Saltar navegación

1. A gaiteira de Lindín

 

Glosario

Autóctono

Definición:

Orixinario do lugar no que está ou onde vive.

Exemplo:

O carballo, o castiñeiro e o teixo son árbores autóctonas de Galicia.

Avelaíña

Bolboreta

Definición:

Bolboreta nocturna de corpo arredondado, ás longas e estreitas e voo rápido.

Exemplo:

Os víveres que gardaban no cabozo estaban a ser devorados por unha praga de avelaíñas.

Cabozo

Hórreo ou cabozo

Definición:

Nome que reciben os hórreos nalgunha zona de Galicia. Construción rural feita sobre columnas, con aberturas nas paredes para facilitar a ventilación, que se utiliza fundamentalmente para gardar produtos agrícolas. Tamén se lle dá outros nomes en función das zonas como cabaceira, cabazo ou piorno.

Exemplo:

Roi foi buscar unha espiga de millo ao cabozo.

Elemento sonoro

Elemento sonoro

Definición:

Calquera fonte que produce son ou sons que nos servirán para a elaboración de efectos sonoros.

Exemplo:

O son producido polo roce, a xeito de glissando, dunha culler metálica sobre media ducia de vasos de vidro con diferentes cantidades de auga ordenados de maior cantidade a menor.

Lepidópteros

Lepidóptero

Definición:

Nome científico dos animais comunmente coñecidos coma bolboretas. Existen bolboretas diúrnas pero a maioría son nocturnas, como é o caso das avelaíñas. Aliméntanse de vexetais polo que algunhas especies poden ocasionar pragas que afectan negativamente á agricultura.

Exemplo:

Os lepidópteros adoitan ter ás de fermosas cores.

Parrafeo

Parrafeo

Definición:

Conversa ou charla distendida que adoita ser longa e, ás veces, pode ser pesada.

Exemplo:

Á señora Asunción encántalle botar un parrafeo cos veciños.

Real Academia Galega

Elección de Eladio Rodríguez como presidente da Real Academia da Lingua Galega

Definición:

Institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo, defensa e promoción da cultura galega, así como establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua.

Exemplo:

Exemplo do termo 1.

Rexurdimento

Rosalía de Castro

Definición:

Proceso de recuperación da lingua e da cultura galegas iniciado na segunda metade do século XIX.

Exemplo:

Rosalía, Pondal e Curros son os principais representantes do Rexurdimento.

Serendipia

Serendipia

Definición:

Descubrimento importante que se produce de xeito casual ou accidental.

Exemplo:

Por serendipia atoparon o xeito de xuntar os bechos devoradores nun mesmo lugar.

Sonorizar

Sonorizar

Definición:

Engadir sons a imaxes, textos ou representacións. 

Exemplo:

Cos instrumentos musicais que fagamos na clase poderemos sonorizar A gaiteira de Lindín.

A gaiteira de Lindín

Lindín

Á beira dun río de pouco caudal, pero augas cristalinas había un lugar tan fermoso, tan fermoso que cando lle puxeron nome chamárono Lindín.

En Lindín non vivía moita xente, pero todas as persoas que habitaban aquel lugar eran moi felices. Foran por onde foran: rúas, camiños ou congostras. Cando se cruzaban, sempre se saudaban e botaban un parrafeo fosen mozos, nenos, vellos ou de calquera idade. Se alguén necesitaba algo, nunca lle faltaba persoa da veciñanza que lle botara unha man. Traballar, traballaban e moito; pero se tocaba festa, fose o Santiago ou o San Xoán, non había quen quedase sen bailar. Ata o señor Balbino, que adoito andaba agarrado ao seu caxato, nas foliadas non perdía compás.

Igual que acontecía noutros moitos lugares, en Lindín gardaban a colleita nos hórreos, que alí chamaban cabozos, para que cando chegaran o inverno e as neves houbera comida de abondo tanto para a xente coma para os animais.

O día da Candeloria, a señora Asunción pediulle ao seu neto Roi que fose ao cabozo buscar unhas espigas para moer e facer bolos de millo e roscas de San Brais. Cando o rebuldeiro Roiciño volveu cun cesto colgado do brazo, Asunción botou as mans á cabeza e dixo:

— Pero filliño! Que traes aí?

Foi tan grande o susto que Asunción lle meteu no corpo ao pequeno Roi que as espigas caeron ao chan e delas empezaron a bulir uns bechos voadores entre pardos e grises que axiña cambiaron a cor da cociña.

— Ramón, Ramón! -berrou Asunción- acude, axiña...

Os berros de Asunción eran tan fortes que o Ramón, que estaba na corte servindo o gando, tirou a colmeira e liscou cara a cociña pensando que algo moi grave tiña pasado. E errado non estaba.

Lectura facilitada

Líndín era un lugar moi fermoso con xentes moi amables e felices. 

Traballar, traballaban e moito; pero se tocaba festa non había quen quedase sen bailar.

Igual que acontecía noutros moitos lugares, en Lindín gardaban a colleita nos hórreos, que alí chamaban cabozos.

O día da Candeloria, a señora Asunción pediulle ao seu neto Roi que fose ao cabozo buscar unhas espigas para moer e facer bolos de millo e roscas de San Brais. 

Vaia susto levaron cando entre as espigas empezaron a bulir uns bechos voadores!

Que eran eses bechos voadores? Por que eran tan perigosos?

Coñece a historia da Gaiteira de Lindín e aprende a sonorizar un conto e a crear os teus propios elementos sonoros. Poderalo representar na conmemoración das Letras Galegas!

Aceptas o reto?

Lectura facilitada

Que eran ese bechos voadores? Por que eran tan perigosos?

Coñece a historia da Gaiteira de Lindín e aprende a sonorizar un conto e a crear os teus propios elementos sonoros.

Poderalo representar na conmemoración das Letras Galegas!

Aceptas o reto?

Que vou aprender?

Nesta sonorización do conto aprenderás sobre:

  • Participación na elaboración dunha creación artístico-músico-literaria.
  • Entoación en grupo dunha canción
  • Selección e construción de fontes sonoras.
  • Creación de células rítmico e/ou melódicas.
  • Os tipos de voces e os tipos de agrupacións vocais.
  • Conmemoración do Día das Letras Galegas.

Logo da posta en escena...

Serás quen de:

  • Representar: expresarémonos a través do corpo para comunicarnos.
  • Crear: expresaremos de maneira artística novas ideas amosando a nosa creatividade.
  • Socializar: traballaremos en equipo e compartiremos o noso traballo.
  • Coñecer feitos culturais: descubriremos o significado do Día das Letras Galegas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)