Saltar navegación

3.2 Desenvolver

Os textos expositivos e a IA

Na túa vida diaria manexas información continuamente: necesitámola para resolver inquedanzas, entender o funcionamento dun aparello ou responder a dúbidas. Nestas situacións, o tipo de comunicación que establecemos está ligado a un xénero textual fundamental: o texto expositivo. Se les un libro de texto, consultas unha entrada en Wikipedia ou incluso interactúas cun modelo de intelixencia artificial (IA) como ChatGPT, DeepSeek ou Llama, estás diante de exemplos deste tipo de textos.

Os modelos de linguaxe basean a súa eficacia en xerar respostas ben estruturadas, claras e obxectivas, características propias do texto expositivo.

Definición e finalidade

Os textos expositivos son xéneros orientados á transmisión clara e obxectiva de coñecementos. O seu obxectivo principal é explicar ideas, conceptos ou fenómenos de forma precisa, sen empregar persuasión nin linguaxe emocional. Por exemplo, cando preguntas a unha IA “¿Como funciona unha célula solar?”, a resposta será un texto expositivo que describe o proceso de conversión da luz en enerxía.

Características principais

Dado que os textos expositivos están orientados á transferencia de información, adoitan manter unha estrutura previsible, facilmente recoñecible e funcional. As características principais son:

  • Claridade: Emprégase unha linguaxe directa e sen ambigüidades para facilitar a comprensión. Evítanse termos confusos ou subxectivos.
  • Organización: A información estrúcturase de forma lóxica, xeralmente seguindo un orde introdutorio, de desenvolvemento e de conclusión. Por exemplo, as IAs organizan as súas respostas en parágrafos curtos con ideas xerarquizadas.
  • Neutralidade: Preséntanse feitos e datos verificables, evitando opinións persoais. Unha IA, por exemplo, non emite xuízos de valor ao explicar un tema.
  • Linguaxe técnica adaptada: Segundo o público, empréganse termos especializados (se o receptor é experto) ou explicacións sinxelas (se é un público xeral). A IA adapta o seu nivel lingüístico en función da consulta do usuario.
  • Recursos de apoio: Inclúense exemplos, comparacións, gráficos ou listas para reforzar a comprensión. As IAs, por exemplo, poden xerar esquemas ou enumerar pasos cando se lles solicita.

Estrutura habitual

A estrutura básica dun texto expositivo baséase na división en introdución, desenvolvemento e conclusión.

  • Introdución ou inicio: Presenta o tema e o obxectivo do texto.
  • Desenvolvemento: Explícanse as ideas principais, divididas en apartados ou seccións con subtítulos.
  • Conclusión ou peche: Resume a información ou ofrece unha visión de conxunto.

Unha IA segue esta estrutura de forma automática. Se lle pides que explique “as causas do cambio climático”, probablemente comece cunha definición, desglosará factores como os gases de efecto invernadoeiro e terminará cun resumo.

Tipos de textos expositivos

Os textos expositivos son habituais na nosa vida diaria. Podemos distinguir entre:

  • Divulgativos: Dirixidos a un público amplo (ex.: artigos de revistas, entradas de blog).
  • Especializados: Para expertos nun ámbito (ex.: informes científicos, manuais técnicos).
  • Explicativos: Centrados en procesos ou fenómenos (ex.: “¿Como se forma un furacán?”).
  • Definitorios: Aclaran conceptos (ex.: “¿Que é a fotosíntese?”).

A IA e os textos expositivos: unha relación sinérxica

As IA conversacionais poden producir diferentes tipos de texto segundo a solicitude que reciben. Poden xerar narracións, poemas ou realizar unha argumentación. Non obstante, os textos de modalidade expositiva son os máis habituais e unha das fortalezas na actualidade destes modelos.

A maioría das solicitudes de tarefas ás IA están relacionadas con explicacións de conceptos, resumo de artigos ou información técnica. Ademais, na actualidade a calidade e efectividade da produción de textos máis creativos ou persuasivos non é tan alta como nos textos expositivos, onde mostran máis eficacia.

Coñecer as características dos textos expositivos non só che permite comprender mellor a información que consumes, senón que tamén che axuda a empregar ferramentas de IA de forma responsable. Ao recoñecer a estrutura, a claridade e a obxectividade destes textos, serás capaz de identificar cando unha resposta é fiable e útil, xa sexa nun libro de texto ou nun chatbot.

Lectura facilitada

Que son os textos expositivos?

Cada día necesitas información para entender cousas novas. Por exemplo, cando buscas en internet como funciona un móbil ou que fai un volcán cando entra en erupción. Nestes casos, estás lendo un tipo de texto chamado texto expositivo.

Se consultas un libro de texto, unha entrada en Wikipedia ou preguntas a unha intelixencia artificial (IA) como ChatGPT, DeepSeek ou Llama, estás a ler textos expositivos.

Para que serven estes textos?

Os textos expositivos explican ideas ou conceptos de forma clara e ordenada. Non intentan convencer nin expresar sentimentos, só buscan informar. Por exemplo, se preguntas “Que é unha célula solar?”, a resposta explicará como funciona, sen dar opinións.

Principais características

Os textos expositivos son fáciles de recoñecer porque:

  • Son claros: Empregan palabras sinxelas e fáciles de entender.
  • Están ben organizados: Teñen unha introdución, un desenvolvemento e unha conclusión.
  • Son neutros: Dan información sen expresar sentimentos ou opinións.
  • Usan exemplos: Inclúnense situacións reais ou comparacións para entender mellor.

Como están estruturados?

Todos os textos expositivos seguen unha estrutura clara:

  1. Introdución: Presentan o tema. Por exemplo: “Os volcáns son montes que botan lava e fume”.
  2. Desenvolvemento: Explican as ideas principais. Exemplo: “Os volcáns poden estar activos ou inactivos. Cando entran en erupción, botan lava, gases e cinzas”.
  3. Conclusión: Resumen o máis importante. Exemplo: “Os volcáns son perigosos, pero también crean novas illas e solos fértiles”.

Tipos de textos expositivos

Podemos atopar distintos tipos:

  • Divulgativos: Para todas as persoas. Exemplo: Un artigo sobre o coidado das prantas.
  • Especializados: Para expertos. Exemplo: Un estudo científico sobre bacterias.
  • Explicativos: Contan procesos. Exemplo: “Como se forma un furacán?”.
  • Definitorios: Dan definicións. Exemplo: “Que é a fotosíntese?”.

A intelixencia artificial e os textos expositivos

As intelixencias artificiais (IA) axudan a crear moitos tipos de textos, pero son especialmente boas cos textos expositivos. Cando pides unha explicación sobre un tema, a IA organiza a información de forma clara e ordenada.

Aprender a recoñecer os textos expositivos axudarache a entender mellor o que les, tanto en libros como en ferramentas dixitais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)