade Media: cando algo se pode torcer...tórcese
3.2. A crise no poder
Glosario
Cisma de Occidente
Definición:
División no seo da Igrexa católica, entre 1378 e 1418, etapa na que conviviron dous papas (nalgúns momentos ata 3).
Exemplo:
O Cisma de Occidente xerou numerosas dúbidas aos crentes pois non sabían a que papa debían obedecer.
Guerra das Dúas Rosas
Definición:
Conflito civil que enfrontou en Inglaterra ás casas de York e de Lancaster entre os anos 1455 y 1487. Ámbalas familias loitaban polo trono de Inglaterra.
Exemplo:
Despois de rematar a Guerra das Dúas Rosas iniciouse a dinastía Tudor.
Guerra dos Cen Anos
Definición:
Conflito Armado que entre 1137 ata 1453 enfrontou a Francia e Inglaterra polo trono de Francia.
Exemplo:
Xoana de Arco dirixiu as tropas francesas durante a Guerra dos 100 Anos.
Herexía
Definición:
Negación dalgún dos dogmas dunha relixión.
Exemplo:
Un dos castigos aos que podía ser sometido un herexe era ser queimado nunha fogueira.
A crise no poder: a crise relixiosa
A crise iniciada en Europa alcanzou a dous grandes poderes: a Igrexa e as monarquías.
En 1378, tras a morte do papa Gregorio XI, a Igrexa atopouse con dous papas que reclamaban a lexitimidade para dirixir toda a cristiandade. Esta división é coñecida como o Cisma de Occidente. Durou 40 anos durante os cales existiron dúas sedes papais unha en Avignon (Francia), outra en Roma. Mesmo nalgún momento chegou a haber tres, con outra sede en Pisa (Italia). Os diferentes países europeos manifestaron o seu apoio a un ou outro papa en función dos seus intereses económicos e políticos. A división mantívose ata que en 1418, no Concilio de Constanza, Martiño V, co apoio de todos os grupos, é escollido como papa e logra restaurar a unidade relixiosa. O cisma creou confusión entre a poboación, e desde logo non axudaba a que a xente confiase na Igrexa.
Durante 40 anos coexistiron dous, e ata tres, papas.
Lectura facilitada
Crise no poder: crise relixiosa
A crise iniciada en Europa alcanzou aos dous poderes:
O poder da Igrexa
O poder das monarquías
En canto á Igrexa:
Cando morreu o papa Gregorio XI, en 1378,
Outros dous Papas considerábanse lexítimos para substituílo.
Así, durante 40 anos existiron dúas sedes papais.
Unha sede en Avignon (Francia) e outra sede en Roma.
(Mesmo existiu unha terceira sede en Pisa (Italia)).
Esta división dos Papas coñécese como “O Cisma de Occidente”.
Os países europeos daban o seu apoio a un Papa ou a outro,
segundo os seus intereses económicos e políticos.
O cisma creou confusión na poboación. A xente desconfiaba da Igrexa.
En 1418, no Concilio de Constanza, lógrase a unidade relixiosa.
Martiño V é escollido Papa co apoio de todos os grupos.
Audio
A crise no poder: a crise política
En canto á evolución política do período, podemos subliñar que varias guerras importantes se sucederon na Baixa Idade Media. Por orde cronolóxica, imos coñecer algunhas delas.
A Guerra dos Cen Anos tivo lugar entre os reis de Francia e de Inglaterra, porque este último, que era membro da alta nobreza de Francia e estaba emparentado coa familia real francesa, reclamou o trono deste país. Dado que os franceses rexeitaron que un monarca inglés se convertera no seu rei iniciouse un conflito bélico que durará 116 anos, dende o 1337 ata o 1453 (houbo períodos de paz polo medio). Aínda que a guerra comezou enfrontando a Inglaterra e Francia por unha cuestión sucesoria, acabou converténdose nunha guerra europea que concluiría coa vitoria do rei francés Carlos VII.
Batalla de Crecy-Froissart (1346).
Sitio de Orleáns (1429).
En Castela tivo lugar unha guerra civil (1351-1369) entre dous aspirantes ao trono, ambos da familia Trastámara. Gañou Enrique II, tras matar ao seu irmán, Pedro I o Cruel.
En Inglaterra a Guerra das Dúas Rosas (1455-1487) enfrontou a dúas familias, os Lancaster e os York. Os Lancaster conseguiron a vitoria, e instaurouse a dinastía Tudor.
E novamente Castela volve vivir unha guerra civil (1475-1479) entre Xoana, filla do rei Enrique IV, e a súa tía Isabel, irmá de Enrique. Esta última consegue a vitoria e subir ao trono como Isabel I.
Enrique IV de Castela (1425 - 1474).
Isabel de Castela (1451-1504).
Lectura facilitada
Crise no poder: crise política
Varias guerras importantes sucedéronse na Baixa idade Media.
Imos coñecer algunha delas, por orde cronolóxica.
A Guerra dos Cen Anos, entre os reis de Francia e os de Inglaterra.
O rei de Inglaterra era membro da nobreza de Francia
e reclamou o trono dese país.
Os franceses rexeitaron o monarca inglés.
Comezou entón un conflito bélico que durou 116 anos.
A guerra empezou no 1337 e rematou no 1453,
pero houbo períodos de paz polo medio.
Acabou converténdose nunha guerra continental.
O rei francés Carlos VII conseguiu a vitoria.
En Castela tivo lugar unha guerra civil entre 1351 e 1369.
Enrique II enfrontouse co seu irmán Pedro I o Cruel.
Ambos eran da familia Trastámara. Os dous quería reinar.
Gañou Enrique II logo de matar ao seu irmán.
En Inglaterra, a Guerra das Dúas Rosas, entre 1455 e 1487.
A familia Lancaster e a familia York enfrontáronse.
Os Lancaster gañaron e instaurouse a dinastía Tudor.
De novo en Castela hai unha guerra civil entre 1475 e 1479.
Enfróntanse Xoana, que é filla do rei Enrique IV
e a súa tía Isabel, que é irmá de Enrique.
Isabel consegue o trono chamándose Isabel I.
Audio
Sabías que...
Na Guerra dos Cen Anos tivo un papel moi relevante Xoana de Arco. Era unha moza campesiña que afirmaba ter recibido unha mensaxe de Deus animándoa a participar na guerra. Despois de diversas vicisitudes Xoana conseguiu poñerse á fronte das tropas francesas e acadar importantes vitorias. Pasado o tempo foi feita prisioneira polos borgoñóns, aliados de Inglaterra, e entregada aos ingleses. Tras ser sometida a un xuízo acusada de bruxería e de herexía por vestir con roupas de home, foi queimada na cidade de Ruán o ano 1431. A súa figura foi recuperada no século XX e despois de ser canonizada, foi nomeada patroa de Francia en 1920.
Xoana de Arco.
Lectura facilitada
Neste conflito destacou una moza campesiña chamada Xoana de Arco.
Xoana dicía que Deus lle enviara unha mensaxe
para que participase na guerra.
Ela conseguiu importantes vitorias das tropas francesas.
Máis tarde foi feita prisioneira polos borgoñóns
E foi entregada aos ingleses.
Foi acusada de bruxería e herexía por levar roupa de home.